Un imperio en decadencia

Un imperio en decadencia

Parece que ultimamente non lle van ben as cousas ao imperialismo ianqui na súa teima de destruír países e impoñer brutais ditaduras, cousa que me aleda enormemente, pois xa levan feito xenocidios dabondo nas súas invasións e guerras programadas en centos de países con gobernos que non son do seu agrado, e tamén porque os traballadores e as clases populares estadounidenses teñen dereito á paz e a non perder os seus fillos e fillas en guerras inútiles que so benefician ás grandes multinacionais e fabricantes de armas, deixando na ruína e convertidos en estados falidos aos pobos nos que intervén para “impoñer a democracia e os dereitos humanos”. As únicas loitas que debe manter ese pobo é contra o racismo que hai na súa sociedade, pola liberdade, pola saúde e por unha ensinanza universal e gratuíta, como a que xa goza o pobo cubano, a pesar do bloqueo criminal e ilegal á que ten sometida esa illa. A economía do xigante do norte debería basearse na industria civil e civilizada, na agricultura e na gandaría, pero non na industria militar, nin na economía de guerra que o está levando á bancarrota.

Sabemos que nunca houbo imperio que mil anos dure e parece que a este tamén lle está chegando o seu San Martiño. Ante a puxanza doutras potencias económicas, como a rusa ou a china; que utilizan a negociación e o comercio libre, respectando as leis internacionais, a independencia e a soberanía de cada país e non a imposición baixo presión militar, propia dese imperialismo ditatorial e intervencionista; cada vez lles é mais difícil xustificar e apoiar golpes de Estado para impoñer gobernos monicreques e corruptos ditadores favorables aos seus intereses. Cada vez teñen menos amigos e lacaios, por iso fracasaron no seu intento de impoñer á ditadora Jeanine Áñez en Bolivia, que agora se atopa na cadea e nin eles se atreven a defendela, sendo as ONGs creadas por eles as que saen na súa defensa. Intentaron por todos os medios derrocar e incluso asasinar a Nicolás Maduro, utilizando mercenarios contratados por eles e adestrados polo exército Colombiano de Álvaro Uribe e Iván Duque, pero eses mercenarios foron capturados por simples pescadores venezolanos e levados ante a xustiza bolivariana.

Non so lles saíu mal a xogada terrorista que tiñan estudada para levar a cabo o magnicidio, senón que a oposición tivo que claudicar agora en México ante os mandatarios venezolanos, aceptando presentarse as eleccións que sempre dixeron rexeitar mentres Maduro estivera no poder.

Cuba tampouco ía quedar sen ser acosada, para maior gloria e popularidade de Biden nestes momentos baixos do imperio e o 11 de xullo, por medio de Rosa María Paya, fundadora da poderosa ONG, Fundación para la Democracia Panamericana, e filla de Oswaldo Payá, que morreu en Cuba o 22 de xullo de 2012 nun accidente por exceso de velocidade, nun coche que conducía o secretario xeral de “Nuevas Generaciones” do PP, Ángel Francisco Carromero Barrios, e do que ela culpou ao Goberno Cubano, organizaron, baixo unha bandeira co lema “SOS Cuba”, deseñada por ela e repartida por esa Fundación financiada polas elites neoliberais e polo Goberno de EE.UU, organizaron algaradas de protesta e saqueos en comercios, para protestar polos difíciles momentos que está vivindo a illa por mor do bloqueo, nestes tempos de pandemia.

Pero tamén alí lles saíu mal o invento, pois nese pobo de Fidel son moitos mais os revolucionarios que saben quen é o verdadeiro culpable desta situación, que os delincuentes dispostos a venderse por catro dólares aos desexos do imperio por pedir unha “intervención humanitaria”. Sen embargo, o Goberno cubano fixo que a situación volvera á normalidade sen necesidade da represión, sen tirar balas nin pelotas de goma, botes de fume ou gases lacrimóxenos, como fan neste reino corrupto dos Borbóns, en EE.UU e en todas as súas ditaduras “democráticas” que instauran.

Eles invaden países en nome da democracia, pero a democracia cando se impón convértese en ditadura. Ademais, con que moral poden impoñer a democracia cando ese Estado que acapara a maior riqueza do mundo ten arredor de 600.000 persoas sen teito, ou cando os botan dun hospital porque non poden pagar un seguro sanitario e teñen que acabar morrendo na rúa?

Tamén utilizan como coartada para as súas invasións o respecto aos dereitos humanos, que eles vulneran diariamente en todas as partes do planeta, utilizando incluso a tortura como método legal para arrancar información aos inimigos, como fixeron en todos os países invadidos e aínda fan en Guantánamo.

Malia ter un impresionante poder militar e armamentístico saíron escopeteados de Vietnam despois de dezaoito anos de guerra e de causar as maiores barbaries da humanidade, utilizando o napalm contra a poboación civil e o “axente laranxa”, que causou e está a causar graves deformidades en mais de 100.000 nenos que naceron discapacitados; enfermidades como o labio leporino e padal fendido, fendeduras na columna vertebral, deficiencias inmunolóxicas, trastornos nerviosos, diabetes e enfermidade de Parkinson; leucemia, cancro de próstata e moitas desgrazas mais.

En Afganistán, feridos no seu orgullo pola destrución das torres xemelas, quixeron demostrar ao resto do mundo a supremacía americana, pero os talibáns pensaron que si os invasores tiñan os reloxos eles tiñan o tempo e ao cabo de vinte anos non so perderon a guerra contra un exército irregular e mal armado, senón que tiveron que saír co rabo entre pernas e a toda presa, abandonando as armas e deixando aos seus colaboracionistas en mans do inimigo, porque Roma non paga a traidores.

Deberan darse conta de que Rambo so gaña batallas en Hollywood, pero non levanta a moral das tropas que non saben polo que loitan nunha terra allea na que son repudiados, polo que agardamos que despois de provocar tantas masacres inútiles e despois de saír humillados polos nativos en tantas guerras perdidas, recapaciten e deixen vivir en paz aos pobos que queren construír libremente o seu futuro e un sistema social e político a súa maneira.