De bancos, banqueiros e bancarios de caixas, caix... qués?

De bancos, banqueiros e bancarios de caixas, caix... qués?
Sei, nembargantes, que é necesario que exista unha forza financeira en Galiza,

Vou para o medio século de vida e sempre vivín eiquí e, a título  individual,teño que dicir que nunca notei diferenza de trato entre unha oficina dunha caixa ou a dun banco.

Teño claro que cando falamos dos bancos, diferenciamos entre banqueiros (os que os gobernan e que teñen patrimonio investido/comprometido nesa entidade, eses que vemos nas páxinas salmón dos xornais económicos) e os bancarios (os traballadores desa empresa e que son os que nos atenden na oficina cando imos pagar un recibo ou solicitar un creto).

Cando vou a unha caixa, observo que os que me atenden son a mesma figura profesional que no banco. Uns traballadores coma eu, que tentan desenvolver o seu traballo da mellor maneira posible. Nese nível non hai diferenzas.

A diferenza sustancial, loxicamente, está na superestrutura.

Eu son un cidadán de a pé. E como tal non teño observado diferenzas entre os servizos que presta unha caixa "comprometida co desenvolvemento de Galiza" e os servizos que presta un banco (ese ogro que nos rouba a pasta. Non vivo nin en Coruña nin en Vigo e non observo esas extraordinarias accións que fixeron as caixas pola súa terra.

Sei, nembargantes, que é necesario que exista unha forza financeira en Galiza, que poda servir para poñer en valor o aforro galego e poida acompañar as necesarias aventuras empresariais que aquí se desenvolvan. É necesario que estea comprometida coa realidade económica a social  de onde xurde. Por iso naceron as caixas. Por unha visión de compromiso coa realidade social onde se fundaron.Pero o tempo pasa, e xa se sabe que a filosofía non compite coa economía,... o diñeiro manda,... son outros tempos,..., agora que van mal, van mal para todos.

 E iso e malo para Galiza. Efectivamente.

Pero o triste e constatar que cando ia ben, os que se beneficiaban eran as elites-tapón. E agora hai que pedirlle ao pobo que se mobilice para salvarlle os postos aos dirixentes (eses "caixa..qué" que as levaron a unha situación "especial")e a esas elites inmobilistas.

Haberá que facelo, haberá que saír á rúa, o pobo galego sempre está por enriba dos que se dan en chamar os seus representantes, os seus líderes. Sempre foi así. Xa o demostrou coidando do noso idioma, da nosa identidade, fronte a esas mesmas elites, e tamén o vai a demostrar agora.

Pero xa vai sendo hora de que quen estea a liderar esta terra, crea nela e loite POR ela. Non que a utilice para seguir vivindo dela.

As caixas galegas tamén executaron as hipotecas dos que non foron capaces de cumprir cos compromisos acadados. Iso non se discute. Iso é a norma. E mentres non se modifique esta práctica abusiva, xa comentada noutro artigo, hai que acatala. E iso é o que vive o dia a día a xente da rúa. Non se diferenza polos seus modos de actuar unha oficina dunha caixa da dun banco. De aí a desmobilización cidadán, que non se quenta nin cos contos dos xornais.

Porque tamén debería ser normal que si os que pilotan unha empresa a levan a pique, terán que ser os primeiros aos que se lles esixan responsabilidades. E diso nada se fala. Xornais como "El Correo Gallego" o "La Voz de Galicia", están a loitar para que eses "extraordinarios executivos de NCG" sigan a manexar o chiringuito. Pero o problema que teñen e que fan falla moitos millóns de euros para tapar o burato e non abonda con encher a rúa un día nunha manifestación (seguro que nesta, un manifestante vai valer por dous... ou por tres, xa que agora si lles interesa que sexamos "+país"). Iso está ben. E a nosa obriga como galegos, defender o noso instrumento financeiro que posibilite avances económicos e sociais.

Pero o "noso" non pode ser o chiringuito  especulador e vago dos señores das caixas, de esas que dicían que "el mercado es sabio".

Para terminar,soamente comentar a sorpresa absoluta na que vivo ao decatarme da falla total de visión da realidade das nosas elites político-económicas-mediáticas.

Digo isto, porque parece que pensaban que a globalización soamente significaba comprar cousas feitas en oriente, e mandar ao paro a miles de traballadores de aquí, porque non os salarios de aquí non son "salarios competitivos".

Agora vai chegando o maremoto ás plantas altas, e queda claro, que "esto no se puede consentir". Que cambien todos, pero que no me toquen "lo mio", parecen dicir.

Pois a receita é a que é. Ou nos salvamos todos ou quedamos todos espidos fronte a esa forza que tenta arrasar con todo, tamén co bo vivir das elites galegas, que aquí son algo, pero no mundo globalizado xa se ve o que son.... pouco menos que nada.

E basta xa de chorar do trato discriminatorio con NCG do Banco de España. Isto é como o de Mouriño co calendario de futebol. Menos cortinas de fume e dimisións e solicitude de responsabilidade aos "caixa..qués" e dos políticos que consentiron a cambio de esmolas, de que as institucións que se nutriron do aforro galego chegaran ata esta situación.

Panos quentes parece a receita dende o mundo da política. Pero con esa receita non se consegue un euro. Imos ver si os riquísimos galegos moven ficha neste proceso. Non hai que prexulgar. Poderíamos levar algunha sorpresa. O que si é seguro e que si algún se molla, non será para arranxarlle o cocido a ninguén da vella garda, da burquesia tapón.

Vémonos na manifestación ás 12 en defensa do aforro, do emprego e o país. Seremos máis, seguro.