Xentes atrasadas que non nos entenden

Xentes atrasadas que non nos entenden

Por si foran poucos os inimigos do idioma que temos aquí con Gloria Lago, Feixoó e a súa camarilla da Xunta de Galiza, que un día si e outro tamén andan intentando apartarnos da boca a nosa fala, que fai pouco uniuse a eles o valenciano Toni Cantó para impoñernos o do imperio e que nos entendamos nel cos funcionarios da nosa administración, porque no ataque o noso idioma calquera imbécil, con acta de deputado ou non, pretende sentar cátedra.

O noso idioma non é mellor nin peor que outros e non pretendemos impoñerllo a ninguén, pero estamos orgullosos del porque o construíron os nosos devanceiros e seguimos a construílo e melloralo adaptándoo ós novos tempos e ás nosas necesidades. Nel aínda conservamos verbas celtas e castrexas coas que definimos ideas e sentimentos imposibles de expresalos literalmente noutro, polo que so a un necio se lle ocorre dicirnos que temos que entendernos doutro xeito cando levamos tanto tempo entendéndonos perfectamente entre nós, e que non nos priva de entendelos tamén a eles.

Si o odio que profesan ao diferente non lles cegara, e o seu fanatismo non lles privara da razón, pensarían porque o único Rei Sabio que tiveron os españois escribía en galego, cando o español (ou cristiano, como din eles), non era lingua literaria porque aínda estaba en cueiros, como afirma o historiador español, José Alvarez Junco, no seu documentado e extenso libro, Mater Dolorosa(1), sobre o nacionalismo español: Tampoco el castellano, lengua muy difundida en la península pero no fuera de ella, podía ser utilizado para cambiar la imagen de un país inculto en el resto de Europa. De ahí que los Reyes Católicos, al revés que Alfonso X el Sabio, ordenaron a sus cronistas escribir en latín, e incluso hicieron traducir al latín las historias existentes en castellano.

Así que non me estraña que Toni Cantó veña con esas necidades, pois incluso o fixeron tamén poetas como Dámaso Alonso e outros escritores xacobinos da mesma corda. Sirva como exemplo esta perla do fascista Ernesto Giménez Caballero, onde asegura que na defensa do español ata teñen a Deus da súa parte e incluso dan ganas de renegar dese idioma polo que di que deixas de ser ao esquecelo: El que de vosotros olvide su lengua española o la cambie por otra, dejará de ser español y cristiano. Por traición contra España y pecado contra Dios! Y tendrá que escapar de España! Y, cuando muera, su alma traidora irá al infierno.

Moitos de nós aínda podemos lembrar o pensamento retrógrado dos nacionalistas españois cando poñían carteis de Hable bien. Sea Patriota – No sea bárbaro, para crearnos un complexo de inferioridade e impoñernos o seu español. Non reparan en utilizar peregrinas xustificacións como a que empregaban durante a longa noite de pedra do franquismo, queréndonos convencer de que era de mala educación falar galego, éuscaro ou catalán cando había unha persoa ao lado, aínda que fora allea á conversación, porque seica podía pensar que estábamos a falar mal del; cando a mala educación sería de quen escoita unha conversación que non vai con el, querer saber o que conversan os demais, ou meterse nunha conversación privada; pero non pensarían o mesmo si fora ao revés e nosoutros non os entendéramos o deles.

Esa política de querer impoñerlle o seu aos demais é a que logo converte a algúns descerebrados en energúmenos, como o que agrediu brutalmente nun tren de Londres ao oír falar a unha señora en español polo seu móbil. A estupidez destes personaxes, que encima presumen de saber un so idioma (o cristiano) queda reflexada neste caso que lle ocorreu alo polos anos sesenta do século pasado a María da Fonte, unha veciña da miña aldea dos Vilares de Díaz Castro, cando ía no tren co seu marido, Xosé de Cacharrín, a pasar as Navidades cos seus fillos que estaban emigrados en Sestao e preguntoulle a unha señora moi fina e moi ben preparada que ía no mesmo compartimento:
- E logo señora..., si non é moito preguntar, vostede para onde vai?
A señora, como querendo poñerse nun plano superior díxolle:
- Ustedes deben ser muy atrasados, porque yo no les entiendo nada.
Ao que lle contestou a miña veciña con moita educación:
- Con perdón señora, pero a que debe ser atrasada é vostede, que nós a vostede entendémoslle todo.

(1).- Un interesante libro que foi Premio Nacional de Ensaio, imprescindible para coñecer o nacemento do nacionalismo español, baseado na relixión, no absolutismo intolerante da coroa, na violencia e na incultura.