Os colonizados da dereita, en comandita cos colonialistas, dicían que agora no xardín europeo de Borrell, non hai colonias, que iso pasaba antes nos pobos de África e da América latina.

Galiza aínda segue sendo unha colonia

Galiza aínda segue sendo unha colonia

Primeiro Portomarín
e logo Castrelo do Miño,
despois tocoulle as Encrobas
o firmárenlle o destiño.

     Fuxan os Ventos

Xa fai moito tempo que considerabamos Galiza unha colonia, pero os colonizados da dereita, en comandita cos colonialistas, dicían que agora no xardín europeo de Borrell, non hai colonias. Que iso pasaba antes nos pobos de África e da América latina, pero cada vez está mais claro que somos unha colonia con todas as da lei dentro dese xardín; un xardín no que os centralistas e colonialistas españois, coa colaboración necesaria do Goberno da Xunta, rouban os nosos recursos económicos, profanando incluso os catro elementos da natureza; a auga, o aire e a terra, potenciando o lume coa súa política forestal. Digo que nos rouban porque aquí non deixan nada de valor, pois lévano todo e cómeno en Madrid. Aquí só deixan os malos olores e a pezoña que destrúe o medio ambiente.

A auga.- Primeiro o franquismo, e mais tarde os diferentes gobernos chamados democráticos, roubáronos a forza da auga, asolagando os nosos mellores vales e producindo miseria e emigración. Afirma o escritor Alfonso Eiré, no seu interesante e ameno libro, Ausentes, que cando construíron o encoro de Belesar tiveron que emigrar mais de 3.000 persoas, deixando as súas viñas, as súas terras, as súas casas e os seus prados asolagados polo pantano. Outro tanto, ou máis, pasou cando levaron a cabo, pouco despois, a construción doutro embalse no produtivo val de Castrelo do Miño, unha poboación que tiña daquela unha renda per cápita das mais altas de Galiza.

Non só nos rouban a forza da auga dos nosos ríos, senón que tamén a envelenan con vertidos de produtos tóxicos que empregan nas minas a ceo aberto que teñen en Touro e en moitos mais lugares de Galiza, pero a eles non lles importa, pois saben que as augas seguen o seu curso polos ríos e regatos e tamén serven, por moi tóxicas que sexan, para mover as turbinas dos encoros e producir megavatios, que é o que verdadeiramente lles importa. 

Por si todo isto fora pouco, agora o soldado Sánchez botou man do Plan de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM) e tamén nos quere roubar a auga do mar, reservando 3.634 km2 do litoral galego para aéreo-xeradores, que pon en risco a actividade pesqueira en184 caladoiros e os postos de traballo directo de 19.229 mariñeiros en 4.058 embarcacións. 

O aire.- Ademais dese plan, co que o 47% de toda a eólica mariña do Estado estará emprazada na Galiza, que tamén nos roubará o traballo e a paisaxe, roubándonos tamén a forza do vento que pasa á terra firme e peitea as nosas montañas, pois temos os nosos montes cheos deses muíños que as eléctricas e presuntos ecoloxistas din que producen enerxía verde, cando ademais do impacto ambiental, matan a fauna coas súas aspas e arrasan a flora debaixo das liñas de alta tensión que cruzan os nosos montes e producen un ruído infernal de moitos decibelios.

Sempre dixen que a electricidade non crea riqueza onde se produce, senón onde se consume, pois onde se produce crea miseria e emigración e tamén sabemos que a xeración de orixe renovábel en Galiza supera o consumo interno do país, que a exportación de enerxía aumentou 12,4 puntos desde 2021 a 2022 e que, segundo Rede Eléctrica, exportamos en 2022 o 40,5% da electricidade xerada, pero nin Iberdrola, Naturgy ou Endesa0 cotizan na nosa terra, senón en Madrid; polo que estou totalmente de acordo co compañeiro Néstor Rego de que si queren enerxía que poñan uns xeradores eólicos na Castellana, pois con tantos rañaceos dun lado e do outro ten que haber unhas correntes do demo e produciría moitos mais megavatios que nas rías galegas. Róubannos a electricidade, non temos sequera unha cota enerxética galega e aínda lles temos que pagar a escote o traslado desa enerxía para que produzan riqueza e non anden coma as toupas na capital do Estado e noutros territorios. 

