Uns din que poden e outros que son eles

Uns din que poden e outros que son eles

Tiña pensado escribir este artigo sobre as irregularidades do PNV, dos 16.000 euros en puros habanos e dos 40.000 que gastou en comidas en restaurantes de luxo a anterior corporación dese partido no axuntamento de Lemoa; das inversións de alto risco en permutas financeiras ou Swaps, que fixeron con diñeiro público Markel Olano e compañía oito días antes de deixar o goberno da Deputación Foral de Gipuzkoa en mans de EH Bildu para construír unha incineradora e doutras causas que lle obrigan agora a ese partido centenario a mirar nas listas dos xulgados para saber quen está imputado e poder confeccionar as listas das diferentes candidaturas aos axuntamentos e ás tres Deputacións Forais que compoñen a comunidade do País Vasco, malia que Iñigo Urkullu asegurara anteriormente que a corrupción é algo alleo a Euskadi porque forma parte do ADN do Lazarillo de Tormes español, pero que nunca contaminou o oasis vasco. Quixera falar de como a Deputación de Bizkaia retira un anuncio no diario GARA ao outro día de informar das presuntas irregulares cometidas por José María Iruarrizaga, con cargos en varias empresas construtoras as que lles adxudicou contratos por valor de 29,8 millóns de euros cando era o responsable de Facenda e Finanzas desa institución.

Estes e outros moitos casos que gardo na miña hemeroteca particular tiña eu en mente, pero cambiei de idea ao ver que o fracasado Piñeirismo volve agora a rexurdir con moita forza na nosa patria, apoiado polo españolismo rampante e por algúns dirixentes que están condenados a repetir esa funesta historia de dar o paso atrás, que dicía o amigo Díaz Castro, por non querer aprender dela debido a súa teima suicida, da que tamén falaba Manuel María naquel poema titulado Saturno e que a Asociación Cultural Rosalia Castro de Barakaldo publicou nun libro do mesmo título aló polo ano 1989.

Parece que se leva moito agora combater ás organizacións mais importantes, mais arraigadas e coherentes do nacionalismo galego. Uns, vidos de fora, con líderes autóctonos rebotados doutros partidos, que seica non saben ben o que son, afirman sen ruborizarse que non son nin de dereitas nin de esquerdas porque non teñen ideoloxía pero si moitas ideas, o que lles dá pé a dicir que o pecado do nacionalismo galego é non facerse autocrítica. Tamén recoñecen que eles fan moi pouca porque os seus militantes e afiliados aínda non teñen o costume de asistir as asembleas, pero din que todo se andará co tempo e xa se darán conta de que hai que ir escoitar ao líder e a facer vulto. Non teñen un programa definido porque iso é embarullarse demasiado e xa se fará despois de gañar e tomar o poder, porque así non se incumpre ningunha promesa. Tamén é mellor non comprometerse en cousas que poidan incomodar aos votantes, xa que nadando entre dúas augas arrepañas das dúas partes.

Polo menos os outros din que son eles, que non se van presentar as eleccións para non facer dano e que xorden coa intención de volver unirnos a todos, intentando superar así esas vellas contradicións que temos por diferenciar entre dereita e esquerda ou entre nacionalismo e españolismo. Será facer algo así como unha asociación de veciños a escala da nosa nación ou algo tan idílico e de boa vontade como o chamado Pacto Social, que é onde se xuntan os sindicatos españolistas coa patronal para, despois de superada a loita de clases, pelexar todos xuntos polos seus intereses; así, en abstracto, que é como ten que ser e... primeiro paz e despois gloria.

Dá a impresión que o caso é criticar e dar titulares á prensa do sistema que lles da vida, porque o que menos lle importa a calquera dos partidos españolistas, xa sexan de dereitas, de esquerdas, ou aínda que non sexan nada de nada, como din eles, é si o nacionalismo galego fai autocrítica ou non. O que verdadeiramente lles molesta é a loita que levamos pola nosa cultura, polo noso idioma, polo dereito a decidir para ser donos do noso destino e as nosas mobilizarnos para intentar solucionar os problemas económicos e sociais que inxustamente lle impoñen ao noso pobo desde fora.

Non dubido que haxa moita xente de voa vontade entre a súa militancia, e incluso dentro dos partidos españolistas haberá algúns galegos e galegas que están de acordo en defender os dereitos da nosa nación tanto coma outros que se chaman nacionalistas, pero a miña longa experiencia militante faime desconfiar de que a pretensión dos seus dirixentes sexa esa, polo que quero deixar claro que as ideas e opinións que verto aquí son miñas e soamente miñas, que estou totalmente de acordo coa nota do pe de páxina que incorpora este Terra e Tempo dixital co fin de deixarlles menos posibilidades de manipulación a eses medios propagandistas, que son moitos, con moitos medios, ben pagados e moi malas intencións para con nós, aínda que tamén creo que servirá de pouco, pois eles nas redes sociais seguen dicindo que non foi o compañeiro Bautista quen lles fixo a crítica senón a UPG, que é a culpable de todos os seus males.

Antes foron outros os que se pasaron do nacionalismo a loitar baixo a bandeira allea xunto a outra organización foránea que se di de esquerdas e foron eles os que meteron ese Cabalo de Troia na súa propia casa, pero esa xa é fariña doutro costal e auga pasada xa non move muíño. Os militantes e simpatizantes das organizacións nacionalistas fai moito tempo que sabemos quen somos, por iso nunca nos deixamos levar polos cantos de serea que nos quixeron engaiolar na noite cecha, nin cando acenderon as falsas lanternas para que cambiáramos o rumbo do barco. A proba está en que mentres estas organizacións seguen enraizadas na sociedade, ao pe do timón e gobernando a nave do galeguismo coa dignidade por bandeira, as diferentes propostas que pretendían cambiar a súa ideoloxía e as diferentes correntes ideolóxicas que se escindiron ao longo da súa historia por facer caso deses cantos celestiais esnafrándose contra as rochas españolas ou desapareceron do mapa político. Ide a ver que foi deles...!, diría Rosalía.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.