Os xuíces da Manada


Cando o xuíz prevaricador, Baltasar Garzón, inventou o de “todo es ETA” agochaban as irregularidades xudiciais baixo o paraugas da violencia desa organización, pero dun tempo a esta parte, ao cesar esa violencia e quedar so a do Estado, a xustiza española está mostrando sen vergoña as súas costuras represivas e intransixentes para unha parte da sociedade e a súa condescendencia sen escrúpulos coa outra. Non son xurista nin leguleio, pero tampouco fai falta selo para ver a súa parcialidade e a distinta aplicación das regras, dependendo de quen sexa a persoa ou persoas ás que se lle aplican.

Si xa fai moitos anos puidemos ver como o actual ministro da porra -inventor da “versión xudicial”- miraba para outro lado ante os moitos casos de tortura das distintas forzas policiais, que pasaron por diante dos seus fociños, que tamén é unha forma de “tortura xudicial” engadida, e que por non investigalas recibiu os correspondentes tiróns de orellas de parte da Comunidade Europea, vemos agora as acusacións incongruentes aos presos políticos cataláns encadeados sen xuízo, ao igual que aos rapaces de Alsasu, acusados de terrorismo por unha pelexa de taberna e que estiveron mais de un ano en prisión preventiva; o encadeamento de titiriteiros e rapeiros, polo mero feito de realizar as lóxicas funcións da súa profesión e o trato de favor a Urdangarin -que nin sequera sabemos a ciencia certa si está na cadea ou desfrutando de todo o que nos roubou nun paraíso a súa medida-, ou a manada de corruptos do partido do anterior goberno, libres ou con condenas irrisorias; pero o caso mais vergoñento e o que creou mais rexeito e crispación social foi o dos violadores da Manada, cinco indesexables entre os que están o militar Alfonso Jesús Cabezuelo e o picoleto Antonio Manuel Guerrero, organizacións militares ás que a xustiza parece ter mais consideración que ao “populacho” normal e corrente.

Penso que as funcións dos xuíces é o de xulgar feitos xa ocorridos, pero non xulgar ou prever o que pode pasar ou van facer nun futuro inmediato os condenados. É curioso que fai pouco unha xuíz foi investigada por facer de pitonisa no seu tempo libre -o que lle pode custar a carreira-, pero sen embargo aos da Manada permíteselles facelo en horas de traballo, prevendo detalles e supostos nos seus autos e sentencias sobre a posibilidade do que son incapaces de facer ou deixar de facer os condenados. Dá a impresión de que prognostican e esgrimen gratuitamente todo o que sexa necesario co único fin de xustificar a liberdade deses canallas.

Din no seu vergoñento auto de excarceración que non hai risco de fuga, cando todos sabemos do gremialismo que hai entre os membros da Garda Civil, desde que o seu fundador, o duque de Ahumada, ideou os cuarteis coa intención de crear guetos impenetrables desde fora, pero que os irmanda entre eles e incluso ás súas familias, como se demostrou ao seguir pagándolles o soldo a pesar de non ter un destino propio e ao non poñer en coñecemento dos xuíces que o picoleto foi á oficina coa intención de renovar o pasaporte, tendo que sabelo eles por outros medios e deixando de paso en mal lugar os seus augurios de videntes. Estes da Manada, a pesar de ter condena mediante sentencia, seica non tiñan risco de fuga, sen embargo cando Puigdemont pretendía vir a ocupar o cargo de Presidente da Generalitat para o que foi electo polo pobo catalán, ameazárono con prendelo tan pronto como entrara no Estado, sen haber sentencia nin querer fuxir, senón todo o contrario. En que quedamos?

Durante o xuízo -a porta pechada por decisión xudicial- daba a impresión que o que se pretendía era protexer a identidade e a dignidade dos agresores e vituperar á vítima, pois non houbéramos visto as fotos nin sabido os nomes deses energúmenos de non ser pola propia sociedade que as distribuíu polas redes sociais facéndoas populares, popularidade que agora utilizan para afirmar que non se dan á fuga nin van a reincidir por que son moi coñecidos. Non dan puntada sen fío e as tornas fanas todas para o seu muíño. Ademais, ao admitir, como fixeron en primeira instancia, o informe do axente secreto pagado polos que agora seica non teñen para un billete de avión, pero si para pagar a fianza, daban a entender que a vítima non tiña dereito a facer unha vida normal e a impresión de que polo feito de intentar facelo, despois de ser covardemente violada, xa cometera un grave delito, e tampouco tiveron en conta os WhatsApps nin as conversacións nas que, entre eles, falan claramente de violación, nin que un avogado deles recoñecera que así o houbera considerado de haber sido el o defensor da vítima.

Aínda lles debeu parecer pouco todas estas incongruencias e a ridícula condena que ditaron na sentencia, xa que despois de telos uns meses na cadea acordan soltalos porque, segundo o seu auto: incumbe a las partes acusadoras la carga de proporcionar al órgano judicial decisor la debida argumentación (traducida en buenas y poderosas razones para privar con carácter preventivo y provisional del derecho a la libertad personal reconocido en el art. 17.1 CE a quien todavía goza de la presunción de inocencia...), pero, cousas da xustiza española!, ese mesmo artigo non lle sirve para os presos políticos cataláns, que aínda están sen xulgar e polo tanto teñen moita mais presunción de inocencia, pero si para facer o ridículo en toda Europa por confundir ideas políticas con violencia, e tampouco para os rapaces de Alsasu, condenados a duras penas por un tribunal franquista que aínda hoxe sigue aplicando a lei do inimigo.

O mais curioso é que os mesmos xuíces causantes de todos estes desatinos van agora de vítimas e aínda se senten acosados polas grandes mobilizacións sociais, como si tivéramos que aturar caladamente todas esas arbitrariedades xudiciais, a sabendas de que a verdadeira razón pola que actúan deste xeito é a de intentar frear xudicialmente as accións do movemento feminista en favor da igualdade e das nacións sen Estado, deixar claro que o sistema patriarcal e centralista non está por esa labor e para que abandonemos toda esperanza de cambio. Pero tanto as loitas feministas como as nacionalistas son xustas e van por bo camiño, proba de elo son os paus que lle intentan poñer nas rodas utilizando xuíces dóciles a súa política. Por todo iso, seguiremos loitando polos dereitos das mulleres e dos pobos ata conseguir entre todos un mundo mais xusto e igualitario.