O Euro, no epicentro da crise

O Euro, no epicentro da crise
A especificade da crise que vive que a Unión Monetaria é indisociábel da súa política monetaria e de xeito moi particular do carácter do Euro

A especificade da crise que vive que a Unión Monetaria é indisociábel da súa política monetaria e de xeito moi particular do carácter do Euro, que actuou en todo momento como catalizador da mesma. O Euro, en tanto forma de diñeiro no mundo, foi deseñado para actuar como medio de pago e acaparamento no mercado mundial, se quer en linguaxe estándar, como moeda de reserva ao servizo dos Estados e dos grandes grupos económicos. Xa que logo, por esta mesma razón situase no epicentro da crise, na medida que nel conflúen todas as tensións e desequilibrios do capitalismo europeo, por outra banda característica  clásica do diñeiro que xa desde os tempos do ouro remata por ditar o papel e os  ritmos da crise.

Agora ben, esta característica do diñeiro amplamente analizada polo marxismo, acentuase no caso do Euro pola súa singularidade, como moeda creada desde cero por unha alianza entre Estados, neste caso dirixida por Alemaña, o que provocou a posta en marcha dunha serie de mecanismos institucionais "ad hoc". Primeiramente, un banco central que define un marco de diñeiro homoxéneo para bancos e estados, sen atender as diferenzas entre estes; en segundo lugar, unha política fiscal, imposta a medio do Pacto de Estabilidade e Crecemento, que opera como mecanismo de apropiación por expropiación da forza do traballo; e en terceiro lugar, un modelo de crecemento que garante a competitividade en base a presión sobre os salarios.

A combinatoria sinalada, rematou por ampliar a brecha entre o centro e a periferia, da que da conta os superávits por conta corrente dos Estados Centrais, pero tamén os enormes fluxos de capital que desde estes foron transferidos ao sistema financeiro dos territorios periféricos até ficar enormemente endebedados. Así cando estoupou a crise, e chegou a recesión e a intervención estatal en rescate a banca, esta débeda pasa a converterse en periférica e por conseguinte bancaria o que pon ao limite a nova moeda. A resposta das elites europeas, tanto do centro como da periferia, coa única preocupación de salvar ao euro, evidencia con toda claridade a autentica natureza do proxecto europeo. Mentres se impoñen altas taxas de xuro e se lle nega diñeiro os estados periféricos, o BCE inxecta liquidez abundante e barata aos bancos expostos a débeda destes. Á par iniciase unha guerra de clase desde arriba, baixo a coartada da austeridade, que recorta dereitos e empeora as condicións de vida dos traballadores aos que se lle transfire os custes da crise. Non hai dúbida de que o Euro funciona hoxe como unha panca dirixido a protexer os intereses do capital monopolista.

Nada será igual en Europa após esta crise. Se no plano social e económico, acentuouse o peso das forzas do capital contra as do traballo, no plano da xeopolítica institucionalizouse Europa como o patio traseiro de Alemaña,  pai destas políticas e principal beneficiario do Euro. Asemade a cobertura ideolóxica sobre a que se a constrúeo o proxecto, asociado ás ideas do federalismo e da cooperación europea, fican nus, á vista da asunción do papel hexemónico e imperial que xoga o país teutón. É hora pois de reaxir, mais iso pasa a esta altura, por combater e derrotar ao europeísmo, a retórica sobre a que a se articula a farsa, que tamén a traxedia Europea.