Ricos e impostos... auga e aceite

Ricos e impostos... auga e aceite
Non se pode ir polos camiños trillados de recadar máis impostos á xente que ten unha nómina ou ten un pequeno negocio

Estamos no ecuador da campaña electoral da que vai saír o vindeiro presidente do goberno do Estado español (se non o nomea a UE ou Deus Mercado), que terá que artellar medidas para que non nos afundamos todos nesta crise que está deixando en "estado de malestar" o "estado do benestar" que pensabamos que era unha conquista a que non podiamos renunciar, e que sen embargo vemos que se vai caendo cacho a cacho e que a gran parte da masa social parece non importarlle (mentres non lle atinxa directisimamente).

Se algo quedou destes anos de tolemia do ladrillo (agora que xa non hai carto doado, nin do outro), son as máximas do vale todo e do individualismo cegador como práctica de convivencia. E son unhas malas herdanzas, que tardarán en ser vencidas. E teño para min que serán expulsadas co corpo social non por convencemento de que provocan a ruína da maior parte da poboación, senón porque soamente vexamos a salvación nosa inexcusabelmente ao tempo que se salva o veciño. E para isto, aínda quedan uns meses, ao que parece (seguindo as secuencias temporais de Grecia ou Portugal).

Así que, a día de hoxe, hai que ir as urnas coñecendo de antemán que van gobernar os mesmos que provocaron a maior estafa nunca vista no Estado (Ruíz Mateos soamente é un aprendiz avantaxado), que levaron a millóns de persoas á semiescravitude vía préstamos hipotecarios. E nesa operación están os bancos (tamén as caixas) e os políticos dos dous partidos maioritarios, que pola cantidade de seareiros da que dispoñen, tiñan posibilidade de tentar cambiar o rumbo que ía tomando o prezo da vivenda, que é a que latexa no fondo da crise española.

A clase traballadora (esa a que agora chaman clase media), non vai saír da crise en moitos anos. E imos ser os que teñamos que pagar os impostos que din que lles van facer pagar aos ricos. Porque os ricos, no momento que lles digan que teñen que pagar máis, van a deslocalizarse. Se o fixeron coas industrias, acaso non o van a facer con un domicilio fiscal. Ignoro os problemas de cambiar unha SICAV ou instrumento de aforro-investimento semellante de A Coruña para Amsterdam, por exemplo, pero penso que é menos complicado que deixar de producir na Galiza téxtil para producilo en países cunha man de obra máis barata.

Sei que non son o optimista que debera ser, pero iso de que me chamen "clase media" non me gosta nada, porque eu sei que son clase traballadora. Ese aumento de rango non vai ser gratuíto, vai traer consecuencias económicas importantes para unha gran parte da poboación, que será a que vexa como sube a carga impositiva do Estado. Os que aínda conservamos o traballo imos a ser "ricos por decreto", como antes fomos clases medias,  non porque gañemos máis, senón porque unha parte importante de persoas, dos nosos veciños, pasan a ser pobres, así de claro.

E o problema non queda nas rendas do traballo. Os impostos sobre a vivenda, sobre o patrimonio é unha variábel que xa están a tocar e que vai soar como unha orquestra rumbosa unha vez que pasen as eleccións. Agora que moitos traballadoras somos medio-propietarios xunto do banco de algo, imos descubrir que somos meros inquilinos, que o Estado é o dono e que por deixar que nos chamemos "dono de isto" vai a cobrarnos un aluguer. O triste e que as únicas receitas que están a probar son as que teñen que ver coa suba de impostos, insisto, aos de sempre.

Necesitamos que as nosas capacidades humanas e produtivas se poñan en marcha..., non que se marchen a outros sitios. Temos a urxencia de facer que Galiza produza, que as universidades galegas alumeen novas vías de traballo e de excelencia. Temos a necesidade de que todo aquel que este en disposición de aportar algo positivo no económico e no laboral atope aquí todo o apoio institucional e social para que medre con Galiza.

Non queda moito tempo. Os partidos políticos, sindicatos, universidades, organizacións patronais e até o deus bendito (como na toma de posesión do tecnócrata en Grecia), teñen que facer o esforzo de elaborar un plan que conleve creación de riqueza. Cobrar impostos por todo xa se está a facer. E cando se lle queira cobrar aos ricos, aos verdadeiramente ricos, marcharán de aquí, non sen antes sementar o caos (como acostuman a facer cando deciden que iso que abandonan xa non lles é de utilidade).

É necesario que os poderes públicos e os que aspiran a gobernarnos, deixen de ir polos camiños trillados de recadar impostos á xente que ten unha nómina ou ten un pequeno negocio, a esa mal chamada clase media, clase traballadora pura e dura, en realidade. Porque ese, con ser o camiño doado, pode terminar con escorar a esa parte da poboación ata un extremo político que soamente traerá problemas como xa os trouxo en épocas pasadas.

A extrema dereita (a versión política do Deus Mercado) está sentada, esperando que os políticos de baixo voo lle fagan o traballo suxo, para despois poder presentarse como os salvadores. É triste pensar que estamos en mans de políticos de moqueta. Mudemos esa moqueta por rúa e por fábrica, por esforzo e por loita diaria no noso posto de traballo. Traballo digno, non subsidios nin esmolas. Somos quen de gañar o futuro propio.

Se non conseguimos ir por ese camiño, quedaremos no arró. E Galiza non o merece. É a hora de depositar na urna toda esa ilusión de loitar para mellorar. Ah! e non conten cos ricos para ese esforzo. Están noutras vainas.