Non somos un pobo a piques dun rescate, aínda que si somos un pobo refén

Non somos un pobo a piques dun rescate, aínda que si somos un pobo refén
As axudas da Comunidade Europea non eran para o desenvolvemento, eran o produto da venda do destino dun pobo

Van pasando os días, que cada día se fan máis longos nesta triste crise/guerra. E digo guerra, si, digo guerra porque, segundo algúns economistas de renome, os ciclos económicos que antes marcaban o punto de inflexión por motivo de guerras “clásicas”, onde os vencedores collían o botín de guerra, tesouros, bens culturais, territorios, persoas,.. e poñían condicións, agora faise de outro xeito, con máis limpeza, pero igual de destrutora do benestar das comunidades. Esas condicións aos pobos vencidos teñen moito que ver co papel ao que destinaron a Galiza uns malos gobernantes.

Repasemos o resultado na nosa economía produtiva dende que estamos na Comunidade Europea. Parece unha restra de renuncias económicas, adubiadas con economía de casino e algo parecido a esa cultura do “estraperlo”, do “inventar/resolver” dos nosos irmáns cubanos, da política de ir poñendo parches e sacar mentres tanto a mellor tallada dun solar vendido a data fixa aínda que diferida.

Dende que entramos na Comunidade Europea din que viñeron ríos de cartos, o doce prato de lentellas que quedaron nas represas/petos das elites e que en forma de frangullas chegaron á cidadanía. Visto o visto, e coa suficiente perspectiva, eses cartos eran, nin máis nin menos, o prezo da venda do territorio que fixeron os nosos príncipes/burguesía tapón. Non eran axudas ao desenvolvemento, era o produto da venda do destino dun pobo.  

A veces síntome como penso que se debían sentir algúns dos mujiks, eses labregos rusos que cando as terras eran vendidas, eles tamén cambiaban de dono, non tendo a oportunidade en ningún momento de optar a dicir que non estaban de acordo coa súa condición e que a terra que traballaban e na que naceran era, fundamentalmente, deles.

E ante esa visión non queda outra que cabrearse día a día para tentar cambiar ese camiño que non se debeu comezar. É certo que necesitamos ser rescatados, pero porque somos reféns duns trapalleiros que antepoñen os seus ilexítimos intereses persoais e de casta aos intereses de pobo e do país.

Nesta tempada estou a maquinar que verdadeiramente foi no ano 1986 cando perdemos esa guerra, aínda que nesas datas parecía que todo o mundo gañaba algo. Non quero dicir que todo fora malo (nas guerras e nas posguerras sae ao escenario o peor dos individuos, pero tamén o mellor). De súpeto xa éramos europeos (como si antes Galiza estivera noutro continente) e xa non tiñamos que preocuparnos de nada. Como nos sentaban ao carón dos alemáns, dos franceses e dos ingleses (os outros non teñen tanto brillo), xa eramos potentes e xa non necesitabamos pensar en poñer en valor os nosos recursos económicos, porque íamos a ser rendistas. Estabamos no clube dos ricos e os pobres do mundo traballarían para nos, ese parecía o resume do que sucedera.

O que realmente pasou foi que a partir dese momento, no momento de aceptar os cartos por malvender o país, comezamos a gañar peso, a facernos cómodos e a deixar que outros gobernaran as nosas vidas, vivindo despreocupadamente cos cartos da venda do que herdamos dos nosos antepasados. Esa visión do acontecido é a que podería explicar que agora nos pidan ao pobo devolver o que lles debemos.

E nós, sen entender nada, e mirándonos uns a outros con incredulidade, comentemos que non debemos nada a ninguén, que o que temos o conseguimos co noso esforzo e co traballo do día a día. Non nos decatamos que o problema ven de máis atrás, que é dende ese momento cando pasamos a ser reféns de eses que nos invitaron a súa mesa (en realidade cambiamos de amos, coma os mujiks).

Pasamos dun escenario onde nos dicían o que tiñamos que facer que estaba a seiscentos quilómetros a outro que está a tripla distancia. En realidade nada mudara, soamente a novidade do cambio e a facilidade de poder ir a traballar a Londres ou Dusseldorf como antes fixeran os nosos pais cando ían a Madrid ou Barcelona.

Eses ríos de cartos, que serviron para xerar unha burguesía mafiosa, doutorada en enxeñería da subvención, e que viña en concepto de pago pola venda do futuro do noso país, e que beneficiou a esas elites político/financeiras en exclusiva, queren que os devolvamos os que non temos responsabilidade neses tratos. As estradas, colexios e hospitais facíanse vía cretos con unha restra de ceros que esgotaban os bolígrafos, e as mordidas eran ao contado.

Pois está chegando o momento de rebelarse contra este triste presente e máis triste futuro. Non quero que me rescate quen me converteu en refén. E teño a arma do voto para tentar mudar ese destino que nos anticipan como verdade única. Non parece un instrumento moi danino, pero seguro que se se aplica con todo o sentimento vai molestar aos que non queren unha Galiza próspera e con futuro, capaz de poñer en valor todas as súas potencialidades, que son moitas. E se todos sabemos que se poden facer as cousas doutra maneira, moito mellor, pois armémonos coa papeleta e mudemos o noso destino.

Cando escoite aos políticos de garabata dicir que perigan os soldos deles polos axustes en lugar de dicir que perigan as pensións, saberei que eses políticos son os meus. Un pouquiño de dignidade que, afortunadamente, non somos todos iguais.