Non hai alternativa á crise co euro

Non hai alternativa á crise co euro
Sabemos que non imos a saír da crise escribindo cartas aos reis magos porque non hai outro capitalismo posíbel

Andan a tentar confundirnos sobre a evolución e xestión da crise. Non é casual que coincidindo co anuncio dun novo paquete de medidas por parte do Fondo Monetario Internacional, medidas que van significar máis sufrimento para as clases traballadoras e afondar nas desigualdades territoriais no Estado Español, destacados representantes da oligarquía e do goberno afirmen que o peor da crise xa pasou e reiteren a corrección das medidas aplicadas até agora polos gobernos do PSOE e do PP. Así ten que ser, a única medicina que lle pode valer ao goberno para paliar toda a dor e a indignación cada día maior que provoca o seu recetario económico pasa por debuxar un escenario de futuro con certas doses de esperanza. Se queredes doutro xeito, a xogada pasa porque o pobo asuma que sufrir merece a pena, isto é que as políticas aplicadas son as únicas posíbeis para saír da crise. Porén a realidade é teimuda e toda a campaña de diversión coa que pretenden aplicar a axenda marcada desde 2008 nesta particular guerra clases desde arriba, choca cunha situación que difire moito deste cadro que nos están pintando. Aclaremonos o cadro da auténtica situación económica, recolle unhas porcentaxes de crecemento económico que transfire a creación de emprego alén de 2020, un outro rescate bancario masivo que socialice as perdas do sector, un novo marco normativo no plano laboral e das pensións para continuar coa desvalorización interna e unha débeda privada pero tamén pública que fai inviabiliza o Estado Español como espazo económico. Sabemos que non imos a saír da crise escribindo cartas aos reis magos porque non hai outro capitalismo posíbel, polo que é necesario á par que damos as batallas precisas, acumulando forzas, para parar todas estas medidas, sexamos quen de articular alternativas estruturais, propostas de fondo a partir dunha análise do capitalismo da eurozona, que nos permita superar esta súa pero tamén nosa crise estrutural.

Un repaso aos principais indicadores económicos, de xeito moi particular a aqueles que informan das principais preocupacións na materia do Goberno do Estado, isto é os que refiren a saúde do sistema financeiro, ao avance da desvalorización interna e ao endebedamento, como termómetro da capacidade de gasto e investimento, non permitan albiscar luz ao final do túnel. Non nos equivocabamos  vai para un ano cando anunciabamos que a totalidade das entidades de crédito do Estado entrarían en perdas en 2012, perdas que no seu conxunto achéganse aos 82.910 millóns de euros, perdas da que só se libran aqueles bancos que contabilizan na súa operativa os resultados do exterior ou aqueles outros que recibiron cuantiosas axudas públicas pola compra de entidades propiedade do FROB. Sen ir máis lonxe o Banco de Santander declara beneficios por 242 millóns de euros se ben os resultados do Estado Español fecharon con perdas de preto de 1.500 millóns, Caixabank declara tamén beneficios por 230 millóns, pero aquí inclúense os 8.850 millóns que recibiu de axuda pública por mercar o Banco de Valencia e xa por último o Banco de Sabadell, cuns resultados  positivos  de 82 millóns tras achegarlle o Goberno 21.300 millóns, dos que 5300 se corresponden con capital e 16000 cunha EPA para cubrir perdas futuras. Atopámonos ás portas dun novo rescate masivo ao conxunto do sistema financeiro, até a data as achegas públicas desde 2008 suman 323000 millóns de euros, que responden á dupla necesidade de facer fronte aos furados das entidades, cifrado entre 90.000 e 150.000 millóns, e tamén dos vencementos das entidades de crédito co BCE e a banca privada internacional, cifrados para 2013 en 264.000 millóns de Euros. Sorprende que desde o marxismo, aínda máis se pretendemos analizar a realidade desde parámetros non eurocéntricos, consideremos como nuclear o debate sobre a composición da débeda, a parte que se corresponde coa privada (máis 350% do PIB) e a parte que se corresponde coa pública (aproximadamente o 100% do PIB), a orixe da mesma como resultado da transferencia da débeda privada á publica polas vías do rescate e dos planos de flexibilización, a evolución no Estado Español, aumentou nun 350% desde 1990 números só superados por Dinamarca e Holanda, secundarizando no mellor dos casos e as máis das veces agochando o debate sobre a débeda externa. Segundo ven de facer público o Banco Internacional de Pagos no mes de Marzo, con dados referidos a 2012, a débeda externa do Estado Español, que aumentou a velocidade cruceiro após o Tratado de Mastritch, situase nos 2,3 billóns de euros, 2 billóns son de natureza privada, o que afoga as empresas e entidades bancarias nun clima de desconfianza e cunha financiación obstruída, até tornarse nun problema sen solución no marco do euro onde os Estados máis endebedados non poden seguir financiándose se non é con grandes custes e tampouco poden garantir solvencia ao implicar o alto endebedamento compromisos imposíbeis de cumprir. As razóns enunciadas no noso anterior artigo neste mesmo xornal libéranos de alongarnos na nosa explicación sobre as motivacións que se agochan tras a próxima reforma do réxime das pensións e do mercado laboral, pois obrigaríanos reiterar que a falla de control sobre a política monetaria para recuperar a competitividade pola vía da desvalorización externa obriga a  desvalorización interna focalizando  toda a presión sobre as rendas do traballo.

