Razóns contra o euro

Xa non estamos a soas na loita contra o euro

Xa non estamos a soas na loita contra o euro. A posición mantida polos nacionalistas galegos respecto ao proxecto europeo, onde a moeda xoga un papel central, é cada día partillada por máis sectores da nosa sociedade. Así é todo, á par que a contestación contra o sistema euro pasa ao primeiro plano da loita ideolóxica e política, a nosa actitude no conflito semella acomplexada de máis. A evolución da crise na Eurozona, as crises sempre permitiron retratar en toda a súa fondura a natureza do sistema, testou a corrección das nosas formulacións doutrinais porén isto precisa dun correlato na práctica política. É hora de situar no primeiro plano, o debate sobre a saída do euro.      

A causa da particular crise da Eurozona, non do ámbito da UE, onde economías como a Polaca non están sometidas as tensións dos Estados que teñen ao euro como moeda, emparenta coa xenética proxecto europeo e de xeito moi particular co mercado común de capitais, a moeda única e as relacións xerárquicas entre o seu centro e a súa periferia. Xa que logo non é de recibo responsabilizar da situación actual ao endebedamento, ao déficit, ou a ao gasto público excesivo na periferia, cando a porcentaxe de PIB que absorbe o gasto público nestes estados sitúanse á cola da área sendo un bo exemplo disto o estado español que aínda en 2007 remataba cun superávit del 1,9% do PIB e un stock da débeda pública dun 36%, case a metade de Alemaña (66,7%). É máis o epicentro do sismo situase no sistema financeiro do Norte, unha vez que pasa a ser prioridade garantir os créditos concedidos á banca da periferia, o que provoca a interrupción dos prestamos e do mercado interbancario. Chegados a este punto xa non é posíbel refinanciar as débedas resultantes do movemento de capitais nin financiar o déficit na balanza de pagos que trouxera consigo aquel aparente boom dos primeiros 2000, polo que á periferia non lle queda outra que afundirse no estancamento e a recesión.      

O Banco Central Europeo non foi quen, a pesar de que esta é a súa encomenda segundo o Tratado de Lisboa, de controlar a inflación até o punto de que esta diverxeu entre os estados membros desde a posta en marcha da Unión Monetaria en 1999. Se ben no período 1999/2008 os prezos aumentaron na eurozona nun 22%, a tendencia variou segundo o estado até o punto de medrar un 17,42% en Alemaña fronte ao 34,28%, o 35,55% e o 35,72% do Estado Español, Grecia e Italia. A conta é doada, os produtos do Estado Español encareceron nun 17% fronte Alemaña e os Gregos e Italianos nun 18% o que implica unha perda de competitividade da periferia como consecuencia dunha diferente evolución dos prezos que se agrava pola imposibilidade para desvalorizar a moeda. Alemaña medrou en base a vender a súas manufacturas aos estados da periferia europea, manufacturas que estes mercaban co diñeiro que lle prestaba a banca do centro, fundamentalmente a Alemán, até o punto de que o crecemento dos estados da periferia dependía do seu endebedamento co centro. Así as cousas mentres uns estados, os centrais, aumentaban o seu superávit, outros, os da periferia, incrementaban o déficit até chegar en 2008 o Estado Español a un déficit por balanza corrente do 10% do PIB fronte ao 6% de superávit de Alemaña.      

A imposibilidade de desvalorizar a moeda limita de facto a capacidade de resposta dun estado fronte á crise á desvalorización interna, coas implicacións que esta ten no referido ao paro, recesión e particularmente a perda de poder adquisitivo polas clases populares. Aínda máis o propio Goberno do Estado no seu Programa Nacional de Reformas para 2013, documento que ven de remitir a Comisión Europea, explícita esta cuestión na paxina cinco do preámbulo. Indo ao grao, a desvalorización da moeda é neutral porque non altera as rendas fronte a desvalorización interna que si que as modifica. Expliquémonos, a desvalorización monetaria modifica os prezos exteriores, pero non toca a relación interna de prezos, incluíndo os salarios. Noutro lado a desvalorización  interna, ao non modificar ao mesmo tempo o prezo de todos os produtos, salarios incluídos,  muda as rendas co que enriquece a uns e empobrece a outros. Nos últimos doce anos, isto é no período 2000/2012, ás rendas do traballo pasaron de representar o 50% da renda estatal ao 45%, mentres as rendas do capital do 45 ao 50%. Deixando a un lado a inxustiza e os enormes custos sociais da desvalorización interna, nin está claro que a diminución salarial rebaixe os prezos e o que é evidente que non reducirá o endebedamento exterior tal como acontece coa depreciación monetaria.      

A mitoloxía sobre a que se construíu o discurso de acompañamento para por en marcha a moeda única, recollida no Informe Emerson, está ser desmontada particularmente nas vantaxes dos que falaba para os estados da periferia. Isto é as dificultades de financiación continúan para estes, pagando até 10 veces máis que Alemaña ou Holanda, a orientación da política económica non é garantir a converxencia cos estados centrais, na contra a súa grande preocupación é a devolución da débeda e o reembolso dos créditos e así poderíamos seguir falando dos obxectivos respecto da cohesión social e as consecuencias que as políticas dos estados acredores teñen nas poboacións da periferias. Agora ben unha unión monetaria con estas características estaba chamada desde o seu mesmo inicio á afondar nas desigualdade territoriais, a área funciona como un espazo para o intercambio desigual, e nos desequilibrios estruturais existentes nas distintas economías que a integran, trátanse de realidades moi diversas que requirían políticas que atendesen esa realidade.      

A crise do sistema ten a súa primeira expresión nas periferias europeas nunha crise do réxime. Un repaso a realidade social dos estados da periferia europea evidencian un emerxer novo no xeito de facer e na temática a tratar na esfera do público, isto é un instrumento para axir nunha estrutura social en descomposición e a volta da economía política ao primeiro plano do debate. Nesta altura, o euro é a ferramenta central, na medida que subordina e disciplina as clases populares ao poder económico, do proxecto do capital europeo para garantir o que é a súa esencia, isto é a concentración de capitais e a rexionalización como espazo para a valorización dos mesmos. Afrontemos logo a batalla, con audacia, máis audacia, como Dantón.