Un libro e unha película sobre a parroquia de Díaz Castro

Un libro e unha película sobre a parroquia de Díaz Castro

Na historia que non se escribe
camiña Pedro Trapeiro con un burro,
un caixón
e un fardel de trapos vellos.

Marica Campo.


Os Vilares de Parga ou de Guitiriz, a parroquia onde naceu e se criou o poeta dos nosos Nimbos, segue a ser noticia dous anos despois de que a Real Academia lle dedicara o Día das Letras galegas ao seu fillo mais ilustre. Nese ano celebráronse unha serie de actos culturais organizados por Xermolos e incluso pola Comisión de Festas da parroquia, que por primeira vez organizou actividades culturais, ademais das festivas, para honrar ao noso poeta. Daquela o cineasta vilarego, Xosé Antonio Cascudo, gravou O instante eterno, unha interesante película sobre a vida e a obra do poeta e Marcos Nine fixo tamén, por encargo da UNED Senior de Xestoso, o documental A aldea do poeta.

Pero non pasou o día e acabouse a romaría, pois Xermolos seguiu, e aínda segue, a facer actividades arredor da parroquia coa intención de concienciar á xente e ás institucións para restaurar e recuperar a casa do poeta coa intención de devolverlla ao pobo, pero ademais agora está próxima a saída dun libro de Pastora Beres, o que converte a esta parroquia, que foi o berce de Díaz Castro, e espazo vital da súa poesía, nunha das poucas do seu entorno que poden gabarse de contar con un libro de seu.

Todo empezou coa teima de Pastora de levar a cabo a idea que lle transmitiu Manuel María no ano 1993, cando o poeta da Terra Chá foi ler o pregón da IV Romaría Labrega da Chaira á escola Habanera da Conchada, e ao ver a exposición de fotos vellas de veciños en diferentes labores do campo, actos festivos e incluso mortuorios, díxolle que era unha pena que non se recolleran e se explicaran esas cousas para que non se perderan, nin os documentos gráficos nin o que representaban, e quedaran así para a posteridade na memoria do pobo. Aquela idea rolou no seu maxín coa intención de facela realidade e para elo organizou o proxecto Os Vilares, lareira de soños arredor dunha páxina nas redes sociais, proxecto que o ano pasado deu pé á fundación da asociación cultural Lareira de soños, que presidida por Antón Tenreiro xa reviviu diversas actividades lúdicas e culturais, poñendo en valor o patrimonio e reivindicando a súa restauración e recuperación.

O libro rende unha homenaxe e dálle voz a personaxes populares e peculiares que teñen moito que dicir, pero que nunca os escoitaron; a aqueles que labraron o pasado da parroquia e para que as seguintes xeracións teñan en conta as súas obras -altruístas, o mais das veces- en beneficio da colectividade, porque compre afincarnos e sentirnos orgullosos do no pasado para coller o camiño apropiado e poder encarar con éxito o futuro colectivo. Hai moitas cousas que se ignoran e que os veciños da parroquia debían coñecer para darlle o verdadeiro valor que lle corresponde a cada quen. Compre, por exemplo, que se saiba que foi Xosé María Díaz Castro, el que amaba tanto a luz, quen fixo en Madrid todos os trámites necesarios, por encargo do seu veciño Antonio Castro, para que no ano 1961 puidera chegar o alumado eléctrico as aldeas vilaregas e que puidéramos rachar as tebras daquela longa noite de pedra deixando atrás o candil de gas.

,Trátase dun libro comunal no que os veciños expoñen as súas vivencias, anécdotas e experiencias vitais; a traxedia da emigración en tempos difíciles, a volta dalgúns deles ao seu curruncho natal, como acontecían os días e como se suplían as carencias e as necesidades vitais naqueles anos tan duros. No libro teñen cabida anticuarios, labregos, tratantes de gando, técnicos electrónicos, músicos, trapeiros, médicos, capadores, segadores de Castela e persoas como Xosé Lobeiras Gómez, O Armeiro de Berulfe, que foi militar de aviación no exército Republicano e o mesmo sacaba moas a domicilio que fotos na Feira de Parga, reparaba escopetas ou máquinas de coser e alumaba as festas con uns Petrománs cando aínda non había luz eléctrica; Xosé de Merra, que proxectaba películas de Cantinflas e de vaqueiros nunha saba branca na súa casa do Pazo polas festas da Pascua e do San Vicenzo, producindo a corrente eléctrica co seu motor de mallar. El foi o primeiro taxista da parroquia con un vello e bonito coche, semellante aos da época de Eliot Ness e Os Intocables, no que levaba a xente á Feira de Parga e a Guitiriz, cando non había que empuxalos a el e ao coche polas costas arriba, que era cando se podía parar o motor, xa que costa abaixo non se paraba case nunca, e aínda que se parara non facía falla empuxar.

Xunto co libro irá tamén un documental e unha peza musical que Fuxan os Fentos compuxo sobre un precioso romance escrito por Marica Campo en 1976 ao famoso trapeiro dos Vilares, o Tío Pedro de Patricio, a quen, sendo unha nena, lle daban pousada na súa casa cando ía aos trapos polo Incio. Sobre o Tío Pedro tamén compuxo Xosé Lois Foxo a Muiñeira de Pedro Trapeiro.

O documental, Entrar aos Vilares, que vai acompañar o libro, está dirixido por Cibrán Tenreiro, con música de Xacobe González e a cámara de Toni González. Conta as vivencias destes tres rapaces que descoñecen a vida rural, por ser a primeira xeración das súas familias que non naceu na aldea e pretenden vincular o que aprenden coa súa propia identidade e as súas propias experiencias, preguntando aos veciños polos feitos da vida cotiá: alimentación, vestido, habitación, usos de familia, dereito privado, diversións, relacións de sociedade, que constituíron o principal interese da vida para a enorme maioría e tentando comprender tamén a identidade do lugar. Pasean por leiras e casas abandonadas, xogan, distráense nas festas, vendo os animais e desviándose das súas propias intencións como se estiveran facendo un vídeo doméstico.

Os Vilares, de onde saíron tantos trapeiros e trapeiras para recorrer a pé todas as aldeas da provincia de Lugo, dende a Chaira as montañas do Caurel e parte de Asturias, ten unha rica historia na que afincarse para abrir camiño cara o futuro, un gran patrimonio que recuperar e poñer en valor, e a fachenda de contar entre os seus veciños con un dos mellores poetas modernos na nosa maltratada lingua nacional; un home que puxo a parroquia no mapa mundial e que sabendo todos os idiomas de Europa, utilizou para a súa obra o rico dialecto desta comarca chairega, co que retratou as paisaxes nas que se criou e das que estaba profundamente namorado. Todo un orgullo que se agrandará coa saída deste libro, a película e o romance de Pedro Trapeiro cantado por Fuxan os Ventos.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.