Cando o peor está por vir

Cando o peor está por vir
O grande capital está a aproveitar unha correlacións de forzas, para impoñer un paquete de medidas económicas que pretende trasladar o custo da crise ás clases populares e apuntalar o poder dos grupos financeiros

Din que o peor da crise pasou. Pasaría no discurso dos voceiros do grande capital que pensan que mentindo, o asunto calará a forza de repetilo. Intentárono falando de desaceleración, insistiron cos brotes verdes e agora esperan convencernos con que "estoloarreglamosentretodos", iso si, sen indicarnos a quen lle toca pagar o groso da factura. Porén agora ven a montaña rusa. Tocan curvas por culpa de moitos factores, pero particularmente polo xeito con que nos forneceron os dados e pola xestión da crise que está a facer o grande capital, co apoio dos seus capataces políticos e mediáticos.

A utilización que se está a facer dos dados apesta. Por exemplo, o 18 de Marzo o Banco de España situaba a morosidade media no sector financeiro nun 5,3%, sen embargo ningunha entidade de crédito recoñeceu unha taxa superior ao 5% nos seus resultados de 2009.Como se explica esta discrepancia?. Menten caixas e bancas?. Non necesariamente, pero si toman unha taxa de morosidade distinta da oficial do supervisor, que lles favorece ao arroxar unha cifra diferente. Tan fácil como isto, o Banco de España toma como referencia o crédito aos residentes, isto é persoas físicas e xurídicas domiciliadas no Estado, pola contra as entidades financeiras toman como variábel o total do crédito, que inclúe os avais ou aos clientes estranxeiros.

Hai quen ve incapacidade, falta de resposta ou ausencia de alternativas nos poderes públicos. Equivócanse de plano. O grande capital está a aproveitar unha correlacións de forzas favorábel, para impoñer un paquete de medidas económicas que pretende trasladar o custo da crise ás clases populares e apuntalar/salvar o poder dos grupos financeiros, que se sitúan na cúspide da pirámide oligárquica. Desde o Fondo de Adquisición de Activos ate a tentativa de reforma das pensións, pasando pola suba do IVE, sen esquecer a Lei de Economía Sostíbel, todo o corpo normativo rema nunha dirección. Tanto é así que  a Lei de Economía Sostíbel, esa que algúns afirman que non di nada, chega nunha das súas disposicións transitorias a modificar os criterios de elaboración das taxacións inmobiliarias, para evitar que a depreciación dos activos vinculados ao ladrillo, aparezan nos balances das entidades na anualidade correspondente. A axenda neoliberal avanza apoiada coa corrente da crise, porque o único capitalismo posíbel hoxe, como afirma Samir Amin , é o de matriz neoliberal.

A exposición do sector financeiro ao ladrillo supera de lonxe os repetidos 324.000 millóns de euros, cos que nos atronan para impresionarnos coa dimensión da burbulla, ate situarse nos 1,1 billóns de euros. Explícome, é certo que o crédito aos promotores situase arredor dos 324.000 millóns, un 40% do mesmo invertido en compra do solo, pero a esa cantidade debemos sumarlle prestamos ao sector construtor por  121.000 millóns así como os 652.434 millóns destinados a créditos hipotecarios. A conta é fácil a dependencia de bancos e caixas con esta actividade, supera o PIB do Estado que no pasado ano se situaba en 1.051.000 billóns de euros. O sistema financeiro do Estado enfrontase a un cataclismo que estivo tentando agochar a medio de refinanciacións do crédito, da permuta de activos por débeda, da venda de participacións industriais e inmobiliarias ou da liquidez que forneceu o Banco Central Europeo. A política da patada e para diante, con que moitos definiron a política das nosas caixas e bancos, fixeron destes burros rebentados, que hoxe se enfrontan, segundo o Banco de España, a un furado de 225.000 millóns de Euros. Tampouco nos estraña posto que a especulación na vivenda é un dos aspectos da dinámica estancamento-financierización. É máis como explicaban Sweezy e Magdoff en 1997 o incremento da débeda por parte dos fogares, recorrendo ao valor real destes, era un xeito de manter o seu nivel de vida fronte ao estancamento dos salarios.

