Manuel María e Gabriel Aresti Segurola

Manuel María e Gabriel Aresti Segurola

O poeta chairego que honramos este ano co Día das Letras Galegas sempre tivo unha relación moi forte con Euskal Herria onde tamén tivo grandes amigos vascos, un deles foi o cantautor Mikel Laboa, que o agasallaba cando viña por Euskadi cos discos que ía publicando, ao que Manuel María correspondía con un lote de libros da súa autoría, e outro o gran poeta, novelista e dramaturgo éuscaro, Gabriel Aresti Segurola. Non podemos escribir o nome de Gabriel Aresti sen paixón e sen dor. Era un moi querido e admirado amigo. As nosas relacións foron breves, sinceras e intensas. Ademais dos nosos encontros persoais, das nosas conferencias telefónicas e dalgunhas cartas cruzadas entre ambos, coido que había entre os dous unha simpatía fonda -unha afinidade electiva que diría Goethe- e o mesmo deslumbramento entusiasmado ante a vida. E tamén o noso compromiso total cos nosos pobos e con todos os pobos oprimidos e marxinados do mundo, escribía en 1988 na separata Gabriel Aresti: Arbre e pedra publicada en galego na Revista Internacional de Estudios Vascos.

Manuel María chegou a poesía de Aresti por medio do rapaz monfortino, Fuco Buxán, que lle dixo que en Euskadi había un poeta moi bo e deixoulle o libro Harri eta herri (Pedra e pobo), que con Euskal harria (Pedra vasca) e Harrizko herri hau (Este pobo de pedra) compoñen a chamada Triloxía da Pedra, aínda que despois da súa morte publicouse tamén Azken harria (Pedra Final). Ao noso poeta impresionoulle o libro e chamoulle a atención a semellanza da súa poesía coa que facían Celso Emilio na Galiza, Salvador Espriu en Cataluña e Manuel Alegre en Portugal, a pesar de que non se coñecían poeticamente entre eles nin quixo ler o Longa noite de pedra antes de rematar a súa triloxía para non ter influencias. O vate chairego decidiu escribirlle unha carta e mándalle Canciós do lusco ó fusco e Documentos personais, á que contestou Aresti con outra datada o 7 de maio de 1979, enviándolle as traducións que fixo ao español do Catecismo do labrego, a edición cuadrilingüe do Meabe e varias comedias; dille que lle gustaría colaborar mais cos escritores galegos e cóntalle o proxecto que ten con Blas de Otero de facer unha antoloxía poética das catro nacionalidades do Estado español con versións a cada unha das linguas, encargándolle a el a parte do galego.

A finais dos anos sesenta eran momentos duros e de incomprensión entre os nosos emigrantes e os nativos, pois como dixo o poeta vasco Edorta Jiménez: Moitos vascos consideraban aos galegos “morralla” española e os vascos eran considerados polos galegos como explotadores. Este enfrontamento fixo que Aresti tomara cartas no asunto e escribira tres sonetos contra esa incomprensión, invitando ao seu amigo a facer o mesmo para rematar con ela. O mesmo Edorta di tamén que ese canto á clase obreira mostra o compromiso coas linguas históricas por parte dos dous poetas que, xunto a Salvador Espriu, sementaron o xerme do Galeusca de escritores.

Gabriel era un gran coñecedor da nosa literatura e na súa biblioteca tiña obras de Curros, de quen chegou a dicir que era o mellor poeta do mundo, de Castelao, Paz Andrade, Méndez Ferrín, Alonso Montero e, sobre todo, do seu amigo Manuel María. Traduciu ao éuscaro o álbum Nós de Catelao, os Seis poemas galegos de Lorca, Pranto matricial de Paz Andrade, O divino sainete de Curros e Homenaxe ó Ché de Luís Seoane. Ao español traduciu Divinas palabras de Valle Inclán e, xunto co seu compañeiro de traballo, o galego Carlos Martínez Alonso, o xa citado Catecismo do labrego de Fr. Marcos da Portela (Valentín Lamas Carbajal). El foi, xunto con Gregorio San Juan, quen convenceu ao bibliotecario do Centro Galego de Barakaldo, Manuel Fernández Llousas, para crear o concurso de contos Breogán, concurso ao que Manuel María presentou o conto titulado Carta a un amigo que vive no estranxeiro e que non pasou a final por facer nel unha alusión a Aresti sen saber que era membro do xurado. A mención que aparece no conto, segundo nos ten contado o propio Manuel, é que ...a policía vai a unha casa en busca dunha persoa. Entón fai un rexistro e saca a dedución que aquel señor que buscan ten que ser un revolucionario perdido porque aparecen na súa biblioteca libros de Espriu e de Gabriel Aresti.

