De mal en peor

Pintan bastos para as periferias e os pobos de Europa

Pintan bastos para as periferias e os pobos de Europa. O Consello de administración das fraccións oligárquicas dos estados centrais europeos, isto é a Comisión, coa asistencia técnica do organismo especializado en saqueos, o FMI, acordan botarlle a man ao pescozo do pobo portugués para salvar os balances dos grandes bancos da eurozona con investimentos no país veciño. Mentres tanto os outros estados europeos aos que se lle ten aplicado a terapia que van impor aos portugueses, para entendernos Irlanda e Grecia, manifestan a súa imposibilidade de poder facer fronte as condicións dos Planos de Rescate para sobresalto do sector financeiro. Así as cousas o dique español, intervido de facto e fendido por todas partes, confrontase a un empeoramento da situación que xa anuncian todos os indicadores económicos, cun novo plano de axuste en carteira, a aplicar após as eleccións do 22 de Maio, que agravará de xeito significativo as condicións de vida das maiorías sociais e da periferias internas. Non nos confundamos, a causalidade deste estado de cousas, ten explicacións diversas pero no seu núcleo central vinculase sen dúbida algunha a propia natureza da Europa realmente existente, en tanto espazo para o intercambio desigual, acordo entre estados para repartirse os mercados nunha área do capitalismo e expresión da dialéctica da rexionalización que caracteriza ao imperialismo contemporáneo. Aínda así hai espazos para a esperanza, non queda outra que combater o bicho da resignación se pretendemos articular unha correlación de forzas a fin de modificar o proceso en curso, dándolle unha orientación que garanta futuro para as clases populares e as nacións proletarias.

A solicitude de rescate á Comisión Europea polo Primeiro Ministro Portugués, José Socrates, unha vez que a Asemblea da República rexeitou o que xa era o seu IV Plano de Austeridade, alén da contía da axuda concedida para garantir os furados do sistema financeiro, non fai outra cousa que trasladar ao país irmán o receitario clásico do FMI. Un paquete de rescate que afonda e endurece as  políticas que xa viña aplicando o goberno e que a groso modo se concretan na redución de salarios e pensións, no fomento da fiscalidade indirecta, a terceira suba do IVE de Socrates, na reforma laboral, reducindo a metade a indemnización por despido, na privatización do que fica do sector público e na transposición da directiva comunitaria de servizos, colocando aos sectores produtivos portugueses aos pés dos cabalos das grandes industrias da distribución estranxeiras, nomeadamente francesas e españolas. Unha nova vella política que continúa a dos anteriores planos de austeridade presentados desde o inicio da crise e que se traduciron de facto, en factores de acentuación da crise e da recesión (como testemuña a revisión a baixa polo Banco de Portugal do PIB para 2011 nun 1,4%), no aumento do desemprego (un aumento do 15% sobre 800.000 parados actuais), no agravamento da dependencia externa (a débeda privada e superior á publica) e no crecemento do propio déficit público (8,6% ao final de 2010 na contra do 6,8% anunciado) cuxa orixe fundamental está nos 2.200 millóns de euros enterrados no Banco Portugués de Negocios e no Banco Popular de Portugal.

A situación que actualmente atravesa Grecia e Irlanda, con dificultades para facer fronte aos seus compromisos de débeda e con cada día máis voces na súa sociedade que reclaman unha saída heterodoxa fundamentada na renegociación e reestruturación  da mesma, evidencia que as políticas do FMI rematan por colocar ás nacións como reféns dos xuros insoportábeis da especulación do capital financeiro e ficar estranguladas por décadas cos xuros especulativos do mesmo capital financeiro, definidos pola UE e o FMI e asociadas a inaceptábeis e ruinosas imposicións. Nada novo por outra banda se analizamos os abondosos exemplos onde se aplicaron terapias análogas, exemplos que debemos ter presentes pola xestión que nunha ou noutra dirección se fixo do problema criado. Así no caso de Letonia, verificamos que tras someterse as receitas do FMI, perdeu o 25% do seu PIB no período 2008/2009 non sendo posíbel até 2015 a recuperar os niveis de riqueza de 2006, mentres Arxentina, que tras rachar coas receitas do Fondo e recuperar o control monetario a finais de 2001, comezou a recuperarse no segundo trimestre de 2002, medrando o seu PIB nun 63% nos seguintes seis anos. Entendamos sen recuperación das competencias monetarias por parte dos Estados da Eurozona, isto é sen saída do euro, non hai posibilidade algunha para os países da periferia da Unión para poder desenvolver unha política económica que sexa eficaz diante da presente crise do capitalismo.

