Carta aberta ao Presidente Rajoy

Carta aberta ao Presidente Rajoy

En primeiro lugar entenda, señor Presidente, que me dirixa a vostede nesta lingua que sempre se negou a utilizar por considerala vulgar, paleta e aldeán, pero é a miña lingua, coa que me arrolaba miña nai no berce e á que nunca renunciarei, pois pese a levar corenta e sete anos emigrado nesta Euskal Herria a que amo fortemente, teño as raíces moi afincadas na patria onde nacín. En segundo lugar desculpe si algunha vez me excedo, pois entenda que debido as que nos leva feito é moi difícil dirixirse a vostede sen acritude, e polo seu xeito de gobernar en contra das clases populares non o considero merecedor de respecto ou admiración algunha por parte dos que sufrimos nas nosas carnes a súa nefasta política. Dóenme as familias que están na rúa ao seren desafiuzadas por leis inxustas e pola avaricia dos bancos e “fondos voitre”, pero -aínda así- vou intentar controlar a miña carraxe, froito de tantos desatinos: De ver como esnaquiza o Estado para poñelo nas mans privadas de xentes sen escrúpulos; como cada vez medra mais a desigualdade, como rescata os bancos e as grandes multinacionais, mentres despreza as persoas; de ter que aturar tantos roubos de diñeiro público -tarefa na que si se aplican moito e ben os dirixentes da súa banda- e vendo a súa incapacidade de tomar medidas para acabar con tanta desfeita, mentres subvenciona as compañías eléctricas que teñen beneficios escandalosos.

Procurarei non utilizar cualificativos, como me ensinou o meu primeiro mestre, don Andrés Pérez Carballeira, pero creo que vostede é consciente da súa propia inutilidade e por iso utiliza a estratexia de non facer nada e deixar pasar o tempo, que tan bos resultados lle deu para apartar ao Soldado Sánchez e para marear aos mareantes de Podemos. Esa inutilidade vese en todos os dirixentes do seu partido ao ter que recorrer constantemente aos elementos e aos santos, como fai tamén o señor Feijóo e o seu Conselleiro de Cultura que lle pediu a Santiago que defendera o noso idioma, despois de maltratalo eles un día si e outro tamén.

,Dá a impresión que desde o desastre da Armada Invencible os españois, co seu presidente, ministros e ministras á cabeza, todo o fían aos elementos, á Virxe do Rocío, á do Pilar, á de Fátima, a Santiago e a todos os Santos, pero si son eles os que teñen que arregar os problemas xa me dirá que fan vostedes, ademais de prevaricar por cobrar un soldo inmerecido e innecesario. Todos vostedes terían mais éxito en calquera circo que moitos pallasos, si as súas decisións non foran tan tráxicas para a maior parte das familias que habitamos este maldito estado corrupto e descomposto.

É vostede un mal gobernante, pero teño que recoñecer que é un bo futurólogo, pois aínda que algún día tiña que chover, choveu e fixo vento e moitos galegos quedamos catro ou cinco días sen electricidade debido ao mal estado das liñas, porque xa se sabe que cando vostede abre a boca ou sube o pan, ou ocorre unha catástrofe deste tipo, xa que por non obrigalos a inverter nada no seu mantemento teñen as liñas como se poden ver nesas fotos que acompañan este artigo, de datas ben diferentes(1), e que estiveron moitos meses no 2009 tirados polo chan e, aínda que os subiron algo, aínda hoxe as vacas poden rascar o lombo nos cables. Neses días sen luz tivemos que coller o xerador de electricidade para que o sustento que gardamos nos conxeladores non se corrompera, como lles pasa a eses miles e miles de chourizos que ten na súa banda, acusada nun auto do xuíz José de la Mata como organización criminal para delinquir.

Penso que as leis non so deben ser xustas, senón que tamén deben ser lóxicas e non absurdas e contraditorias, pois non é normal privarlle a uns utilizar os bens naturais e a outros non, en base ao seu poder económico, xa que eses bens son de todos por igual. Sen embrago a demencial lei do “imposto ao sol”, promulgada por vostede e a súa camarilla, impide producir corrente por medio do vento, do sol ou da auga a calquera paisano si non lle regala o excedente as compañías que serven de porta xiratoria para colocar nos seus consellos de administración aos seus “amiguetes”, como fixo agora con Fernández de Mesa, polo que, utilizando a lóxica desa lei, deduzo que tamén puidemos vulnerala ao utilizar o xerador, xa que sería delito producir corrente si non o facemos para beneficiar a esas compañías protexidas por vostede. Ou temos bula cando estes monopolios non cumpren coa súa obrigación de subministrala?

Xa sei que somos unha colonia, que fornecemos á metrópole de materias primas que ela non ten e aínda que nos queiran facer crer que somos dependentes en todo sabemos da certeza daquel refrán que di: na casa do ferreiro coitelos de pau, pois producimos a corrente asolagando os nosos mellores vales, inzando os nosos montes de muíños de vento e de liñas de alta tensión, que encima temos que pagar a escote para que leven o noso produto a cambio de nada cara a capital, que é onde cotizan as empresas produtoras. Mentres tanto as liñas que nola subministran a nós están abandonadas e polo chan, sen cumprir a legalidade en materia de seguridade nin a normativa correspondente, pois a min, cando tiven que pagar do meu peto unha liña de douscentos metros para que Fenosa me puidera vender a electricidade, obrigáronme a poñer catro postes con cincuenta metros de separación máxima entre eles, pero na liña que se ve na foto, hai mais de sesenta e cinco, polo que deduzo que as normas tampouco son igual para todos neste reino Borbónico.

O Estado que vostede desgoberna déixanos desprotexidos, nas mans deses desalmados, por esas leis inxustas que protexen e legalizan a súa avaricia; de aí que nos cobren, non polo consumido, senón polo contratado; que suban o seu prezo en momentos puntuais cando mais poden foder a xente, non polo custe dos medios de produción utilizados para conseguila: solar, eólica, hidráulica, carbón ou gas, facendo unha media proporcional de todos os que se utilizan segundo as necesidades e non polo seu capricho, senón aplicando o mais caro de todos eles, dándose tamén o caso de que este é o único Estado do mundo no que se paga un imposto por un imposto -valla a redundancia-, xa que despois de pagar o “Imposto por enerxía” vostede tamén lle aplica o IVA, que non ía subir cando estaba na oposición. Unha verdadeira calamidade.


(1).- Unha delas xa foi publicada neste Terra e Tempo Dixital o 16 de novembro de 2014 e foi sacada polo autor o 17 de abril do 2009, a outra foi tomada o 11 de febreiro de 2017.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.