A socialdemocracia e as periferias do capitalismo

A socialdemocracia e as periferias do capitalismo
A revolución soviética, xa que logo, foi unha anomalía favorecida pola crise do Imperio ruso perante a Gran Guerra europea
Se seguimos a tese do marxismo ortodoxo eurocéntrico, de que “ningunha formación social desaparece antes de ter desenvolvido todas as súas capacidades produtivas”, a revolución soviética segundo esta proposición, foi un evento singular promovido polos bolxeviques rusos liderados por Lenin, que adoptando unha postura heterodoxa romperon coas teses do” marxismo puro” en contra do “Das Kapital”, defendidas pola socialdemocracia eurocéntrica e a corrente menxevique rusa.

Os partidos socialistas da II Internacional, sostiñan que as relacións de produción seguen automaticamente na súa evolución ao desenvolvemento das forzas produtivas, e iso conduce a que a base económica do socialismo deberá reflectirse tamén na sociedade, a medida que continúe o auxe das forzas produtivas capitalistas no que as relacións de produción forman o seu corolario. Así segundo estes, chegará o tempo no que o capitalismo se transforma espontaneamente en socialismo por simples evolución, por medio dun proceso reformista sen necesidade de revolucións. Este proceso evolutivo é incompatíbel coas rupturas sociais, e coa expansión ilimitada do capitalismo ás colonias sendo estas finalmente subordinadas aos Estados colonialistas, so o mando da economía pilotada pola taxa de ganancias do Capital, que determina o avance do cambio progresista nas sociedades.

A revolución soviética, xa que logo, foi unha anomalía favorecida pola crise do Imperio ruso perante a Gran Guerra europea, que fixo posíbel quebrar o elo máis feble da cadea imperialista formada polos Estados capitalista, que incluía tamén o Imperio ruso. Por iso, hai que decatarse de que esta revolución acontece dentro da estrutura do sistema capitalista, xa na súa fase imperialista nunha crise de descomposición dunha das súas partes como é a Rúsia zarista, un Imperio capitalista aínda cunha forte presencia das formas precapitalistas, pero non na periferia como si ocorre nas seguintes revolucións.

Rompendo coa ortodoxia da socialdemocracia europea, Lenin e os bolxeviques aproveitaron esta circunstancia para promoveren unha revolución socialista. Esta acción do bolxevismo foi condenada como unha postura errática contraria ao marxismo ortodoxo, que os socialdemócratas defendían naquel tempo, pois en vez de axudar á restauración do Imperio ruso, facendo as reformas necesarias para a superación da crise que permitiran o desenvolvemento do capitalismo e as súas forzas produtivas, pola contra estableceron un contrapoder revolucionario anticapitalista.

Sendo Rúsia un Imperio capitalista e malia a pesar da revolución soviética a mentalidade gran rusa, como non podía ser doutro modo, estaba presente no partido bolxevique agás contadas excepcións. Lenin era unha delas e tivo que librar, como se pode comprobar nos seus escritos, unha loita ideolóxica contra a psicoloxía chauvinista e supremacista gran rusa, ao apoiar o exercicio do dereito á autodeterminación en Rúsia e axudar aos movementos de liberación nacional dos pobos oprimidos no mundo. A persistencia encuberta desta mentalidade gran rusa, tivo posteriormente consecuencias nefastas para o desenvolvemento da Unión Soviética.

A diferencia dos elos da cadea imperialista formada polos Estados capitalistas, hoxe baixo a primacía estadounidense, as diversas periferias do sistema capitalista dominante están constituídas polos pobos e nacións asoballados, colonias e semicolonias. Estas esténdense polo maior territorio mundial, e coa colaboración da socialdemocracia son obxecto de espolio e saqueo, amais de manter con eles un intercambio desigual. A socialdemocracia xustifica eufemisticamente esta relación como actividade civilizadora, que inclúe a imposición lingüística, cultural, e o modelo democrático burgués occidental.

Xa que logo, hai que distinguir entre as diversas periferias e os Estados da cadea imperialista incluíndo os seus tentáculos. Nestes Estados atopamos con máis facilidade que noutros ámbitos, ideoloxías proclives ao racismo e á prepotencia, convertendose o seu nacionalismo en imperialismo como a ideoloxía do capitalismo, e a socialdemocracia no socialfascismo que o acompaña, cando lle conven ao Capital.

