Donald Trump, Raxoi, Feixoó e as democracias burguesas

Donald Trump, Raxoi, Feixoó e as democracias burguesas

Afirmaba Felipe González que vivimos no mellor dos mundos posibles, aplicándolle esa frase de Gottfried W. Leibniz ao sistema capitalista administrado por unha democracia burguesa, como dándonos a entender que nel non se poden facer cambios, o poder non pode ser contestado: Xamais é xusta indignación algunha. Ningún movemento da alma, fora da tranquilidade, está exento de impiedade, diría o filósofo alemán, pero unha proba de que a democracia liberal, o neoliberalismo, ou democracia representativa non funciona podémolo ver no imperio estadounidense, que se gaba de ser o propio xendarme universal deste tipo de sociedade.

Neste sistema quedan excluídas da liberdade que din defender as persoas que non contan cos medios básicos para poder vivir dignamente, pois xa sabemos que non pode ser libre quen ten que mendigar eses dereitos; quen vive baixo a chantaxe de perder o posto de traballo, a vivenda; quen non ten dereito á sanidade nin a educación, ou quen é incapaz de pensar por si mesmo.

Dentro duns meses os ianquis elixirán un xefe, ou xefa, que os dirixa outros catro anos nas súas guerras e masacres polo mundo adiante no nome da democracia e da liberdade. Parece que o candidato do Partido Republicano, si ninguén o remedia, vai ser o excéntrico multimillonario Donald Trump. O seu éxito electoral é produto da crises e de inculcar a sociedade estadounidense durante tantos anos os instintos mais primarios e dogmáticos, como recobrar a grandeza de América e o racismo, a esa sociedade na que so un 30% elixe ao gañador, quedando excluídos das eleccións a maior parte dos negros, latinos e asiáticos. De aí que utilice todo tipo de tópicos contra os negros, acusándoos de lacazáns, contra todo aquel que non sexa branco e católico nacido en Estados Unidos, botando a culpa da crise e da deriva ianqui ao presidente Obama por ser negro, do mesmo xeito que Feixoó bota a culpa ao Bipartito de todas as desgracias que nos fai sofrer.

As extravagancias deste home non paran aí, pos no seu primeiro debate republicano acusou á presentadora Megyn Kelly, de ser tan incisiva con el por ter a menstruación e que o sangue lle saía polos ollos. Saben que teñen a sociedade narcotizada polos medios de comunicación que fan de propagandistas do sistema na vez de informar, pois cando propuxo nun mitin facer un muro de centos de quilómetros na fronteira con México para que non pasaran os emigrantes portadores de droga, tremendas enfermidades contaxiosas e violadores sexuais por natureza, preguntou quen ía pagar os 8.000 millóns que calculou el que custaría, respondeu todo o auditorio á unha: México!, o que nos dá unha mostra da complicidade do público con esas aberrantes ideas.

Si os anteriores presidentes, como Ronald Reagan, os Bush (apoiados por Aznar), ou o propio Obama, utilizaron os bombardeos indiscriminados para sementar o terror, que produciron os milleiros de refuxiados que hoxe se afogan no Mediterráneo ou vagan sen rumbo cara os distintos países europeos que lles viran as costas, el promete prohibir a entrada de refuxiados musulmáns e bombardear o califato do ISIS até mandalos a todos ao inferno, así como utilizar a tortura como método de interrogatorio, ademais, en plena campaña presentou un vídeo no que cociñaba a tiros de metralladora un torresmo de touciño enrolado no cano.

Pero esas ideas e actos, fora de toda razón humana, incluso se quedan cortas ante as do foi o seu competidor, o outro candidato republicano, Ted Cruz, quen tamén apostaba con arrasar mediante bombardeos masivos a capital siria do califato, Raqa, cos seus 20.000 habitantes dentro.

Din que tanto un como o outro son mentireiros compulsivos ao igual que Raxoi e Feixoó. Alí, como aquí, os que lle votan a ese tipo de personaxes son irresponsables que confunden a súa existencia real coa que lles poñen nas pantallas de televisión, e que ao ver a tantos políticos corruptos, millonarios e ladróns de guante branco gozando de tanta dita e liberdade perdóanlles todo, e, como si tamén eles estiveran nesa situación privilexiada parécelles: Que ben vivimos aquí! Votan esas opcións os que non pensan por si mesmos, porque o sistema xa pensa por eles e, como son chamados perdedores, fixéronlles crer que incluso son eles os culpables da súa desdita, como por desgracia lles ocorre a moitas mulleres que, por ese motivo, se resignan a ser agredidas polas súas parellas.

O malo de todo isto é que non se soluciona aínda que ao final a elixida sexa a candidata demócrata, pois ela, como boa seguidora de Kissinger, é tamén unha firme defensora de practicar o terrorismo mediante invasións de pacíficos países soberanos, co fin de impoñerlles gobernos ditatoriais e corruptos que lles deixen espoliar as súas riquezas.


Así están as cousas no “paraíso da democracia”, o país mais rico do mundo e o que mais recursos consume; con unha sociedade tan enferma que mais ben parece un gran psiquiátrico a ceo aberto, que ve como algo normal todas esas barbaridades, compartindo a maioría da sociedade a forma de pensar deses personaxes e que elixe como xefe ao mais tolo do manicomio.

Para non chegar a tales extremos de degradación é necesario pensar como homes e mulleres libres, porque xa os actuais dirixentes das nosas institucións ven normal todo iso e bótanlle a culpa da ineficacia do sistema e de dividir a sociedade aos que propoñen unha democracia real para arredarnos dese modelo de vida e da perda de valores morais, pois é difícil de entender que nos poida gobernar esa banda que ten a Raxoi por padriño, a mesma que o xuíz José de la Mata senta no banquiño como responsable civil dunha organización criminal creada para delinquir.

Compre fuxir deles coma do lume, ou coma o gato escaldado da auga fría, e apoiar a única forza política propia, porque non son tempos para este tipo de sociedade nin dese xeito de pensar tan cavernícola, senón de construír un modelo mais social e humano, que pense mais nas persoas e nos pobos que na banca e nas grandes corporacións multinacionais. É hora dun tempo novo, de darlle valor ao noso, porque ninguén vai vir de fora a facelo por nós.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.