Para mais inri, esas empresas eólicas teñen barra libre e permiso da Xunta para facer parques eólicos onde queiran, porque agora seica son eles os que elaboran os informes de impacto ambiental estratéxico. Son xuíces e parte, como se di no argot xurídico. 

A terra.- Menos mal que a loita do pobo galego parou a mega-mina que tiñan pensado facer en Coristanco, para sacar centos de toneladas de ouro para unha compañía canadense, que deixaría aos paisanos sen fincas para labrar, mentres os canadenses levarían o ouro. Pero aínda quedan centos de minas socavando a nosa querida nación, envelenando a nosas augas e deixando sen terras aos campesiños, como xa fixeron nas Encrobas, un pobo heróico que coa súa loita pasou á historia e engrandeceu a figura de  Moncho Valcarce, O Cura das Encrobas

O lume.- Teño que recoñecer que este elemento é o único que non levan; este déixano aquí para desgraza nosa e dos nosos montes; unha praga tamén provocada polo colonialismo e a complicidade da Xunta, ao encher Galiza de eucaliptos, que é a mellor materia prima dos incendios, para favorecer a Ence e aos políticos eméritos do PP e do PSOE que están no seu Consello de Administración grazas ás portas xiratorias. Unha empresa que, ademais de potenciar as plantacións de eucaliptos en leiras, prados e incluso nos castros e necrópoles castrexas nas que descansan os nosos antepasados, que enche de fume e mal olor a capital de Pontevedra, emporcando a ría na que antes se mariscaba. Unha empresa que paga 6 millóns de Imposto de Sociedades en Madrid e 157.000 euros na Galiza.

A loita dos veciños e do concello de Pontevedra conseguiu que Audiencia Nacional declaraba nula a prórroga concedida en 2016 á pasteira até o 1973, polo goberno de Mariano Rajoy cando xa estaba en funcións. Pero o pasado 7 de febreiro o contencioso administrativo do Tribunal Supremo ditou unha sentencia estimando o recurso presentado por Ence contra da Audencia, porque así anda o catavento da xustiza española cando os intereses políticos se antepoñen as leis. 

O caso non é estrañar sabendo que na presidencia da sala que ditou esa sentencia estaba nada menos que Carlos Lesmes -aquel que se emperraba en traer do asilo a Carles Puigdemont e que tantas veces llo negaron, tanto os tribunais alemáns como os belgas, deixando en mal lugar a xustiza española, a súa democracia plena e as represivas leis españolas-, xunto con Wenceslao Olea Godoy, un conservador moi próximo ideoloxicamente a Vox e Inés Huerta, polémica tamén polas súas actuacións contra o proceso catalán. Con estes poñentes conservadores, que mudaron a doutrina para que a pasteira seguira na capital do Lérez, facendo que non servira de nada o voto particular da progresista Ángeles Huet de Sande, que non considera axustada a dereito a prórroga concedida a Ence e que tamén a Comisión Europea considera contraria ás normas estabelecidas na Unión Europea e iniciou un procedemento de infracción contra España por non garantir un procedemento de selección transparente e imparcial para a adxudicación de concesións relativas ás zonas costeiras. Agardemos que Europa lles tire das orellas como outras tantas veces, porque eu dos xuíces e da xustiza do Tribunal Constitucional tampouco me fío.

Se isto ocorre en Galiza é porque nos consideran unha colonia na que poden facer o que lles pete e da que levan gratis todas as nosas riquezas, deixando aquí os cheiros e os velenos das industrias contaminantes que non poden poñer noutros sitios porque degradan o medio ambiente. Pasa isto porque non somos donos do noso, nin temos dereito a decidir a política que queremos levar, e tanto os gobernos madrileños como os da Xunta acabaron co noso agro e coa nosa gandería, baleirando as nosas aldeas, nas que so quedan vellos e ninguén con idade para traballar, porque esa xente ten que seguir emigrando, ben para o resto do Estado Español ou ben para outros países.