Pedalea ti que a min dáme a risa

Pedalea ti que a min dáme a risa
Ou como sobrevivir a estas "reformas"

Está visto que non mudou nada ca entrada do novo goberno do PP, que dicía saber como afrontar os "grandes desafíos deste grande país". Eu non me sorprendo disto, seguro que farán máis ou menos o que estaban a facer os anteriores..., deixar que mude a dirección do vento e poder así ter unha travesía tranquila a ningures. O mesmo que ven facendo Feijoo dende que gañou a Xunta.

As receitas soamente van nunha dirección, isto é, en dirección ao peto dos cidadáns, subindo impostos e desregulando o mercado do traballo, "para ser máis prácticos e adaptalos aos tempos modernos". O tráxico é que isto non abondará si se toma definitivamente ese camiño de recortar. Todos temos claro (menos eles, que están noutro mundo) que se a xente non ten un salario suficiente e seguro, non vai a consumir máis que o básico e fundamental para ir tirando, e así unha sociedade de servizos como é a nosa non aguantará a espera do cambio de ciclo.

Haberá que poñer en valor o que temos e o que sabemos facer, e no que somos competitivos poñelo a producir sen demoras. Xa abonda que nos digan que a crise é mundial (non é certo), nin que os traballadores teñen unhas condicións de traballo inasumibles por vantaxosas para a realidade do noso país (tampouco é certo).

No que si terían razón é se comezaran a recortar gasto público, suprimindo as deputacións, agrupando concellos, establecendo táboas salariais para os que se dedican a cousa pública que non sexan estratosféricas,....

Fai falla canto antes ese tipo de reformas. Se non se da ese exemplo por parte da clase política dirixente, a explosión social soamente é cuestión de tempo. Xa abonda de pedir esforzos sempre aos mesmos que, en calquera caso, non foron os culpables da situación na que nos atopamos. Os verdadeiros culpables son os que dende os seus altos postos político-administrativos non gobernaron a situación.

Onde estaba o gobernador do Banco de España, cando os incapaces xestores das caixas as arruinaban. Aparece de cando en vez para dicir que o mercando laboral necesita reformas. Pero el nin dimite nin ten unha rebaixa de soldo acorde coa súa incompetencia, ao igual que os responsábeis políticos (miles), que tiraron as subvencións europeas en non se sabe que negocios ou alpendres ruinosos.

É certo, como dicía o outro día Botín/Santander, que a situación actual é culpa dos políticos. Porque a empresas como a de ese señor, a crise no Estado, aínda perdendo algo de cartos pode ser positiva porque outros competidores non se poden permitir o mesmo nivel de perdas. É unha especie de xogo de cartas, onde o que máis caixa ten, acostuma a gañar sempre. Ao final para as empresas do nivel da súa esta crise será vantaxosa. E se non fora así, aínda lle quedan outros países nos que tentar seguir facendo negocio.
Pero nos, os cidadáns, non podemos "deslocalizarnos" como fan os cartos. Estamos ligados á terra. Para ben ou para mal, xa non podemos pensar en solucións individuais como foi no seu día a emigración a sudamérica e a outras partes.

Temos que reaccionar antes de que sexa demasiado tarde e o barco embarranque que é o que vai pasar se seguen aplicando as mesmas políticas de ir retrasando o colapso. Temos que tentar gañar a esta marea de mediocridade que receita para os outros o que eles non están dispostos a facer. E terá que ser na rúa que é por onde andamos nós.

Sempre vexo a economía como unha bicicleta, que nestes momentos vai por unha costa arriba. Necesitamos que todos pedaleen. Todos na medida das súas capacidades. TODOS.