Os dirixentes socialdemócratas do movemento obreiro occidental considerados como os herdeiros da ortodoxia marxista, Lasalle e despois, Bernstein, Kautsky, Rosa Luxemburgo... rexeitaron en maior ou menor medida a transgresión cometida por Lenin e os bolxeviques entregando “todo o poder aos soviets” na revolución de Outubro, o que, segundo eles, foi unha agresión á democracia burguesa que trancaba o desenvolvemento das forzas produtivas, xa que as condicións materiais aínda non tiñan dabondo madurado para seren o socialismo. Desta maneira os socialdemócratas eríxense en gardiáns do marxismo puro; pero ante o continuado fracaso de cara aos obxectivos para a transformación socialista, limitáronse a transitar pola vía parlamentar baixo o poder burgués, so a escusa de colaboraren no crecemento das forzas produtivas do capitalismo para a elevación do benestar dos pobos. Nestas circunstancias remataron na subordinación permanente ao servizo do Imperialismo capitalista, renunciando a constituírse no poder político anticapitalista preponderante nos países centrais do sistema, pero mantendo as aparencias socialistas.

O pacto social, Lasalle-Bismarck, foi o precursor da alianza histórica da socialdemocracia coas élites capitalistas a través dos parlamentos, que constitúen os órganos fundamentais da dirección do poder burgués, xunto co poder económico e militar como os instrumentos principais. Esta alianza permiteu contar coa colaboración activa das masas asalariadas occidentais, para oprimir e saquear aos países colonizados das periferias, e así poder financiar a construción dos Estados de Benestar como auténticos substitutos do Socialismo no Occidente. Deste modo o imperialismo e a socialdemocracia, formando unha sagrada unión fronte aos movementos alternativos de emancipación social e nacional sempre esvaen e ocultan de mil maneiras a existencia do Imperialismo capitalista, pois o seu recoñecemento implica admitir o saqueo dos recursos periféricos polos Gobernos cos que participan nos Estados de Benestar, asociados ás elites da periferia ao seu servizo.

A crise endémica do capitalismo puxo en evidencia a relación dependente dos Estados de Benestar da taxa de beneficio do capital produtivo, e a raíz disto a socialdemocracia foi mudando o seu discurso servíndose de mil máscaras progresistas e de esquerdas, pero sempre defendendo o neoliberalismo económico imperialista, promovendo políticas de austeridade nos gastos sociais con máis rigor incluso que as dereitas e participando nas súas medidas políticas de forza para garantir a paz social.

A consecuencia destes feitos, o eixo da loita de clases e dos procesos revolucionarios anticapitalistas e antiimperialistas foi deslocalizado desprazándose ás distintas periferias, que non forman parte da cadea de Estados imperialistas, aínda que sexan ocupadas polos seus tentáculos. Deste xeito, estas periferias coloniais e nacións sen Estado convértese en suxeitos activos da transformación social cos procesos de autodeterminación. Disto deducimos que as formas puras do marxismo resultaron politicamente inoperantes no centro imperialista, sen embargo nas periferias onde foi posíbel a ligazón do marxismo coas tradicións políticas autóctonas nacionalistas e patrióticas, déronse con éxito as transformacións revolucionarias, e así a contradición entre o imperialismo e os países oprimidos pasou a seren a principal da loita de clases mundial, hoxe favorecida pola existencia de poderosas potencias emerxentes non imperialistas, amais das contradicións interimperialistas e dos distintos sectores do Capital.

Tamén a socialdemocracia acompañou o traslado do epicentro da loita de clases para combater os movementos periféricos de emancipación nacional, para manter estes países na órbita do Imperio e dos seus subordinados organizando correntes nacionalistas e de esquerdas, ademais das conservadoras de dereita existentes, en alternancia para colaborar cos poderes políticos e económicos ao servizo do imperialismo, ocultándose tras máscaras “democráticas” contra aqueles que intentan erguer con éxito alternativas nacionalistas patrióticas e soberanas que poñen en perigo a súa dominación.

Na Galiza, inserida na periferia do imperialismo mundial, comezando polo imperialismo español e seguido do eurocéntrico, temos exemplos dabondo do infame papel do sucursalismo, como instrumento colonizador do pobo galego que aínda exerce hoxe o decadente imperio español despois de 500 anos, e tamén de todo o contrario pola banda do nacionalismo patriótico galego, que para ben do País está en ascenso. O sucursalismo representado na súa versión autóctona polo piñeirismo, e na foránea pola socialdemocracia españolista, teñen en común o acreditar as bondades do españolismo de esquerda e a incapacidade do pobo galego para erguer un poder político e social propios capaces de confrontar co poder español, hoxe representado eleitoralmente pola dereita política. Como unha precondición necesaria, do resultado do inevitábel conflito ideolóxico do nacionalismo coherente co sucursalismo, vai depender en gran medida a descolonización e emancipación do noso País.