Catastro español e montes veciñais galegos

Catastro español e montes veciñais galegos

O catastro e un organismo do ministerio de facenda do goberno central con plenas competencias no territorio galego. E isto, nos montes veciñais, notase negativamente. Os montes veciñais figuran na cartografía catastral divididos en recintos e parcelas como se fosen montes de varios titulares. Sendo os montes veciñais dunha soa comunidade de montes, carece de todo sentido que se traten catastralmente como se fosen recintos e parcelas independentes.

Esta excesiva parcelación débese a que a cartografía catastral foi realizada en base a elementos non axustados a realidade dos montes veciñais. Para facer as diversas parcelas baseáronse en: pistas forestais, valados, carreiros, medios valados e mesmo vías de saca que duran o que dura a retirada da madeira do monte. A cuestión podería ser baladí se na practica non dificultase ou mesmo impedise que as comunidades de montes leven adiante as necesidades propias do dia a dia.

Formalización de contratos de permutas, constitución de dereitos de superficie, obter permisos para cortar madeira, aprobar planos de ordenación ou de xestión, xestionar licencias para plantacións e mesmo solicitudes de axudas e de subvencións, son non autorizadas pola consellaría do medio rural, se as parcelas do monte veciñal non coinciden coas parcelas catastrais. E na inmensa maioría das veces, dado como foi elaborado o catastro, non coinciden.

En ningunha lexislación sexa galega ou do estado, indica que o catastro defina propiedade, só define usos do territorio. Mais para a consellaría do medio rural, o catastro é como se fora a lei da leis. Ten máis valor que as propias leis elaboradas por ela mesma. A lei de montes de Galiza actualmente vixente no seu artigo 54 establece o procedemento para o deslindamento amigábel entre montes de particulares e montes veciñais. O procedemento non é doado. A comunidade de montes ten que chegar a acordo con montes de particulares lindeiros, realizar os apeos para as medicións reais e colocar os marcos nos piquetes correspondentes. Mais cando presenta este laborioso traballo diante do rexistro provincial de montes veciñais, este rexeita o seu rexistro xa que o parcelario do monte veciñal non coincide coas parcelas catastrais. E o mesmo acontece se as comunidades de montes queren revisar os croques das súas terras comunitarias en aplicación de disposición transitoria décimo terceira da mesma lei de montes de Galiza.

E dicir o catastro, un organismo do estado central, impide que na Galiza se poida aplicar unha lei galega. Volve pois a demostrarse non só na teoría, senón tamén na practica, a necesidade de que Galiza teña competencias plenas, teña soberanía, para solucionar os problemas que afectan a Galiza como nación e aos galegos e as galegas como pobo. Só un catastro galego consideraría ao monte veciñal como unha soa parcela catastral e consideraría os planos de ordenación ou de xestión dos montes como elementos claves xa que son os instrumentos fundamentais para acadar un monte veciñal multifuncional e sustentábel, un monte con futuro.

Non lle imos a pedir ao Sr. conselleiro de medio rural que reclame a soberanía para a nosa nación, xa que non o faría. Mais si lle esiximos que como galego, que inicie conversas cos xestores do catastro para que se aprobe unha metodoloxía para que o catastro se adecúe á realidade dos montes veciñais. Para que o catastro sexa un elemento máis que facilite a xestión das comunidades de montes para pór en valor as súas terras comunitarias. Mais nin isto vai facer. O Sr. conselleiro de medio rural vai a aproveitar todos os elementos que dificulten ou impidan a xestión das comunidades de montes porque van na súa dirección. Na dirección de apropiarse das terras veciñais para que as xestionen intereses empresariais. Se o vento sópralle de popa, non vai ser el quen cambie o rumbo. Mais o rumbo pódese cambiar.