Un repaso sumario aos dados abertos a calquera cidadán nas páxinas do INE non deixa dúbidas da eficacia das políticas gobernativas á hora reducir o peso das rendas do traballo, así no IV Trimestre de 2012 as rendas do salario representan o 49,5% na UE a 27, o 50,4% na UE a 15, o 44,2 no Estado Español e o 41,7% en Galiza, de privilexiar as rendas do capital que nese mesmo período significaban respectivamente o 38,3%, o 37,4%, o 46,1% e o 46,9%, pero tamén na perda de poder adquisitivo por parte dos traballadores, un 17% no período 2010/2012 ou na diminución do custo salarial unitario, o 8% en catro anos. A menciña empregada, máis unha vez, reiterou a mesma orientación convencional do recetario neoliberal que sempre marcou como obxectivo que a taxa de incremento do salario nominal debería estar de forma sostida por baixo da suma da taxa de crecemento da produtividade e da inflación.

Non hai alternativa á crise co euro. O deseño da Unión Europea, utilizando o euro como instrumento para disciplinar e vertebrar as políticas económicas, trouxo da man a experiencia de concentración e centralización do capital máis intensivo e acelerado da historia da humanidade posto que non só fixo posíbel unha inserción xerarquizada nun esquema competitivo desigual, para capitais e estados, senón que utilizou unha institución monetaria e os seus instrumentos para disciplinar aos Estados orientándoos ao servizo das elites europeas. O sistema euro ao ser asumido como moeda de reserva, posto que a UE e a propia zona euro eran a área co comercio máis globalizado da economía mundial, provocou un efecto de “seguridade” financeira xa que o grande capital deu por bo que este ia ser apoiado por garantías equivalentes partindo da consideración que o todo respondía da solvencia e da seguridade das partes sen atender que a natureza da débeda mudaba ao non depender xa de cada Estado senón dos mercados privados de capitais.Hai que ter en conta que o euro é un proxecto tan forzado, compiten países tan desiguais sen o resorte e alivio que representan as desvalorización do tipo de cambio para os máis débiles, e con tantas carencias, unha fiscalidade heteroxénea, ausencias de políticas que permitan a redistribución de rendas e compensen as diverxencias produtivas, que si por unha vía milagrosa superase a actual crise, ao día seguinte comezaría a xerarse a seguinte.