Momentos decisivos para o futuro das caixas galegas

Momentos decisivos para o futuro das caixas galegas
O acordo do Congreso dos Deputados de onte 23 de Marzo, promovido polo BNG, no que se lle solicita ao Goberno do Estado a retirada do recurso de incostitucionalidade a Lei de Caixas aprobada polo Parlamento Galego cobra máis importancia
Semella que o panorama do futuro das caixas galegas se clarifica. O ruxe ruxe xornalísticos e as informacións que circulaban nos mentireiros políticos nos últimos días que nos falaban de avances na fusión de Caixa Galicia e Caixnova parecen confirmarse. Aledámonos posto que a fusión das dúas entidades que existen no país era a única garantía de que Galiza seguise a contar con instrumentos financeiros de seu.

Non estamos diante de algo opinábel, o camiño era o da fusión galega ou da absorción directa ou vía SIP das dúas entidades de crédito que atesouran máis do 50% dos aforros dos galegos. Sorprende o cambio de posición dalgúns dos máis encarnizados opositores políticos, económicos e mediáticos, unha vez que os órganos reitores das dúas caixas tiraron pola vía do achegamento.

Quer dicir isto que ao fronte opositor, heteróxeneo na súa composición, non o movían argumentos propios? Significa que a belixerancia ao proceso dalgúns actores da nosa sociedade estaba definida pola posición da entidade con sede en Vigo? Nas próximas semanas e meses iremos coñecendo moitas das claves que explicaron a posición mantida até agora polas nosas entidades de crédito, os cambios de posición e é de agardar que dados preciso da súa situación económica así como a xestión das equipas directivas.

O acordo do Congreso dos Deputados deste 23 de Marzo, promovido polo BNG, no que se lle solicita ao Goberno do Estado a retirada do recurso de incostitucionalidade a Lei de Caixas aprobada polo Parlamento Galego, con independencia da súa efectividade, cobra máis importancia neste momento. A solución ao que pretende chegar Caixanova e Caixa Galicia con Pego de Director Xeral, Méndez de Presidente e Gayoso de Responsábel da Obra Social, indícanos que a resultante proposta camiña na dirección de unificar as entidades para salvar a súa situación de insolvencia, non de falla de liquidez, a medio do FROB, sen que isto implique mudanzas na función e no modelo de xestión das caixas galegas.

Neste sentido é fundamental garantir a modificación do marco normativo asentado polo maioría do parlamento a fin de transparentar a xestión das equipas directivas, democratizar o funcionamento das mesmas, mudar a política de crédito para evitar a drenaxe do aforro, blindar o sistema galego con instrumentos financeiros de orientación pública que apoien ao tecido industrial e poñer valados diante do proceso de bancarización, pero tamén cláusulas de salvagarda para seguros procesos de restruturación do sector que se van dar nos vindeiros dous anos.

O debate que impulsou o nacionalismo sobre a situación, papel e xestións das caixas galegas nos últimos meses, provocou que na nosa sociedade caeran moitos tabús, que se comezase a falar con normalidade sobre temas que estaban excluídos do público e que se principiaran a coñecer as miserias e os desastres dos nosos bankgansters autóctonos. É permisíbel que as equipas directivas que levaron as nosas caixas a situación actual poidan seguir a pilotalas nun futuro? Podemos tolerar que ao fronte das mesmas segan as persoas que utilizaron o aforro dos galegos, como se foran seus propios?. Sería de recibo que a caixa resultante séguese a xogar o mesmo papel que Caixa Galicia e Caixanova xogaron até hoxe? Coñecido o que se coñece, cabe para mirar para outro lado como se aquí non pasase nada? Fraco favor se lle faría a Galiza se limitásemos ás mudanzas a aspectos cosméticos ou tanxenciais, precísanse transformación de fundo que só a tutela pública garante.

O manifesto “Galiza ten dereito”, unha proposta de mínimos asinado pola maioría social e política de Galiza, marca as liñas vermellas do que é asumíbel para o nacionalismo. Isto é garantir a galeguidade das caixas, que pasa necesariamente por unha fusión das hoxe existentes. Pero tamén dotarnos dunha entidade financeira de referencia pública que inverta a tendencia a drenaxe do mudándoa en financiamento para os nosos sectores económicos. Asumamos logo a batalla que temos por diante, se queremos que o pobo galego teña capacidade práctica de planificación en materia económica.