As políticas seguidas polo Goberno do Estado, co apoio nas cuestións esenciais do PP, non difiren das aplicadas polas tres nacións que vimos de referir polo que todo induce a pensar que o camiño a percorrer é moi semellante. Neste sentido debemos reparar nos aspectos que se están a negociar no ámbito da mesa do dialogo social entre os sindicatos estatais, a patronal e o Goberno, con dúas propostas de acordo que pivotan en vincular salarios e produtividade, o que implicaría unha redución do poder adquisitivo dos traballadores, e no apontalamento daqueles aspectos máis lesivos da reforma laboral a través do seu regulamento. O aumento do desemprego desde a aprobación da mesma, así como a non inversión desta tendencia, deixan claro que o único obxectivo  da reforma era o abaratamento do despido, non a creación de emprego, e aínda máis o feito de que o Estado Español situándose a cola dos custes laborais da Europa a 15  encabece a lista de parados, evidencian a ausencia de calquera tipo de correspondencia entre un factor e outro como teimadamente repiten os voceiros do pensamento económico hexemónico. As propias correccións por parte do Ministerio de Economía das previsións de crecemento fixadas nos Orzamentos Xerais do Estado así como o incumprimento dos topes de débeda e déficit abondan no fracaso destas políticas. A este respecto debemos ter en conta que a débeda pública está directamente vinculada ao furado xerado polo sistema financeiro, se consideramos que a reestruturación  do mesmo está no seu inicio e que o propio Banco de España cifra o buraco de bancos e caixas en 110.000 millóns de euros, só temos que tomar en consideración esta magnitude para a coñecer o alcance do recorte que se vai acometer en Xuño.

A natureza e contidos das medidas aplicadas nas periferias europeas son indisociábeis, como os acontecementos están a demostrar, da aceleración do proceso de integración capitalista da Unión Europea e das esixencias do seu núcleo de poder con Alemaña á cabeza, cuns novos e intolerábeis pasos dados no recente Consello Europeo coa aprobación do Pacto do Euro e as decisións sobre a chamada gobernanza Europea. En definitiva a resposta até hoxe foi máis Europa ou o que é mesmo un paquete de medidas que permiten trazar con absoluta precisión a natureza do proxecto Europeo. Máis Europa é un Banco Central subordinado a Alemaña, que define as políticas monetarias en función dos intereses do estados da banana, a fin de favorecer a competitividade dos mesmos en detrimento das balanzas de pagos das periferias e que utiliza a inflación como un tótem ao servizo destes. Mentres que no ámbito da Unión Monetaria a alza de prezos situouse entre 1999 e 2008 nunha media do 22%, no mesmo período no Estado Español subiron un 34%, en Irlanda e Grecia un 35%, en Portugal un 30%, non chegando en Alemaña ao 17%. Máis Europa é construír unha realidade a cada paso máis atlantista, subalterna e integrada coa outra área imperialista dirixida polos Estados Unidos con que comparte proxecto e intereses, como demostra o papel de asistencia que xoga o FMI. Por iso mesmo unha outra Europa é necesaria, comecemos a articulala combatendo a campaña ideolóxica chea de mistificacións e falsidades sobre a que sustentan estas propostas, poñendo en valor a política como instrumento para confrontar os deseños dos grandes grupos económicos e evidenciando que a crise está a ser utilizada como pretexto para avanzar na axenda do capital para o espazo Europeo.