Cincuenta aniversario do Centro Galego de Laudio

Cincuenta aniversario do Centro Galego de Laudio
Que me perdoe o lector si este pobre escrito se parece máis a unha novaa periodística que a un artigo de opinión, pero penso que tamén é necesario dar a coñecer o que fai na diáspora a xente que tivemos que emigrar para conservar a nosa cultura, porque necesitamos deses vínculos que nos unen á terra onde nacemos.

O pasado catro de maio cumpriuse o cincuenta aniversario do Centro Galego de Laudio, un Centro que sempre foi moi activo culturalmente e por el pasaron en diferentes épocas, Felipe Senén, Manuel María, Abuín de Tembra, Alfonso Blanco Torrado, Xosé Estévez, Xosé Manuel Beiras, Dolores Vilavedra, Alberto González Montañés, Antón Reixa e outros personaxes das letras e das artes galegas; músicos e grupos musicais como Suso Vaamonde, Na Lúa, Treixadura, Xarín, Arco da vella, Caldaloba, Aloia, Buxainas, Banda de música de Narón, Ouriceiras do Incio ou Luar na Lubre. Incluso agora, cando os Centros están en recaída, dedicándose mais ao folclore e á gastronomía que as actividades culturais; cando algún vai á deriva, como o outrora digno, Centro Galego de Barakaldo, que fixo o programa do Día das Letras Galegas todo en español (coma os outros 364 días do ano, para non variar), con campionatos de “rana”, de chave, tute e brisca; concursos gastronómicos, bingo e “manualidades” que non teñen nada que ver con ese día e que se poden facer noutra ocasión, este Centro de Laudio sigue moi activo nese terreo de divulgar a nosa cultura, debido á labor da Peña Deportivista “Anduriña” e aos seus socios Manu Carnota e Vítor Valiño; ao gaiteiro madrileño e secretario do Centro, Raul Rodríguez, e ó membro da directiva, Manolo Lourenzo.

A relación dese Centro co concello laudotarra é moi boa desde fai moitos anos e os nosos paisanos, sen perder a identidade, están moi integrados na sociedade vasca, proba dilo é que no ano 1994 agasallaron ao pobo de Laudio con un cruceiro labrado pola escola de canteiros de O Porriño, ao que correspondeu o concello, o vinte de maio de 2017, coa inauguración dun monólito a Manuel María, esculpido en granito de Parga polo escultor Xosé Valdi.

Para celebrar este aniversario organizaron unha serie de actos a celebrar durante todo o ano, pero este mes, coincidindo coa festa das nosas Letras, levan a cabo unha serie de exposicións na Casa de Cultura municipal: Unha sobre o Poeta Obreiro de Paradela e tamén emigrante en terras cataláns, Manuel Rodríguez López; outra sobre O exilio galego en Venezuela, editada pola Fundación para o estudo e divulgación da cuestión social e sindical en Galiza (FESGA) da CIG, elaborada coa investigación e o material fotográfico de Xurxo Martiz Crespo e, por último, unha ampla mostra das táboas vellas recuperadas dos cangos e portas de casas rurais abandonadas, que o malogrado pintor Anxo Lamas lles deu unha nova vida chea de cores e de ilusión, para doalas a Xermolos, que tamén se quixo sumar á celebración; unhas táboas cheas de historia que agora serven de soporte para esas pinturas inspiradas nos versos de diferentes poetas chairegos, que tamén se poden ler nelas, e que pasarán á casa natal de Díaz Castro cando estea rehabilitada.

Hoxe mesmo, coincidindo co Día das Letras Galegas, levaremos a cabo, a partir das 18 horas, a proxección do documental Galiza en Venezuela, coordinado por Manuel Mera e editado tamén por FESGA e o próximo 8 de xuño terá lugar un alarde de danzas no que participarán seis ou sete grupos galegos.

Todo isto é posible, porque fai agora cincuenta anos, os nosos compatriotas afincados en Laudio notaron a falta da terra nai e construíron un lugar de encontro no que poder rememorar a cultura matria nesas terras alavesas do val de Aiara, para, como dicía Agustín Fernández Paz, seguir tendo as raíces ben afincadas na terra e as polas abertas a todos os ventos e a todas as culturas do mundo, que é como debe ser.