Os políticos e o gasto farmacéutico

Os políticos e o gasto farmacéutico
Unha vez máis certos políticos seguen a traballar para os grupos de intereses

Estes días estase a debater no Parlamento de Galiza os mecanismos que se deberán artellar para que o gasto farmacéutico non  siga medrando e poña en risco o sistema de saúde público. É unha tarefa económica e social moi importante e que terá que loitar con moitos intereses económicos. Moitos e máis que fortes, fortísimos intereses cruzados (laboratorios, oficinas de farmacia,...).

É evidente que haberá que facer cambios profundos, por múltiples razóns (crecemento da poboación que é pensionista, os avances da farmacopea en tratamentos que até fai pouco tempo non tiñan "remedio",...).

Sempre se comenta que si o médico prescribe tratamento para unha semana, non é lóxico que o producto non se facilite para ese período de tempo, o que conleva máis gasto e máis contaminación na xestión de residuos, por non falar da automedicación. Pero non vou a seguir por esta vía das "boas prácticas" que deberían ser sinxelas de poñer en funcionamento e que, inexplicablemente, nunca parece que chegue o día.

A noticia na prensa fíxome pensar no Decreto 107/2008 de 15 de maio (DOG de 2 de xuño de 2008), que regula o tema da sinalización, información e publicidade nas oficinas de farmacia.

Nese Decreto a Conselleira de Sanidade do momento (PSOE), establecía unha serie de "boas prácticas" nas oficinas de farmacia, e ademais de establecer a cor e o tamaño das cruces, tamén establecía que un bolígrafo ou uns calendarios (estamos pertiño do Nadal) podían ser perigosos para a sanidade pública se levaban o nome da oficina de farmacia, xa que soamente se permitía nese decreto, que o nome da farmacia aparecera en papel de envolver e nas bolsas de "plástico". Curiosamente eses son os dous soportes máis baratos onde se pode poñer unha publicidade.

Así, este tipo de negocios (unha oficina de farmacia tamén é un negocio, e ademais de medicinas vende outros moitos productos que non o son), quedaban fóra do "virus" da publicidade. Poden seguir dispensando "medicinas e artiluxios milagre", como -por exemplo- esas pulseiras que periodicamente se poñen de moda,  esas que se anuncian en diferentes medios (prensa escrita, radio,...) que fan perder peso, ou que incrementan o benestar e o equilibrio ou que case que che arranxan a vida.

Ese era, no 2008, a gran actuación que necesitaba a sanidade pública, para conquerir eficiencia no gasto farmacéutico: facer que o sector das oficinas de farmacia non utilizaran os seus cartos, gañados de xeito empresarial, no que consideraran máis axeitado, si por axeitado consideraba o farmacéutico regalar aos seus siareiros un calendario co seu nome, por exemplo. Iso era, ou podía ser, dañino para o sistema público de saúde (se non leva o nome non sería contrario á norma/decreto).

Podían, cos beneficios lícitos da explotación do seu negocio, especular na bolsa ou no mercado inmobiliario, pero non podían facer un agasallo a un cliente si levaba o nome da farmacia. Que ridículo, que inxusto e que tomadura de pelo.

No 2008 a factura farmacéutica xa era o grande problema e a solución foi "matar ao pianista", ou neste caso ao paisano que se gañaba a vida prestando este tipo de servicios neste sector.

Tendo en conta a gravidade do problema do gasto "público" farmacéutico, pareceume indecente que unha conselleira -que cobra un salario que pagamos todos os cidadáns se puxera a lexislar en qué gasta ou non gasta unha empresa privada como é unha oficina de farmacia (aínda que con limitacións) os beneficios da súa actividade. Postos a facer esa tarefa de "lexisladora do carto privado", puido impoñerlles unha taxa nas operacións de compra/venda de oficinas de farmacia (neses momentos non había farmacia en Galiza que entrara no mercado de compra/venda por cantidade inferior a 750.000 euros, e chegando algunhas delas a superar os 3.000.000 de euros.

Seguro que non foi unha ocurrencia da citada, senón de eses "intereses ocultos" que sempre están a traballar incansablemente, na resolución do que entenden como os seus problemas.

Claro que como é algo marxinal (o tema da publicidade en farmacias) non fixo moito dano  a ninguén, e seguro que algúns amigos, os das "farmacias de sempre" quedaron satisfeitos, pechando a posibilidade de que as oficinas de farmacia actuaran libremente no mercado, ofertando os seus servizos como entenderan máis axeitado, incluso valéndose do obxecto promocional con nome (si o regalo é sen nome non é sancionable).

Máis do mesmo, ou sexa, os políticos a traballar para os grupos de intereses.

Así que agora, cando leo que están a discutir o tema dos gastos da factura farmacéutica, para tentar de baixala, os políticos que gobernan agora, cos que tiveron responsabilidades nesa materia fai un par de anos, teño para min que van a sacar outro decreto que prohiba, por exemplo, comer pipas na entrada dunha farmacia, ou beber auga directamente da botella de litro e medio. Ou sexa non van a facer nada que poida poñer nerviosos os grandes intereses que hai neste mercado/negocio.

E así ata que o sistema estoupe; momento no que terminaremos recoñecendo que a culpa foi de todos, dos que tiñan responsabilidade neste tema e dos que sufrimos decisións arbitrarias e nada profesionais e dos que pasaban por aí.

Pero é o país que temos. Ese que, para que o "establishment" estea satisfeito saca o lapis, e fai leis que contraveñen o sentido común e o libre mercado. Pero que non é quen de facer o mesmo cando o que ten que facer e loitar polos intereses económicos e sociais da cidadanía no seu conxunto, amparándose en "non sei que" normativas europeas. E así nos vai, e así seguirá ata que xa non teñan de onde sacarnos máis ou ata que os fagamos parar.

Qué sucederá primeiro?