Un atraco xeneralizado á poboación a conta da débeda pública

Un atraco xeneralizado á poboación a conta da débeda pública
Hai alternativas á crise e a este modelo económico capitalista, pero as mesmas non pasan por recorte de dereitos á clase traballadora

Estamos asistindo estes días a unha escalada nese terrorismo financeiro que practican, bancos e fondos de investimento diversos, coa débeda pública dos estados periféricos da Eurozona, coa complicidade do Banco Central Europeo(BCE), da Comisión Europea (CE) e dos gobernos dos estados que a conforman.

O que está a pasar coa especulación da débeda pública é de auténtico escándalo e confirma o que o nacionalismo galego levamos denunciando desde sempre, esta Unión Europea é a Europa dos mercados e dos mercaderes, ao servizo dos intereses da oligarquía financeira europea.

A especulación que se está a producir e consentir coa débeda pública, ten como principal  obxectivo, permitirlle á banca europea e aos seus accionistas resarcirse das perdas sufridas, como consecuencia da crise, volver a ter uns marxes importantes de beneficios e repartirse dividendos, e todo elo a custa do erario público, de recortar o Estado do Benestar e empeorar as condicións de vida das clases populares.

Rematar coa especulación da débeda pública, que se está a dar curiosamente só na eurozona, tería fácil solución se os gobernos europeos quixeran, empezando no Estado Español polo PSOE e PP, e se o BCE exercese realmente como un banco central, recorrendo á emisión de moeda, emitindo eurobonos, prestándolle cartos ou comprándolles directamente aos estados a débeda pública, como fixo por certo EE.UU., sen cuestionar por iso o sistema. Pero en vez de facer isto, que sería o lóxico, o que fai o BCE é favorecer o grande negocio da banca privada, prestándolles os cartos, nestes momentos ao 1,5%, para que a banca compre a débeda soberana aos estados esixíndolle xuros do 6, 8, 12 ou o que decidan, coa inestimábel colaboración das axencias de cualificación.

Porque iso é outra, como é posíbel, se non é por razóns de intereses económicos do lobby financeiro, que as institucións públicas financeiras acepten como referencia para avaliar o risco dun investimento ou a solvencia dunha entidade, a cualificación dada por entidades privadas, como son as Axencias de Rating, das que son accionistas e ao mesmo tempo clientes os bancos e fondos de investimento que especulan, negocian e se benefician segundo a cualificación sexa unha ou outra? Axencias que por certo xa teñen demostrado a súa falla de rigor e de imparcialidade, durante os meses e días previos a desatarse a crise financeira, ao darlle a máxima cualificación a entidades financeiras que estaban en creba.

Se todas as burbullas (petróleo, cereais, inmobiliaria, financeira,...), fomentadas por este modelo económico especulativo, teñen consecuencias moi graves nas condicións de vida da xente, a burbulla da débeda pública non é menos.  O seu encarecemento incrementa os déficits dos estados e transfire, por esa vía, recursos públicos ao capital, co conseguinte recorte do gasto público e polo tanto deterioro dos servizos públicos, das infraestruturas e a correspondente perda de emprego. Esta perda de recursos públicos, ademais de poder evitarse, podería compensarse a través de aumentar os ingresos dos estados vía incremento dos impostos aos especuladores e as grandes fortunas, pero a política que están a seguir os estados é xustamente a contraria.

Ao tempo que está situación se da e se incrementa o déficit público,  a oligarquía financeira que se beneficia desta especulación coa débeda pública, coa complicidade da dereita e a socialdemocracia europea (no Estado Español PP, PSOE, CIU, CC e PNV), esixe aos gobernos continuar coas políticas de reformas na orde laboral e social, impondo medidas de carácter estrutural coas que pretenden que a saída a crise sexa a custa de recortar dereitos e precarizar as condicións de vida da  maioría social, afondar no modelo de capitalismo neoliberal  e lograr algo, que desde o punto de vista dos seus intereses de clase, presentes e futuros, é fundamental, reducir ao mínimo a contestación social pola vía de debilitar, ideolóxica e organizativamente, á clase traballadora e as súas organizacións de clase.

Hai alternativas á crise e a este modelo económico capitalista, pero as mesmas non pasan por recorte de dereitos á clase traballadora ou por recortar o gato social e privatizar empresas e servizos públicos, que é o modelo que se está aplicar, no que coinciden POSE e PP, e que xa ten demostrado a súa total ineficacia para reactivar a economía, xerar emprego e rematar con este modelo de economía especulativa, altamente inxusto, insolidario e antidemocrático.

Temos que esixir no inmediato un novo modelo de política fiscal e financeira que pasa por: fixar impostos ao capital financeiro, tanto sobre beneficios como sobre soldos elevados; impostos sobre as transaccións financeiras; impostos sobre o patrimonio e as grandes fortunas; suprimir os paraísos fiscais; crear bancos e axencias de ranting de carácter público; ou noutro orde de cousas, investir na mellora dos servizos públicos e nos sistemas de protección social; crear empresas públicos nos sectores estratéxicos da economía; fomentar a estabilidade no emprego, etc., traballando na perspectiva de sentar as bases organizativas e ideolóxicas dun novo modelo económico e social máis xusto, solidario, democrático, garante dos dereitos fundamentais a toda a poboación  e respectuoso co dereito á plena soberanía das nacións.

A solución a crise económica, desde unha perspectiva favorábel aos intereses da maioría social, non vai vir da man de aqueles que a provocaron e que se están a beneficiar dela, fomentando un capitalismo depredador dirixido por individuos sen escrúpulos, sen ética nin moral de ningún tipo, insaciábeis nas súas ansias de poder e de lucro, carentes do máis mínimo respecto polos dereitos humanos e os dereitos colectivos dos pobos.  Este sistema económico e social non serve, hai que cambialo.

Desde a esquerda, desde o nacionalismo galego, temos que mobilizármonos, temos que estar ao fronte da contestación social e temos que dar o debate ideolóxico na sociedade, co firme convencemento e coa perspectiva, como diría Samir Amín,  de que a solución non pasa por buscar saídas que lle axuden ao capitalismo a superar a crise, se non por buscar saídas que nos permitan superar o capitalismo en crise, na conquista dun modelo económico e social favorábel aos intereses da clase traballadora.