SOBERANIA, SOBERANIA E SOBERANIA

SOBERANIA, SOBERANIA E SOBERANIA

O goberno español de esquerdas presentou recurso de inconstitucionalidade a 44 artigos da lei galega de recuperación da terra agraria. Os recursos non van no camiño dunha posíbel mellora da devandita lei. Os recursos do goberno español son prantexados por que tal lei invade competencias reservadas ao Estado central como poden ser cuestións de catastro, competencias da Axencia Galega de desenvolvemento rural, establecemento de medidas financeiras incentivadoras, revisión xeométrica e topográfica das terras............É dicer , cuestións nas que Galiza non ten poder de decisión, non ten soberanía.

Un debate é se a lei de recuperación da terra agraria aprobada en solitario polo Partido Popular e acaída para os intereses dos labregos e das labregas e das maiorías sociais galegas , que evidentemente non o é, e non o é porque a lei de recuperación da terra agraria aprobada polo Partido Popular non pretende recuperar terra abandonada para destinala a usos agrogandeiros, pretende recuperar terra abandonada, sexa agraria ou non , para entregarllas as empresas forestais. Mais o outro debate , cando menos tan necesario como este , é o de criticar ao goberno español, que se supón gardián das esencias da unidade de España, está sempre presto a dar co pau na defensa de esta uniformidade, e nin sequera se prantexou.

Aconteceu o mesmo coa orde ministerial do goberno español denominada “Listado de especies silvestres en réxime de protección especial”, onde o lobo deixa de ser unha especie cinexética .Tamén nesta cuestión deuse somentes un debate. Foi o debate de se esta orde ministerial era acaída ou non medioambientalmente falando, de si se resolvían ben ou mal a conflitividade cos intereses dos gandeiros e das gandeiras . Mais o outro debate, tampouco se deu . O debate de que porqué o goberno central ten que lexislar de xeito uniforme unha cuestión que se da no territorio galego de xeito diferente.

A cuestión de falar da necesidade de que Galiza teña soberanía non é un tema baladí , ou como afirman sectores interesados non é un tema que interese á sociedade galega. É unha cuestión clave se o debate o baixamos a temas concretos , por exemplo aos montes veciñais en man común. Entre os graves problemas que padecen os montes veciñais , e xa que logo ,a veciñanza comuneira e o feito de que o monte veciñal non é recoñecido como unha titularidade distinta das titularidades privadas e públicas, de estar sometidos a unha fiscalidade inxusta ao ser equiparados a empresas privadas e a confiscación que están padecendo nas chamadas demarcacións maritimo-terrestres, onde lle son roubados á veciñanza comuneira para entregarllas ao goberno central . Neste caso ,non se produce un roubo somentes á veciñanza comuneira , tamén se deixa fora da xestión do goberno galego a unha parte do territorio porque Galiza non ten competencia neste eido .

Os dous debates (o nacional e o social) non son contraditorios, son necesarios e complementarios . É máis, mesmo pedagoxicamente falando , a reclamación da soberanía nacional galega debe ser o marco no que se inclúan as reivindicación específicas e sectoriais, acadar a soberanía é a base para comezar a darlle alternativa aos problemas do pobo galego. Criticar ao goberno español ,sexa de cor vermello ,morado ,azul ou verde, por presentar recurso de inconstitucionalidade a unha lei galega por invadir competencias do estado central , é criticar ao partido que a elaborou ? . Non exactamente, e tamén defender o dereito que ten o pobo galego a acadar a soberanía nacional ,ou para entendernos mellor ,o dereito que ten o pobo galego a decidir en todas as cuestións que se dan no seu territorio é ,en esencia, prantexar todos os debates en clave de pais .

Existe no pais unha corrente de opinión que vencella o interese de que Galiza acade soberanía nacional segundo o partido ou aos partidos que gobernen Galiza . Consideran que a soberanía é só un punto nun programa electoral (que xa se sabe, cúmprense ou non) . A soberanía nacional é un dereito das nacións que como Galiza son dependentes .Logo ,nunha Galiza soberana gobernará aquel partido ou aqueles partidos que o pobo galego decida democraticamente en cada proceso electoral .