A especulación... sempre especulación

A especulación... sempre especulación
Pero claro, como somos sociedades “avanzadas” no social e no económico, en realidade “ensoberbiadas”, parece que nos costa moito recoñecer que estamos “colonizados”

Nestes meses estamos vendo o incremento brutal de materias primas coma o algodón, arroz, trigo ou o millo.

Efectivamente que houbo perda de parte das colleitas por fenómenos naturais como inundacións, nus sitios, e sequías noutros. Pero todo o que atinxe ao sector primario, sabe que estas variables están sempre presentes e non son excepcionais. Entón cabe preguntarse por qué as materias primas básicas están a subir perto do 100% no seu conxunto. Qué pode estar pasando para que o incremento do prezo sexa tan brutal e "descontrolado", que incluso poñan en risco a alimentación básica mínima de millóns de persoas en diferentes partes do mundo.

Recordo neste intre unha novela do norteamericano J. Steinbeck, onde o pai do protagonista se fixera rico especulando con fabas, un pouco antes da participación dos Estados Unidos na primeira guerra mundial (daquela as fabas formaban parte importante da alimentación das tropas pola súa facilidade para poder ser transportadas e almacenadas). De iso fai perto dun século.

Non é novo, xa o sabemos, o afán do individuo por conseguir facer medrar os seus cartos, aínda que polo camiño desfaga o círculo vital doutros dos seus semellantes que, como non acostuman a estar perto del, parecería que non existen.

Esto de comprar e vender (ou acaparar-almacenar-especular,..), son termos que xa existen dende antigo. E cumpren unha función interesante nun mundo equilibrado. O que sucede e que agora parece que o dominan todo, en realidade que o "tiranizan" todo.

Eso que agora adoitamos chamar "mercados", forma parte da realidade dos países dende que o mundo e mundo. O que sucedía ata o de agora (ata que empezou esto da globalización), era que os diferentes gobernos dos diferentes estados, poñían regulacións e establecían unha senda para que o "mercado" servira a "intereses diversos" que, nuns casos eran ben razoables e noutros resultaba que non.

Agora xa non é así. Xa chegamos a un mundo que parece que non ten fronteiras para o capital. Onde está permitido todo para facerse rico. Poden facer subir os prezos da vivenda  ata o dobre ou tripla do seu valor (España ou Irlanda son claros exemplos),  e cando o ladrillo se pon duro, atacan polo algodón ou o trigo ou o millo, que son máis brandos. O fundamental e facer medrar os seus cartos sen aportar nada as diferentes sociedades nas que fan negocio.

Pero claro, como somos sociedades "avanzadas" no social e no económico, en realidade "ensoberbiadas", parece que nos costa moito recoñecer que estamos "colonizados". Parece que somos sociedades con ausencia de normas, o que nunca foi bo, porque eso significa que o matón sempre gaña. E agora ese matón, o Mercado que nunca se equivoca, despois de arruinar varios países coa espiral inmobiliaria, vai a facer cartos coa espiral alimenticia e de vestido no terceiro mundo. E os políticos occidentais seguen intentando contentar a quen os suplantou no exercicio do poder, sen chegar a decatarse que eso non vai a ser posible, que ese matón e insaciable e que non ten ningún remordemento polo dano que causa en todo o mundo. As culpas sempre serán dos individuos. Xa sabemos este conto da resposabilidade compartida.

Os países que teñen eleccións para elixir aos seus gobernantes, e que son os mais estables do mundo, son incapaces de actuar conxuntamente para librase da tiranía do matón Mercado.

Visto así, cabe reflexionar, si estes gobernos traballan para os seus cidadáns ou son intermediarios de ese novo Zeus. Da medo pensar o que pode estar pasando en países onde o nivel de cobertura social e inexistente. Serán eses cidadáns os que desenmascaren esta situación tan inxusta de piratería moderna e tan antiga ao mesmo tempo. Espero que sexan eles, coa súa desesperación os que fagan que o mundo se recoloque, porque polo esforzo que fai o mundo rico, -cada vez menos rico-, imos a toda marcha, pero co rumbo ao desastre social.

Menos especulación, máis orde económica e menos recortes sociais é o que necesita Europa, pero parece que imos no outro sentido.

Non somos mero pasaxe, somos actores. E temos a sorte de que podemos cambiar a nosa realidade, si o consideramos axeitado pero..., qué fai falla para converter a diletantes en activos.