Un pacto contra os intereses da clase traballadora

Un pacto contra os intereses da clase traballadora
Sobre o chamado "Acordo Social e Económico para o crecemento, o emprego e a garantía das pensións, ASE"

O pasado día 2 de febreiro, CCOO e UGT asinaban, conxuntamente co Goberno Español e a CEOE, o chamado " Acordo Social e Económico para o crecemento, o emprego e a garantía das pensións" (ASE), un novo exemplo da súa xa coñecida práctica sindical de Pacto Social que tan negativas consecuencias tivo sempre para a clase traballadora do Estado Español e que resulta especialmente negativa nestes momentos de crise económica e de recortes de dereitos e de calidade de vida para os traballadores e traballadoras.

Dito acordo (ASE) é  todo un exercicio de cinismo, manipulación e submisión destas dúas centrais sindicais ao poder económico e político e un engano e traizón á clase traballadora. O que se vende como un gran pacto polo crecemento, o emprego e as pensións, non deixa de ser simplemente un mero envoltorio para xustificar a aceptación, por parte do sindicalismo españolista, das propostas do Goberno e a banca, en materia de reforma das pensións. O que ata daquela eran liñas vermellas que non estaban dispostos a cruzar, de repente, convertéronse en liñas verdes que se podían cruzar sen risco ningún. Este "sorprendente" cambio, por parte das direccións de CCOO e UGT, cabería preguntarse se é froito dun daltonismo sobrevido durante a negociación co Goberno, como consecuencia de ter inxerido algún elixir maligno, ou obedece a razóns máis materiais e científicas ? Todo indica que ten máis que ver con isto último.

Estas dúas centrais sindicais levan, dende a chamada transición democrática, con algunha que outra paréntese circunstancial, facendo da política de pacto social o centro fundamental da súa acción sindical. Esta práctica tense acentuado nos últimos anos, acompañada dun forte proceso de burocratización, sindicalismo de cúpulas e abandono da mobilización como forma de presión, participación e concienciación da clase obreira, na conquista e  mellora das súas condicións de traballo e dos seus dereitos. Serva, como un exemplo de isto último, os Acordos Estatais de Negociación Colectiva, asinados nos últimos anos.

Unha práctica sindical que garda relación cunha forte deriva e dereitización ideolóxica, por parte da dirección destas organizacións, coa renuncia clara a manter unha práctica e a facer unha interpretación marxista da realidade social i económica, aceptando o actual sistema como o mellor dos mundos posíbeis e renunciando na práctica a loita de clases, no seu sentido máis profundo. Convertéronse así nunha especie de sindicatos oficiais do poder (político i económico), que se necesitan e retroalimentan mutuamente, perdendo mesmo a autonomía económica necesaria para facer un sindicalismo de confronto co poder.

O momento en que se asina o ASE, e o contido do mesmo, é un claro exemplo de todo isto. Só baixo estes presupostos se pode entender que, en plena crise económica, cun ataque brutal á clase traballadora de recorte de dereitos e de precarización das súas condicións laborais, se poida pactar un acordo no que, no fundamental, e deixando á marxe a literatura e declaracións de boas intencións, só se tratan aqueles temas que lle interesa o poder e que van no camiño de recorte de dereitos (reforma das pensións), de proporcionar man de obra barata e subvencionada á patronal (contratos a tempo parcial bonificados), mantense o recorte dos salarios vía negociación colectiva (referencia ao AENC 2010-12) ou acábase eludindo a reforma laboral que motivou a folga xeral do 29 de setembro.

Resulta sorprendente que un acordo que se vende como un gran pacto social para a saída da crise, non contemple os motivos que motivaron a mesma e en coherencia con iso tampouco se adoptan ningún tipo de medida que vaia encontra de quen a provocou, a oligarquía financeira, nin se formulen políticas estruturais que senten as bases para un cambio de modelo económico. En dito acordo nada se fala de mudar as políticas fiscais para incrementar os ingresos do Estado e combater o déficit público pola vía de incrementar os impostos ás rendas máis altas e o capital, recuperar o imposto de patrimonio, combater o fraude fiscal ou promover a desaparición dos paraísos fiscais. Non se toca para nada o control dos sistema financeiro e dos movementos especulativos de capital, o rexeitamento a privatización das caixas de aforros ou a necesidade da creación dunha banca pública que canalice recursos cara o tecido produtivo e as familias. Tampouco se toca nada relativo á mellora dos servizos sociais, do investimento público produtivo ou da oposición á política de privatizacións das empresas e servizos públicos, é dicir, un pacto no que se sacrifican os intereses da clase traballadora, se consolida o modelo neoliberal e nada se lle esixe ao capital financeiro. Parece que non resulta pois excesivo cualificar este acordo de traizón á clase traballadora.

