Asi ten as liñas Unión Fenosa

Asi ten as liñas Unión Fenosa

Nos Vilares de Díaz Castro, a pesar de que pagamos relixiosamente o recibo da luz como si tivéramos un servizo normal, xa estamos acostumados aos constantes cortes de luz, non so cando fai algo de vento, senón tamén cando está en calma e as condicións climatolóxicas son totalmente normais, polo que, si cobrar por un servizo que non se presta é unha estafa, penso que esa compañía eléctrica galega, que produce aquí e cotiza en Madrid, estanos estafando, pois en case todas as casas tiveron que mercar un xerador eléctrico, e as que non dispoñen del teñen pedirllo ao veciño para que non se lles malogre o que ten no conxelador.

Aínda así, penso que eses cortes de fluído eléctrico son moitos menos dos que podían ser, debido o estado ruinoso no que se atopan as liñas pola falta de investimento na súa limpeza, así como no seu mantemento e conservación.

Xa me ocupei moitas veces, nesta mesma revista e noutros medios, das malas prácticas desta empresa que ten as liñas deixadas “da man de Diós”. A primeira creo que foi no desaparecido semanario A Nosa Terra, despois cando uns cables tirados polo Ciclón Klaus estiveron de xaneiro a abril tirados polo chan e, fai pouco, cando eses mesmos cables tiñan tanto seno que no medio dos dous postes podíanse coller coa man, poñendo en perigo tanto ós animais como ás persoas, e non son manías nin que teña moito vagar para andar revisando todos os tendidos, pero o caso é que hai tantos fallos e tan gordos que, ademais de sufrilos, saltan á vista, aínda que un non repare moito en buscalos.

Agora trátase dunha liña que precisamente tiven que costear eu do meu peto con catrocentas mil das antigas pesetas, no ano 2000, -para logo doarlla á compañía eléctrica, en base ao demencial Real Decreto 2949/1982, coma si se tratara dunha Fundación sen ánimo de lucro- e sobre a que fai uns anos caeu un piñeiro, rompendo o cable tensor que termaba dos cables, que caeron ao chan, e torceu un poste de formigón. Viñeron reparala dun xeito chapuceiro, pois non cambiaron ou endereitaron o poste nin sequera puxeron o cable tensor que debera termar dos cables, senón que se limitaron a eliminar o cable tensor anterior e enganchar os cables de condución eléctrica nos ganchos de aceiro que servían para enganchar o cable tensor, como se pode apreciar na foto.

Así leva varios anos, -desde que caeu o piñeiro encima dela- e, si ninguén o remedia, seguirá así ata que o roce dos cables co gancho de aceiro, polo abaneo do vento, vaia desgastando o recubrimento illante e empecen a saltar chispas ao facer contacto os cables coaceiro e quedemos sen luz durante varios días.

Podía haber chamado por teléfono á compañía para que a reparara, pero non me apetece falar con unha máquina desas que puxeron para ter menos empregados e mais beneficios, e, ademais, como deixaron a liña xa o deben saber por medio dos encargados que viñeron facer a reparación chapuceira; así que tomo a decisión de facelo público, pois xa sei, pola experiencia dos casos anteriores, que é moito mais efectivo facelo así, pois eles ben saben que o que non se conta non existe.