Europa e os seus convites perigosos

Europa e os seus convites perigosos
Nós tiñamos que ser máis modernos que eles, e investir no que eles dicían que era o que nos ia a converter en igualiños

Cando entramos na CEE fixémolo sen facer moito ruído, agradecendo o detalle que tiñan con nos e pedindo desculpas polo traxe de pana co que íamos e que xa non estaba de moda naquelas prazas.

A nosa realidade económica e social era a que era e pensabamos que, como invitados pobres á mesa dos veciños ricos, tiñamos que estar agradecidos y dicir a todo que si.

O que non imaxinabamos e que vintecinco años despois estariamos pensando que, ao mellor, tería sido máis interesante para os nosos intereses quedar fora daquel convite.

Non sei, a dia de hoxe, si esa é a opinión maioritaria do pobo galego, pero o que é seguro é que cada dia que pasa hai máis xente que non acada a ver (xa digo que vintecinco anos despois de ter entrado) as vantaxes de pertencer ao selecto clube dos "ricos" europeos.

Non fomos os únicos que tiñamos a sensación de estar nun sitio que -probablemente- non merecéramos.

Grecia, Portugal e España non crían que "mereceran" tal sorte. Eran países de emigrantes, cun desenvolvemento lento do capitalismo, sen industrias punteiras, con presenza dos diferentes estados nas industrias  máis importantes,....

A sensación que pode ter o pobo grego ou o portugués ou o galego é a de que os seus dirixentes quixeron que os seus cidadáns viviran como os seus veciños ricos, e entón fixeron todo o que estaba nas súas mans para acadar o máis rápido (isto é cun horizonte nas vindeiras eleccións) posible esa "calidade" de vida. Nobre propósito por parte da clase dirixente.

E a cuadratura do círculo é manifestar que mediante subvencións  e "axudas" dos nosos amigos ricos iamos a mellorar a nosa realidade socioeconómica.

Xa non tiñamos que traballar neses traballos de cando éramos pobres (agricultura, gandería, pesca, construción naval, transformacións varias do sectores primarios, banca pública....), e tiñamos que prepararnos para competir nun mercado global, tecnolóxico, financeiro,...coas armas da excelencia e de non intervención do estado.

En fin, que tendo en conta que éramos "neo modernos" tiñamos que desandar o camiño que tiñamos emprendido e aprender a trazar outro máis doado de percorrer, porque íamos a ir da man dos "neo amigos ricos"

E claro está que para todo iso (tirar co que tiñamos e mercarlle a eses "novos socios" o que nos facía falla) o máis rápido foi pedirlle os cartos  para poder gastar no que aínda non tiñamos e que che dicían que era fundamental para chegar a  ser como eles.

Despois de ter entrado no clube e ser tratado como un igual, terminamos pensando todos os novos socios, que tamén eramos ricos.

Nos tiñamos que ser máis modernos que eles, e investir no que eles dicían que era o que nos ia a converter en igualiños. Fixemos estradas novas, portos novos, aeroportos. Privatizamos case que todos os sectores onde o estado tiña presenza (telecomunicacións, electricidade,...) e deixamos que o mercado actuara sen molestias.

O problema comeza cando nos "esquecemos" que temos que devolver o que nos deixaron (porque non era dado, senón prestado), e que para efectuar ese retorno temos que vivir igual ou peor que cando nos invitaron a aquela mesa de fai vintecinco años.

Gastamos ou investimos (no que nos dixeron ou indicaron mediante normas) o que nos deixaron, xunto co que conseguimos coa venta do patrimonio público e o noso aforro.

E nese problema parece que están/estamos uns cantos socios europeos. Algún (cada día máis persoas) comeza a pensar que detrás de estas estratexias dos neoamigos ricos estaba un xeito "amable" de neocolonialismo (por non dicir de engano).

Conseguen que sexamos absolutamente dependentes do seu mundo, de tal xeito que non sexamos capaces de chegar a ver ningunha posibilidade de sobrevivir económica e socialmente se non é debaixo do seu paraugas prestado.

Esa invitación que os nosos políticos  pensaban que era tipo "barra libre" está sentando mal, moi mal, no noso corpo social.

E cando un ten mal o corpo muda toda a realidade. A veces de súpeto e cara a onde non se pensaba.

Estaremos atentos a como evoluciona o doente, pero a dia de hoxe, eu diría que a diagnose é algo parecido  ao de crítico e inestable.

O dito, estaremos pendentes da evolución.