Está claro que non se respectaron os intereses da clase traballadora, ao firmar o 25 de outubro de 1977 os “Pactos da Moncloa”, a maior traizón á democracia e á clase obreira

Algo sobre a “modélica” transición española

Algo sobre a “modélica” transición española
O fotógrafo Federico Merino, autor de varios libros de fotografías, que partillou amizade e traballo cos grandes intelectuais escultores e pintores como Jorge Oteiza, Eduardo Chillida e outros máis que formaban parte da corrente “Quosque tandem...! Ensayo de interpretación estética del alma vasca” creada polo ensaio filosófico do gran Oteiza, deixoume dous dos seus vellos álbums de fotos: “1º de Maio de 1969” e “Transición. 1973-1980”. Ollando as fotos deses dous álbums, puiden observar que as miras de futuro polas que loitaba o pobo non ían parellas as dos sindicatos UGT, CCOO e ás de ELA-STV daqueles tempos. Tamén se observa que non camiñaba na mesma dirección á sociedade cos partidos políticos estatais, PSE-PSOE e PCE, que conformaban a esquerda estatal. Vendo as pancartas do 1º de Maio de 1969 observei a falta de reivindicacións de tipo laboral e solicitaban a devolución do patrimonio sindical, que si ben era un dereito, non se debera antepoñer a outras reclamacións laborais e sociais. Nese documento do 1º de Maio pódese ver que a maioría do pobo vasco sacou á rúa as bandeiras que levaba no corazón, as que verdadeiramente anhelaban, que eran a bandeira republicana e a ikurriña. Incluso se pode ollar esta última nas mans de militantes xuvenís da UGT, algo que hoxe é moi difícil, debido ao cambio de dirección que deu este sindicato. Obsérvase que a maior parte dos e das asistentes ás manifestacións de UGT son maioritariamente de idade avanzada, que probablemente aspiraban a recuperar a república que no seu tempo lles roubaron os franquistas. Pero tamén é curioso que nalgunhas fotos deste sindicato que se vexan algunhas pancartas sen ningún tipo de reivindicación e só co texto ”Agrupación Socialista de Santurce PSE-PSOE”, como se fora sinxelamente para xustificar ante o partido que estaban alí, por si pasaban lista das diferentes agrupacións municipais. Sen embargo, os que si mostran as súas reivindicacións son os traballadores das diferentes empresas que se encontraban en loita por diferentes motivos, como os traballadores de “Umaran” que seica levaban 75 días en folga “Por un Convenio Justo”. O que si demandaban era o “Café con leite para todos”, como se pode ver nos carteis que levan algúns manifestantes, reclamando en Bilbao as autonomías para “Euzkadi”, “Aragón”, “Cantabria” e as “Illes Balears”, ademais de pancartas de “Trabajo, Paz y Autonomía”. Sen embargo en ningunha pancarta oficial dos partidos “constitucionalistas” e sindicatos españolistas se cuestiona a monarquía instaurada por Franco ou o dereito das nacións sen Estado a decidir o seu futuro. Tanto no documento analizado anteriormente, como no documento da “Transición. 1973-1980”, podemos ver as pintadas nas paredes que expresaban os seus anhelos as clases populares e as contestacións das forzas fascistas, que logo instauraron a Constitución deste Estado Leviatán e borbónico, contando coa aquiescencia dos dous grandes partidos que presumían da súa oposición ao franquismo. Aínda así, nin Santiago Carrillo, que desvirtuou o Partido Comunista, converténdoo ao Eurocomunismo, nin renegando do leninismo e traizoando á clase obreira, foi respectado pola extrema dereita, que o cualificaban de “rojo, farsante” e outras frases máis ofensivas que non veñen a conto. Tamén podemos ver nesas fotos, pintadas e carteis escritos a man, denunciando as mentiras do Gobernador Civil de quenda, por xustificar feitos que custaron a vida a personaxes populares como Juan Manuel Iglesias, de 15 anos, morto en Sestao o 9 de xaneiro de 1977, cando estaba xogando ao futbolín nun bar e tivo que escapar da Garda Civil que cargou contra unha manifestación na que el non participaba. Está claro que non se respectaron os intereses da clase traballadora, ao firmar o 25 de outubro de 1977 os “Pactos da Moncloa”, a maior traizón á democracia e á clase obreira, apoiado por todos os partidos estatalistas que se chamaban a si mesmo democráticos, socialistas, marxistas e... incluso leninistas. Mesmo foron traizoado o sentimento do pobo pola amnistía para os presos políticos, porque para o único que valeu ese remedo de amnistía aplicada polo goberno de Suárez, foi para amnistiar aos fascistas e ás forzas de seguridade, inmunizándoos dos crimes cometidos por eles durante os últimos anos do franquismo e os primeiros da chamada Transición Democrática. Pódese ver claramente naquelas fotos moita xente maior, serios e desconfiados, por ter que afrontar as longas noites do fascismo, diferenciábanse das e dos manifestantes nacionalistas e doutras organizacións populares, que eran moito mais novas e ateigadas de ilusión. Sen embrago podemos asegurar que foron traizoados por aqueles que deixaron a loita por unha república, os primeiros e por una verdadeira democracia, ou polo dereito a decidir dos pobos, os segundos. Todos eles foron enganados polos dirixentes desa transición, na que puxeron como exemplo e reclamo ao cazador de elefantes e osos borrachos, hoxe fuxido en Abu Dabi co seu neto Froilán, outro que aínda que se pegou un tiro no pé, apunta moi alto no tema da vagancia e nos demais vicios borbónicos que xa lles veñen de familia. Pero esa é outra praga que tamén nos trouxo a modélica transición. P.D.: Rematou unha longa etapa desta revista dixital de pensamento nacionalista e este vai ser o meu derradeiro artigo que escribo nela, despois de mais de trece anos de colaboracións ininterrompidas, polo que proveito a ocasión para despedirme das miñas lectoras e lectores, agradecéndolles a súa fidelidade por ler meus artigos e darlle as grazas tamén ás e os  responsables da revista por darme a oportunidade de dirixirme a vós durante tanto tempo e por convidarme a seguir colaborando nesta nova etapa que enceta agora, pero que non me atrevo a afrontar por ser coñecedor das miñas posibilidades e da miña idade, deixando paso a outra xente nova que o fará moito mellor e con moita mais ilusión. Así que, con fondo pesar, vou deixar de colaborar asiduamente e se o fago algunha vez será un caso excepcional, aínda que esta etapa foi para min unha experiencia inesquecible e enriquecedora que sempre lembrarei. Moito obrigado a todas e a todos.