O capital non acouga

Hai que desenmascarar a operación de diversión ideolóxica que acompaña a ofensiva en curso, unha operación destinada a eludir a natureza de clase das medidas adoptadas

O capital non acouga na súa ofensiva, sábese forte. Mentres agardamos por ese grande engano masivo que van ser as probas de estres bancario, particularmente na zona Euro, unha nova vaga de rescates masivos as entidades financeiras a conta do erario público. Xa ninguén cuestiona que o sistema financeiro internacional enfrontase a un problema de solvencia non de liquidez, cifrando o Banco Internacional de Pagos de Basilea en 178 as entidades en risco de quebra no ámbito da OCDE. Así as cousas consúmase a bancarización, en aras de favorecer a capitalización, e aínda hai algúns que andan na procura do "capitalismo renano", aliñado na vella receita da austeridade.Aproveitándose dunha correlación de forzas favorábel, asentada en primeira instancia e tamén fundamentalmente na hexemonía ideolóxica, o grande capital está a tirar proveito da conxuntura, como fixo após a crise de 1973, ou posteriormente en Mexico nos 80 ou nos 90 sueste  asiático, para apuntalar o poder de clase da fracción que ocupa a cúspide da pirámide de poder. É hora de reaxir.

O vindeiro 23 de Xullo vanse facer públicas as probas de estres bancario. Nada novo, posto que recorrer as mesmas é algo habitual na estratexia da banca para "construír confianza" a sociedade sobre a súa saúde. Si se quer doutro xeito este estudo do Comité de Supervisores Bancarios Europeos, vai facer bo aquel refrán de "dime do que presumes e direiche o que non es". A esta altura descoñecemos a metodoloxía que se vai seguir para elaborar os mesmos, se ben sabemos que non se vai valorar a exposición aos activos provinte da débeda privada, o gordo da débeda, que as entidades teñen no seu balance e que non se lle vai requirir que cumpran cos ratios de solvencia que se fixan en Basilea III. O talón de Aquiles do sistema financeiro non é a débeda pública, pola contra o seu problema situase nos crédito de natureza inmobiliaria, tanto a particulares como a promotores, que no caso do Estado Español anda arredor de 1,1 billón de Euros. Tanto é así, que no sei informe de Xuño, o Banco de España afirma que só pola depreciación dos activos inmobiliarios as entidades de crédito van ter que enfrontar nos vindeiros dous anos perdas superiores aos 160.000 millóns de Euros. En definitiva un novo exercicio de enxeñaría contábel para maquillar a situación real do sistema financeiro a fin de agochar as perdas. Asemade Trichet utilizara os test para intensificar o seu programa de compra de títulos co que transferir as perdas dos bancos aos estados membros.   

O Presidente Zapatero no debate de política xeral recoñeceu de xeito reiterado que os bancos e as caixas non se enfrontaban a un problema de liquidez senón de solvencia. Non sorprende o silencio dos medios de comunicación, bos vasalos dese grande señor que é o capital, aínda que signifique unha mudanza radical no discurso que mantiña desde 2008. Claro que non é un problema de solvencia, a pesar de que as entidades financeiras reduciron no que vai de ano a billa do crédito nun 26,8%, cando este se situaba xa en 2009 en niveis de mínimos históricos. As numerosas achegas que diversos estudos teñen feito ao buraco do sistema financeiro, non permiten cifralo con precisión, porén a maioría dos traballos sitúano arredor dos 300.000 millóns de Euros. Neste sentido o último dado aportado a principios de Xullo polo Banco Internacional de Pagos de Basilea, falaba só no sector das caixas dunha necesidade de axudas públicas de 61.000 millóns de Euros, moi por riba da requirida polas caixas alemáns (34.000 millóns) e polo conxunto da banca Grega(8.600 millóns). Non menos preocupante por máis coñecida, é a débeda contraída polo sistema financeiro do Estado co BCE e o conxunto da banca alemán, francesa e inglesa que se sitúa nos 903.000 millóns de Euros, tendo que facer antes de final de ano fronte a vencementos por preto de 400.000 millóns de Euros. A este respecto repárese que no que vai de ano o Banco Central Europeo prestou ao sistema financeiro do Estado o 25% da cantidade total prestada aos bancos da zona euro. Así se explica, que ao mesmo tempo que Zapatero cuestionaba a solvencia do sistema, a Ministra Salgado anunciaba unha modificación da letra e do "espírito" do FROB para que puidese acollerse ao mesmo o conxunto do sector afirmando que ao "Estado sobráballe capacidade de emitir débeda pública para dar resposta as novas necesidades de finaciación" . Son moitas as entidades en situación de insolvencia, pero ningunha delas está en perigo, porque aínda teñen o dominio sobre o proceso.

A utopía europeísta esvaeceuse. A zona Euro, particularmente as súas periferias, pasou a situarse no epicentro da crise visualizándose sen  ningún descaro a súa xenética como espazo para o desenvolvemento desigual até delimitar un territorio de arraigados crecementos por conta corrente para os estados centrais, particularmente Alemaña, e outro de arraigados déficits na periferia. Isto é os fortes crecementos que viviron as periferias europeas no primeiro quinquenio da década non foi máis que un espellismo que se sustentou na financeirización, coa súa dupla faciana de acumulación por expropiación, no Estado Español baixaron os salarios reais nun 7% e aumentou a débeda das familias nun 250%, e movemento de inxentes cantidades de capitais na busca de rendabilidade o que explica a situación do sistema financeiro do Estado. O modelo dun capitalismo europeo, "o capitalismo renano", se algunha vez existiu como realidade confrontada aos núcleos centrais do sistema capitalista, é materia dos libros de historia.Alén de circunstancias que tiñan a ver coa correlación de forzas a nivel mundial e endóxenas as diferentes formacións sociais do capitalismo, o certo é que a exportadora alemán só foi posíbel pola redución salarial da última década, o 9%, o maior da área euro e polo control da política monetaria. Agora ben a realidade actual para a Eurozona, determinada polas receitas dos estados centrais e das elites das periferias, son unha sorte de revival do "Consenso de Wasinghton", articulado en base as verbas fetiches de "austeridade" e "liberalización" que non lograran outra cousa estabilizarnos na recesión con enormes custes sociais para as os pobos das periferias e as clases traballadoras do centro.

A pesar da profundidade da crise e dos evidentes custos sociais, o capitalismo non se resinte. Máis aínda, como noutras ocasións, os poderes económicos sérvense dela, para transferirlle a factura da mesma as maiorías sociais, asentar o seu poder de clase e poñer as bases para "novas"formas de acumulación que permitan maximizar o beneficio.É a súa hexemonía ideolóxica, a que posibilita ao capital articular a actual correlación de forzas e a que impide construír alternativas críbeis ao sistema. Os campos de batalla no que nos movemos obríganos a desenmascarar a operación de diversión ideolóxica que acompaña a ofensiva en curso, unha operación destinada a eludir a natureza de clase das medidas adoptadas, presentándoas como inevitábeis. Como afirmaba Althusser imponse alterar a triloxía marxiana e situar no primeiro plano a loita ideolóxica.