Está pendente outro dos grandes acordos que forman parte desta política de recortes e de esixencias da patronal e do capital financeiro europeo, estoume a referir ao acordo en materia de negociación colectiva, do que xa se adianta algo no ASE. Este pacto en materia de negociación colectiva, que se presenta de cara aos traballadores como un intento de vertebrar e racionalizar os convenios colectivos, no fondo o que busca e pechar o círculo de concentración do poder, nos seus tres principais piares, económico, político e sociolaboral. O económico xa se está a facer vía privatizacións caixas de aforros, empresas e servizos públicos ou reformas laborais ou das pensións. O político a través de leis que baleiren de contido as competencias autonómicas. O sociolaboral búscase logralo a través dunha maior centralización da negociación colectiva, potenciando os convenios marco estatais negociados polas cúpulas sindicais de CCOO/ UGT e practicamente sen control nin participación dos propios traballadores e traballadoras afectados, eliminando ou baleirando de contido os convenios provinciais que son os que reúnen, como norma xeral, masa crítica suficiente, posibilidades de participación e de mobilización da clase traballadora e, a maiores, e nisto está unha das claves, participamos e temos un peso importante nestes convenios outras forzas sindicais que non compartimos o seu modelo sindical. En definitiva, control absoluto de todo o relativo á fixación das condicións laborais por parte das cúpulas de CCOO/UGT e intento de eliminación dos seus competidores no campo sindical. Nesta estratexia hai intereses comúns entre patronal e sindicatos estatais,  a patronal porque sabe que este modelo de negociación vai contribuír a un deterioro nas condicións laborais e salariais, co conseguinte aumento dos seus beneficios e debilitamento da clase obreira, e estas centrais sindicais porque así verían reforzado o seu poder e control sobre unha arma que é fundamental para a mobilización, presión e mellora das condicións laborais da clase traballadora.   

Estamos pois, ante un Acordo, Pacto Social, que ten unha grande trascendenza para o movemento obreiro, superior a pactos sociais anteriores, por como e cando se da. Estamos a falar dun pacto que se fai en plena crise económica, que non cuestiona o modelo neoliberal, que acepta recortes importantísimos en materia de dereitos laborais e que se asina despois de realizar unha folga xeral. É un acto de entrega, de submisión ao poder, de renuncia ao debate ideolóxico por parte do sindicalismo estatal. Un Gran Pacto a favor da desmobilización e a desideoloxización da clase obreira. Un gran pacto que contribúe a debilitar as tres grandes armas do movemento obreiro para confrontarse co capital, organización, mobilización e ideoloxía, na procura da conquista dun modelo económico e social máis xusto, solidario e democrático que contribúa a súa liberación como clase. Un gran pacto que deixa a esquerda española en terra de ninguén, coa contradición de ter que rexeitar este pacto ao tempo que evita criticar ás organizacións sindicais que o asinan e actúan como os colaboradores necesarios do neoliberalismo.

Afortunadamente para a clase traballadora de Galiza e Euskadi, e para as forzas políticas da esquerda nacionalista actuantes nelas, estamos implantadas, con peso e capacidade mobilizadora, centrais sindicais cunha práctica claramente contraria á esta política de pacto social, que buscamos a través da participación, da mobilización, do combate ideolóxico e da autonomía financeira, facer das nosas organizacións sindicais ferramentas útiles para a clase traballadora, no seu confronto co poder, na defensa dos seus intereses de clase, dos que forma parte sen dúbida a defensa do recoñecemento do carácter plurinacional do Estado Español e o dereito a decidir por nós mesmos, nun contexto de plena soberanía política das nosas respectivas nacións.

Sería bo, para a clase traballadora de todo o Estado Español, que o sindicalismo de clase, combativo, non pactista, se fose reforzando nas outras nacións do Estado, en detrimento da representatividade de CCOO e UGT, de cara a restarlle  a capacidade formal que hoxe teñen para determinar moitas das condicións laborais e sociais da clase traballadora do Estado, amparándose para elo na centralización da negociación colectiva e no propio marco competencial, absolutamente centralizado en materia de lexislación laboral e social.   

Ante esta crise, ante este ataque tan descarado e brutal contra os noso dereitos e intereses como clase, temos que tomar conciencia de que os fundamentalistas do neoliberalismo, tanto no campo económico como político, non só non van a renunciar ao seu modelo económico se non que buscan afondar nel a costa de debilitar á clase traballadora e aos Estados. Temos que mentalizarnos que estamos nunha loita de poder, cun forte contido de clase, unha loita na que está en xogo cal vai ser o modelo económico e social que se impoña de cara o futuro, ou o actual modelo capitalista neoliberal, profundamente inxusto e antidemocrático, ou un novo modelo de organización social i económica favorábel aos intereses da maioría social, que sexa garante dun reparto igualitario da riqueza e do goce en condicións dignas de dereitos fundamentais da poboación (traballo, ensino, saúde, pensións, vivenda, enerxía, etc.). Ese cambio de modelo só o poderemos conquistar desde a organización, a mobilización social e o debate ideolóxico, do que debe formar parte tamén a participación dos traballadores e traballadoras nos procesos electorais, dándolle a importancia que realmente ten o noso voto, apostando por aquelas forza políticas sensíbeis as nosas reivindicacións como clase e que están do noso lado nesta loita contra o neoliberalismo e o capital financeiro.