Iago Santalla engrandece a nosa Chaira

Iago Santalla engrandece a nosa Chaira
A Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá, no seu afán de facer país e distinguir aos bos e xenerosos que loitan por el desde as diferentes trincheiras, teñen por costume de nomear todos os anos como Chairego de Honra a unha persoa de fora da comarca, que se distinga pola súa labor cultural e polo esforzo en construír unha sociedade mais xusta e mais humana.

Este ano tamén acertaron ao outorgarlle ese título a Iago Santalla, doutor en Humanidades pola Universidade de Santiago, coach(1) e educador social nacido en Portomarín; un escritor que nos fala da teoría do ilímite, unha forma de loitar por unha sociedade inclusiva que nos valore polo que cada un pode aportar. Iago é tamén un poeta que, segundo dixo Mero Iglesias Dobarrio, ten a esperanza cargada e a forza para partir e romper todas as barreiras físicas e de todo tipo. Desde esa forza, desde ela e a poesía, se defende esnaquizando medos e ameazas; un home ao que, a pesar de ter que andar continuamente apoiado nun “andador”, por mor dunha parálise cerebral a unha idade moi temperan, foi capaz de doutorarse e non lle preocupan as barreiras das beirarrúas, senón os bordes das conciencias.

Coñecín ao amigo Iago o día 8 de setembro de 2010 en Outeiro de Rei, no sexto cabodano do pasamento de Manuel María. Estaba alí acompañado e levado, como di el, pola man sempre firme, leda e agarimosa do seu irmán Ricardo. Tanto eu coma el era a primeira vez que asistíamos a eses actos, organizados tamén por esas asociacións, nos que cada un líamos uns versos do poeta chairego, primeiro nas Penas de Rodas e logo no cemiterio colocando unha rosa na súa campa. Pero Iago leu uns poemas propios, un deles dedicado ao bate de Outeiro de Rei, titulado Canción para un poeta labrego, que compuxo expresamente para a ocasión, e do que recollo estes catro versos:


No teu amor seguen verdes as pradelas da fonte
e seguen os muíños moendo o pan da dignidade
para que un día Galicia ceibe conte
o conto da liberdade.


A min impresionáronme moito os seus versos pero tamén o seu empeño e o esforzo que fixo ao recitalos, polo que o seguinte 16 de outubro escribín nesta mesma revista dixital de pensamento nacionalista: Emocionaba oír a Iago Santalla recitar os seus propios versos, a pesar da disca­pacidade, ao ver o empeño que poñía, a súa dignidade e o seu fervor patriótico. Xa ves, algúns poñen todos os seus posibles para facer Patria mentres outros desalma­dos con moitas mais posibilidades fan todo o que poden por destruíla. Despois seguimos véndonos nese e noutros actos organizados por Xermolos e a Irmandade por toda a Terra Chá, aos que ía sempre acompañado do seu inseparable e atento irmán.

Tanto na súa tese doutoral sobre O ilímite, que foi cualificada de sobresaínte cum laude, como nas súas conferencias e nos seus libros publicados, fala da maneira de relevarse contra os límites, defende que todos temos un oco na sociedade, a necesidade e o deber de crear una sociedade inclusiva. Introdúcenos na teoría do ilímite como a mellor capacidade que ten unha persoa como competencia a potenciar que lle permita dar o mellor de si mesma, porque pensa que non temos máis límites que os que nós mesmos establecemos, sendo polo tanto ilimitada a nosa capacidade de progresar.

Non vin en ninguén o afán de superación que ten o amigo Iago, a súa constancia e valentía; a firmeza nas súas ideas e a súa potente mentalidade, danlle forza para superar os obstáculos físicos e os psíquicos que lle pon este tipo de sociedade exclusiva.

A partir de agora, grazas a Iago, a Chaira é mais grande e mais humana.




(1).- É un método que consiste en instruír ou adestrar ás persoas, individualmente ou en grupo, co obxectivo de conseguir metas e desenrolar habilidades específicas.