A suba do IVE do 16% ao 18% no tipo xeral, do 6% ao 7% no tipo reducido e o mantemento do 4% no tipo superreducido, aprobado na Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2009 e que entrará en vigor en Xullo deste ano, alén da súa escasa capacidade recaudatoria vai traer un forte impacto nas rendas das clases populares. A maioría dos estudos publicados ate agora coinciden en que esta suba do IVE vai significar un aumento do 1,7% da recadación total no 2010 con cantidades semellantes nos anos seguintes, isto é arredor de 5000 millóns de Euros anuais, unha cantidade moi inferior a que representaba por exemplo o Imposto sobre o Patrimonio. Agora ben a carga tributaria aumenta nun 5,2% nos fogares onde tramo de idade se sitúa por riba dos 61 anos, nun 1,3 nos fogares con tramos de idade está entre os 41 e os 60 anos e nun 0,3 entre o tramo dos 40 aos 21 anos. Asemade con esta reforma, a presión fiscal aumenta no 4% naqueles segmentos sociais con menos ingresos(34% da poboación) e só no 1,4% naqueloutros das rendas altas (18,9), ficando

O 43,1% da poboación cun aumento da presión do 2,4%. A medida en cuestión, suxerida en febreiro de 2009 por FAES, manda truco coa hipocrisía do PP, demandada pola Comisión Europea, miremos a Grecia, e aprobada pola socialdemocracia, a que se dicía fiscalista e non monetarista, non é máis que un capitulo da guerra de clases desde arriba ao que se lanzou o grande capital. En definitiva, para que darlle máis voltas, a dialéctica da acumulación por apropiación consubstancial co período do capitalismo do monopolio xeneralizado.

Na mesma lóxica situase a proposta de retrasar a idade de xubilación e de aumentar o período de computo das bases de cotización das pensións. Non imos logo, deternos nesta cuestión, posto que a intencionalidade concorda co enunciado anteriormente, isto é diminuír o poder de compra das clases populares, e as consecuencias son as mesmas. Reparemos si, no discurso de acompañamento desta proposta, vinculado a suposta quebra da seguridade social. Non é novo o argumento, posto que xa en 1996 databan a súa ruína en 2004, nin tampouco son descoñecidos os seus voceiros. Só a desvergoña intelectual dos seus voceiros, a hexemonía ideolóxica das súas teses, o apoio dos grandes grupos mediáticos e os complexos da esquerda, posibilitan que segan a falar. Deixémonos de contos o único que quebrou ao longo de todos estes anos foron os fondos privados de pensións. Mesmamente un organismo nada sospeitoso como o IESE, esa toupeira da economía ortodoxa, recoñecía nun estudo publicado en Febreiro deste ano, que na última década o 93,2% dos fondos do sistema individual obtiveron un beneficio  interior á inflación e que o 99,3% dos fondos privados situáronse nunha rentabilidade menor a dos fondos do tesouro a dez anos.

E é que o peor esta por vir na medida que nada indica a unha mudanza no patrón de distribución da renda e da riqueza, pola contra todo apunta, como tan ben estudou Kalecky nos anos trinta, a que o desemprego debilita a capacidade de presión e negociación dos traballadores. Actualmente os poderes vixentes, os que provocaron e non previron a crise, esfórzanse para restaurar o modelo que estoupou en 2008. Unha democracia, non merecente de tal nome, que delega as decisións nos beneficiados, os plutócratas do capitalismo e os seus capataces estatais, e que converte en vítimas aos pobos e aos traballadores afectados. Un modelo que vai abrir as portas a grandes retrocesos para as maiorías sociais, coa complicidade dunha "esquerda" incapaz de articular unha resposta política e social, por unhas limitacións teóricas e unha acomodación ao sistema, que non lle permite ver máis alá do capitalismo.

E é que definitivamente pinta negro, mentres que os brotes non sexan vermellos.