A pesar de seguir escribíndose, non chegaron a coñecerse até a primavera de 1972, cando foi con Saleta e Lois Diéguez a París no coche do monfortino1, á presentación do seu libro Canciós do lusco ó fusco traducido ao francés (Heures Galiciennes) por Lleó Marzo na Facultade de Letras de Nanterre, e a Hasparren a visitar a tumba do poeta vasco Francis Jammes. Cando viñan xa de volta pasaron por Bilbao para facerlle unha visita. Contábame que se quedara asombrado da intuición que tivera Meli, a compañeira de Aresti, pois, sen habelo visto nunca nin contar con el, ao abrir a porta díxolle: Ti es Manuel María, non?

Pouco mais tarde: ...Aresti organizounos unha viaxe por Bilbao e as súas zonas de influencia para que en centros culturais e Casas de Galiza recitáramos os nosos propios poemas e faláramos de cultura galega. Aquel periplo rematou con un man a man entre Aresti e o que escribe, no paraninfo da universidade de Deusto. Acordaron facer o mesmo en Galiza, pero a saúde do poeta vasco empezou a decaer e xa non foi posible ese intercambio cultural.

A derradeira vez que o ollou foi na primavera de 1975 co gallo dunha intervención de Manuel María na Casa de Galicia de Bilbao: Estaban entón o Paco González e Gabriel -conta o noso poeta- agardándome na estación de Bilbao. Eu cando baixei realmente quedei impresionado ao ver aquel home cheo de vitalidade, aquel home discutidor apaixonado e realmente; tremendamente xeneroso xa moi maliño, moi delgadiño, cunhas olleiras fundidas e agardándome na estación. Eu o chegar a Galicia caín na cama con un hemotórax espontáneo, que foi o segundo que me deu, ...cando eu estaba convalecente na cama e incluso con un cabreo tremendo, porque acababa de renunciar o meu nomeamento de Académico da Galega, sona o teléfono, chámame da Casa de Bilbao o Paco González e dime: Morreu Gabriel Aresti. Era o 5 de xuño de 1975, cando so contaba con 41 anos.

Despois de morto converteuse no poeta nacional e agora é utilizado incluso por todos aqueles que en vida o odiaron e perseguiron. Antes a dereita vasca do PNV non lle perdoaba o pecado de ser comunista e os da esquerda española rexeitábano por escribir nunha “lingua separatista” e por “nacionalista burgués”, pero despois de morto pensaron que xa non era perigoso e correron a apropiarse da súa obra para desvirtuala, pero nunca perdoalo, pois como dixo Manuel María o sete de decembro de 1985, nunha conferencia organizada pola Asociación Cultural “Rosalía Castro” de Barakaldo co gallo do décimo cabodano do poeta vasco: Aresti aínda sigue sendo minoritario, porque si algo non se perdoa nesta pel de touro é precisamente a honradez. Aquí perdoase todo; perdoase o cambio de chaqueta, que un se venda...; pero a honradez é algo que dificilmente se perdoa porque a honradez é unha conduta limpa, clara e sen fisuras, é unha acusación para aqueles prevaricadores, para aqueles que están xogando coa crenza da boa fe dos homes e sobre todo para aqueles homes que son totalmente venais. Por iso teñen que pasar anos para que esa honradez acrisolada se perdoe, e Aresti é unha de estas vítimas.

Este ano a Academia deunos a oportunidade de homenaxear a este amigo dos amigos, galeguista, leal, bo e xeneroso, pois aló vai o ano de Filgueira Valverde que pasou sen pena nin gloria entre Diaz Castro e Manuel María, entre un e outro poeta da Terra Chá que borrarán da memoria a indignidade da dedicación que lle fixeron a un franquista para contentar aos outros franquistas que gobernan na Xunta. Benvido sexa o ano de Manuel María e haber si algún día se dignan honrar tamén, como é debido, a don Ricardo Carvalho Calero.


(1).- Conta Lois Diéguez desta viaxe que cando pasaban por Quiroga, por unha estrada mala e con moitas curvas, ían todos calados e de repente dixo Manuel María: Manda carallo! Por aquí tamén se vai a París.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.