Ao asalto das pensións

Ao asalto das pensións
O futuro das pensións ha depender da vontade maioritaria da cidadanía emitida con conciencia e coñecemento de causa

Estamos asistindo ao debate sobre o futuro das pensións, un dos alicerces do sistema de protección social. Mais lonxe de producirse un contraste de ideas en termos racionais, coa posta en común dos necesarios datos técnico-económicos para poder adoptar as decisións máis acertadas, no sentido de seren as máis beneficiosas para a maioría da poboación, a discusión alónxase cada vez máis de parámetros racionais, para irse adentrando por vieiros pseudo- relixiosos, coa súa liturxia incluída.

Hoxendía está asentada a idea da necesaria reforma do actual sistema de pensións, ou do contrario quebrará. Esta conclusión non é produto dunha análise reflexiva, racional, onde se avalían todos os datos e se barallan hipóteses de futuro con vistas a incrementar o benestar das clases sociais maioritarias. Pola contra, tense convertido na oración nosa de cada día, nun verso sacrosanto, nun mantra que, emitido por boca de "gurús" económicos do sistema, que posúen o don da verdade revelada, que todos e todas debemos asumir, interiorizar, repetir en alto para finalmente profesarlle fe cega.

Tal e como acontece no eido relixioso, o dominio da liturxia para transformar unha idealización en feito incontestábel é unha das claves do éxito. Así, as solucións para manter as pensións preséntase como afirmacións sen ambaxes, directas e diáfanas, emitidas por un amplo coro de predicadores coa intención de que o vulgo receptor simple e submisamente asuma o recado, non ouse entrar a analizar o seu contido, e moito menos se lle dea chanzo nin opinión a outros posíbeis coñecedores da materia que, polo menos, parten de similares coñecementos teóricos, tamén empregan datos da estrutura económica e demográfica usualmente coñecidos, mais poden chegar a radicalmente diverxentes.

A única evidencia que ninguén cuestiona, excluíndo escenarios sen adversidades extraordinarias, é o incremento do número de pensións nun horizonte de décadas. Por exemplo, o Goberno na súa comunicación para a revisión do Pacto de Toledo sitúa en 2040 a cifra de pensións en 15,3 millóns fronte aos 8,6 millóns actuais. Poderíanse matizar as cifras, mais non a tendencia, tendo en conta o número de persoas traballadoras neste intre, polo tanto, de cotizantes que están a xerar xa o seu dereito á pensión.

Mais a partires de aquí, debería encetarse a análise racional, contrastando toda a información dispoñíbel para formular alternativas posíbeis. Porén, interesa avanzar ás alancadas, empregar ritualmente a información para arroupar unhas solución xa elaborada en base a unha ideoloxía preconcibida: frear o avance da xustiza social, mesmo cauterizalo para que non agrome de novo.

Para iso, o seguinte esteo é sentar premisas que inicien un camiño sen retorno. A máis potente: a separación das fontes de financiamento do sistema de pensións. Traducido para entendérmonos: que as pensións as paguen as traballadoras e traballadores sen auxilio externo, ou o que é o mesmo, que os grandes rendistas non teñan que sacrificar o seu peto -vía impostos- para satisfacer o benestar das maiorías sociais.

Unha das recomendacións do cacarexado Pacto de Toledo de 1996, quizais á máis relevante, foi a relativa a que "o financiamento das prestacións de natureza contributiva dependerá basicamente das cotizacións sociais e o financiamento das prestacións non contributivas e universais exclusivamente da imposición xeral". Noutras palabras, ficou vedada a achega de recursos vía impostos para garantir as pensións. En termos prácticos, de non variar ese axioma, unha persoa que gañe, por exemplo, 600.000 euros ao ano, pagará impostos para financiar -alén da seguranza, exército, infraestruturas, etc.- que determinadas pensións e prestacións raquíticas se acheguen un chisquiño ao que pode ser considerado un salario mínimo, mais nunca para mellorar o poder adquisitivo de pensionistas que perciben de media, no Estado, 783 euros, ou en Galiza, 655 euros (por certo a pensión media máis baixa de todas as CCAA que integran o Estado español).

Para 2011, segundo os orzamentos xerais do Estado en tramitación parlamentar, o 88,8 por 100 do gasto non financeiro da Seguranza Social vaise financiar con cotizacións, isto é, cunha parte do salario das traballadoras e traballadores. Do punto de vista do gasto, máis do 91 por 100 dese orzamento vai destinado a pagar pensións. As achegas do Estado, que recada vía impostos entre toda a poboación, sitúanse en 8.134 millóns de euros dun total de 118.826 millóns, que van destinados, nas grandes cifras, nun 38, 8 por 100 a pensións non contributivas (a conceder un subsidio a quen non tivo a oportunidade de traballar), nun 34,6 por 100 a complementar as pensións mínimas, e nun18, 3 por 100 a prestacións de servizos sociais entre as que se atopan as relativas ao sistema da dependencia. 

Tendo en conta que unha boa parte das lectoras e lectores deste artigo non está familiarizado coas grandes cifras do orzamento público, quizais pode ser revelador que o orzamento militar ascende en total, unindo o gasto propiamente nos exércitos xunto coa I+D militar, a 7.843 millóns de euros. Isto é que as achegas de recursos obtidos pola vía dos impostos á Seguranza Social sitúase nunha magnitudes próximas (aínda que levemente por riba) ao que supón o orzamento militar, apenas se adica un 3,7 por 100 máis. Iso demostra o escaso esforzo que se fai co orzamento público para mellorar as pensións e o amplo marxe de manobra que aínda existe, mais aínda se reparamos na escasa contía das pensións medias que se reflectiu con anterioridade neste mesmo artigo.

Porén estas reflexións non son obxecto do debate que nos ocupa sobre as pensións, nin sequera ousemos pretender introducir os argumentos aquí expostos para inducir un debate máis amplo sobre o futuro das pensións. Loxicamente, estariamos a pór en cuestión unha boa parte da receita xa elaborada e do produto final, que algúns pretenden, como non, estea xa empaquetado e listo para levar.

Abofé que o xeito de abordar o futuro das pensións como aquí se fai pode ser discutido. Ese é precisamente o obxectivo. De ningún xeito, é intención sentar cátedra científica como se fai desde as posicións oficiais (enténdase por autoridades de institucións diversas con competencias en materia económica) malia que a súa postura responde máis a criterios ideolóxicos que económico-racionais. Non caeremos no mesmo erro, ou mellor dito pedantaría. A solución final cara o futuro das pensións ha depender da vontade maioritaria da cidadanía, emitida con conciencia e coñecemento de causa, non dunha parte interesada en manter un precario sistema público de pensións para, por unha banda, negar calquera avance da xustiza social, e por outra menos confesábel, poder ficar cunha parte do negocio.