Caixa Galiza e Caixa Nova ao borde do bono lixo

Caixa Galiza e Caixa Nova ao borde do bono lixo
Fitch dálle a mesma cualificación ás caixas galegas que a Grecia ou a Caja Sol

A axencia de cualificación crediticia Fitch rebaixou o pasado Luns o 'rating' de Caixa Galiza e Caixa Nova, situando a cualificación da primeira das entidades en "BBB" desde "BBB+", mentres que o 'rating' da segunda situase en  "BBB" desde "A-". Segundo explicaba a cualificadora, as razóns desta decisión débense ao"debilitado"perfil financeiro así como a depreciación dos activos no caso de Caixa Galiza, estando motivado a rebaixa para Caixa Nova no medre da concentración de riscos na súa forte exposición ao sector inmobiliario. Non imos ser nos quen xulguemos a saúde dun entidade de crédito ou dun estado, atendendo ao certificando das axencias cualificadoras, certificados que non son fiábeis nin inocentes, se ben neste caso non fai outra cousa que confirmar algo que xa coñeciamos de vello, a pesar dos intentos por parte das equipas directivas das propias entidades e dos seus voceiros en desmentilas.

A pesar da forte dependencia dos grupos mediáticos e das dúas forzas políticas do torno respecto destas entidades financeiras non deixa de resultar escandaloso, o manto de silencio sobre esta nova, que sitúa as entidades galegas nos niveis de risco da hoxe  intervida "Caja Sol" ou da tamén rescatada Grecia. Non se trata de alarmar, pero os galegos e galegas temos dereito coñecer o estado económico das nosas entidades de crédito, nunha situación de insolvencia real e cunha tendencia clara a empeorar. Tampouco o tratamento informativo  dunha noticia relevante como esta nos di nada novo sobre os nosos medios de comunicación, agora ben non estaría de máis que vendo este tratamento que fan da nosa realidade tivesemos todos máis precaución a hora de emitir xuízos tomando como referentes  determinados aparellos xornalísticos ou radiofónicos.

Non imos volver sobre aspectos referidos a tesourería das nosas caixas sobre as que xa temos escrito nestas páxinas. A cousa está clara ao respecto e a esta altura ninguén pon en dúbida a situación crítica que viven. Poren o consenso existente sobre a situación das mesmas, non ten o seu correlato a hora de esixir responsabilidades aos directivos dunha ou doutra entidade que foron quen as levaron a esta situación. Non é de recibo que aquelas persoas que tomaron as decisións que levaron a Caixa Galiza e Caixa Nova  a estes momentos de apuro, poidan e deban dirixir e capitanear nada, menos aínda unha fusión. O timoratismo que se mantivo durante moitos anos, tamén por parte do nacionalismo, á hora de situar dentro da lei ás caixas galegas ten a ver con aspectos dos que estamos a falar.É hora de demandar o cumprimento estricto do novo marco normativo para as caixas galegas, porque se algo fica claro deste proceso que non foi o intervencionismo nin a falla de eficiencia do sector público o que criou este problema. Tampouco estaría de máis en que reflexionasemos cal sería a situación hoxe das caixas galegas, no suposto de que as mesmas tivesen participadas polo capital privado, tal como se propón na LORCA.

Xa sabemos que nos espera un último semestre do ano de sobresaltos. A decisión adoptada por Fitch, vai ter continuidade noutras cualificadoras, e senón ao tempo. Supoñemos que tamén vai tocar máis silencia mediático, pero tamén este ten un limite. En todo caso, a dúbida está na capacidade que temos de garantir a existencia futura das caixas galegas e na vontade política de mudar o papel que xogaron ate hoxe.