Unha caixa ao servizo de Galiza?

Unha caixa ao servizo de Galiza?
Luces e sombras na constitución da nova caixa galega

Xa vai transcorrido ano e medio desde que se aprobara, froito do consenso entre o PSOE e o PP, o proceso para, segundo a terminoloxía legal, unha fonda reestruturación e ordenación das entidades financeiras no estado español. Mais, detrás dese pomposo enunciado, agochábase en realidade a execución dun plan destinado a situar as caixas de aforro na órbita do poder central, facilitando o deseño desde Madrid do futuro mapa das caixas de aforro, e tamén a desnaturalizar os seus trazos sociais e de vinculación a un territorio concreto, abríndolle a porta á súa privatización e posterior bancarización.

O nacionalismo galego foi consciente desde o primeiro momento desa estratexia, cunha posición inequívoca e invariábel que se mantivo ao longo de todo este período, e que desde logo foi determinante no resultado final que hoxe coñecemos: a fusión das caixas galegas para seguir contándomos en Galiza cunha ferramenta fundamental para o financiamento do tecido produtivo galego.

A este respecto, simplemente abonda con dous apuntamentos. Por unha banda, convén lembrar que ao tempo que o BNG presentaba, en setembro de 2009, a proposta lexislativa para reforzar as competencias das institucións galegas sobre as caixas de aforro e para orientar a súa actividade crediticia dun xeito prioritario a apoiar os sectores estratéxicos da economía galega, o Goberno de Feijoo abaneaba na súa posición, ollando de esguello ao ditado do seu partido en Madrid, que partillaba a estratexia de centralización do sector financeiro. Durante máis de dous meses, apenas soubemos cal era a decisión do Goberno Galego, e foi no intre de ter que debaterse a devandita iniciativa lexislativa cando se precipitaron as decisións, motivadas pola presión de ter que posicionarse ante a proposta formulada polo nacionalismo galego, sensata e de país, que conectaba co sentir maioritario do pobo galego.

Por outra banda, se comparamos o actual escenario financeiro no estado español co que había hai ano e medio, certamente a aplicación do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) rendeu os seus froitos. As alianzas entre caixas de distintos territorios son maioritarias, e con iso a deslocalización foi imparábel, agás en casos contados. Que Galiza se atope neses casos contados non é casual, senón que ten a súa explicación pola iniciativa e traballo do nacionalismo galego, que foi quen de rachar o consenso bipartidista pactado en Madrid polas cúpulas do PSOE e do PP. Naqueles territorios onde PP e PSOE aglutinan a totalidade da representación política, non houbo obstáculo para acometer a reforma financeira sobre as caixas de aforro. En Galiza, a formulación polo BNG da vontade de seguir contándomos cunha caixa galega, foi quen de agudizar as contradicións da estratexia pactada en Madrid coas arelas da maioría do pobo galego, que o BNG foi quen de escoitar e articular politicamente, e serviu para evitar que, polo de agora, a dirección das nosas caixas ficase depositada en cenáculos alleos ao país. 

Malia terse superado ese primeiro envite sobre as caixas de aforro galegas, a culminación formal da súa fusión non pode ser o obxectivo final, senón que ha de contribuír para que, ao tempo que nestes días está a nacer unha nova caixa de aforros galega, tamén xermole un novo modelo financeiro, moi alonxado do imperante guiado polo paradigma económico neoliberal ao longo dos últimos anos, que teña os seus alicerces nunha maior intervención desde os poderes públicos das entidades financeiras co gallo de asegurar que a política de créditos vai destinada a financiar investimentos produtivos que crean emprego para as maiorías sociais e non meramente especulativos en exclusivo beneficio de minorías elitistas.

Temos un bo instrumento para iso. A vixente lei de caixas de Galiza, aprobada en decembro de 2009 polo Parlamento Galego, pretende sobre todo garantir que as caixas de aforro cumpran acaídamente a súa función económico-social, obriga a reforzar a coordinación da política crediticia e de investimentos das caixas, e lexitima a intervención desde os poderes públicos galegos para  promover e coordinar unha estratexia que permita facilitar o financiamento aos sectores produtivos galegos, ás empresas que producen e crean valor en Galiza.

Tamén hai quen insiste en incentivar o camiño da bancarización. Apenas hai seis meses, o PP e PSOE, pactaron de novo mudanzas legais para facilitar a entrada de capital privado nas caixas de aforro (as denominadas cotas participativas con dereitos políticos) ou mesmo a transformación das caixas en bancos mantendo nunha fundación a súa obra social. Unhas reformas de calado que xa teñen traslado nos Estatutos da nova caixa galega, que admite as cotas participativas con dereitos políticos, abrindo así a portela á entrada de capitais alleos con mando en praza, isto é, con capacidade de exixir a orientación dos investimentos e política crediticia da nova caixa a fin de ter garantida unha determinada rendibilidade, por riba do interese da economía do país.

Logo de ter rebasado o primeiro chanzo cara a reestruturación das caixas de aforro galegas, non pode demorarse a aplicación do novo modelo que se desprende do marco xurídico da vixente Lei de caixas de aforro de Galiza, con vistas a que contribúan a mellorar o nivel socioeconómico de Galiza, nin tampouco cabe aceitar a incorporación de aspectos que colocan á nova caixa galega no camiño da privatización e bancarización. Apenas teremos avanzado de contarmos cunha entidade financeira galega se a súa estratexia é semellante á da banca comercial convencional, senón que ha de levar adiante un modelo diferenciado, que teña como preferencia  subministrar o financiamento necesario a todos os proxectos de empresas e emprendedores que sirvan para estimular a economía galega. Incluso teremos retrocedido se validamos unhas regras de funcionamento que lle permiten ter presenza nos órganos de dirección a persoas en interese exclusivo do capital que poidan achegar. Eis a razón de que desde o nacionalismo galego se aplauda o nacemento dunha nova caixa galega, mais non deste xeito, cunhas regras reitoras que desnaturalizan o seu carácter fundacional e aproxímana a unha entidade capitalista ao uso.

Non abonda con terse fotografado conxuntamente para declarar culminado con éxito a supervivencia do noso modelo financeiro. Non é tempo dunha retirada a un segundo plano, como a que comeza a aplicar o Presidente Feijoo e o seu equipo, contravindo así o espírito que presidiu a aprobación da actual Lei de caixas de Galiza, e que xa deixa secuelas negativas: abandono do capital dunha empresa punteira no eido das telecomunicacións ("R") e reforzamento da presenza nunha transnacional da construción de matriz española (Sacyr), para compensar perdas derivadas da expansión no centro e levante peninsulares provocadas polo "boom" inmobiliario.

Está en xogo defender un modelo de caixa de aforro galega que se implique no desenvolvemento socioeconómico de Galiza. Ese é o camiño que fica por recorrer,  e o Goberno galego ten a responsabilidade de aplicar a vixente norma legal galega sobre caixas de aforro, para que, desde o comezo da andaina, a nova caixa de aforros galega cumpra acaidamente, non só un papel como entidade financeira, senón exerza a vocación de ser o nutrinte esencial para o crecemento da economía e o emprego en Galiza.