Uso e abuso da ecoloxía

Uso e abuso da ecoloxía

Todo o relacionado coa ecoloxía e o medio ambiente acaba, moitas veces, tendo un uso cosmético en política.

En ocasións, os temas ambientais pasaron a ser palabras decorativas que deron lugar a moitas incoherencias entre o dito e o feito. Os intereses económicos sempre pesaron máis có cumprimento do discurso.

A historia do movemento ecoloxista e a ecopolítica

Nos anos 70, o movemento ecoloxista vaise instituíndo e adoptando ferramentas pedagóxicas coas que influír na sociedade, tanto a través da mobilización social, como da educación e da práctica ambiental. Simultaneamente, trata de introducir conceptos como o desenvolvemento sustentábel, a conservación de recursos e de valores ambientais, etc. no discurso político.

Esta situación foi aproveitada politicamente, e así nacen, nos anos 70 os verdes alemáns, Die Grünen, baseándose nestes novos movementos sociais, mais cunha concepción do ecoloxismo moi heteroxénea e con dirixentes provenientes da social-democracia ou da democracia cristiá.

No Estado Español, fúndase o partido verde nos anos 80, co impulso e mimetización das organizacións políticas verdes europeas. Isto deu lugar a un sarillo de organizacións con discurso político ecoloxista como argumento central, que non tivo moito éxito no campo electoral.

Despois da caída do muro de Berlín, Os Verdes, na alianza con organizacións de defensa civil, Bündnis 90/Die Grünen (Alianza 90 / Os Verdes, obteñen os mellores resultados electorais até ese momento, chegando a gobernar cos social-demócratas e despois coa democracia cristiá a nivel local. Esta fórmula foi imitada noutros estados e así déronse en toda Europa as "alianzas sandía": verde-vermello, ao estilo alemán. Entón entraron en política figuras destacadas do movemento ecoloxista e da filosofía ecopolítica. Mais, o fracaso e as contradicións dos verdes europeos, por exemplo cando asumen a intervención armada en Kosovo ou a mudanza na súa posición sobre a enerxía nuclear, etc. non permitiron consolidar e dar credibilidade a estes proxectos ecopolíticos.

Situación en Galiza

Galiza non é allea a estes movementos, ben ao contrario. No noso país, tamén nos anos 70 se articula o movemento ecoloxista, coa posta en marcha de ADEGA e da SGHN, e con tan importantes mobilizacións como a marcha contra a nuclear de Xove, a oposicións aos verquidos na foxa atlántica, a loita contra a caza de baleas... todos eles conflitos dun alto valor pedagóxico para a toma de conciencia ecolóxica e política. Concienciación que, moi posibelmente se reforzaba cada vez que outro petroleiro batía contra as nosas costas, non sempre coa desexada resposta social.

A finais dos anos 80 o movemento ecoloxista do noso país consolídase co nacemento de moitas entidades sectoriais ou locais, a reorganización de entidades, a redución da atomización e a posta en marcha do traballo en común, creándose a partir de 1990, a Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza, logo Federación Ecoloxista Galega.

O debate ambiental en Galiza, e no BNG, estivo sempre vivo e consciente, e foi asumido nos documentos políticos, non sen intensos debates na súa explicación e comprensión. A praxe, a pesar de ser dispar nos moitos niveis de actuación política, tratou de manter certa coherencia, aínda que non sempre o conseguiu. En todo caso, cando houbo gobernos nacionalistas foi posíbel levar á práctica algunhas das propostas ambientais, como a reciclaxe e a compostaxe, a pesar de que o cambio de goberno reverteu rapidamente os avances acadados, véxase a planta de compostaxe do Morrazo ou o desmantelamento da Consellaría de Medio Rural.

Os grandes problemas ambientais do noso país nos últimos anos, como o Prestige ou os incendios, incentivaron a actividade ecopolítica entre os anos 2003 e 2006. Logo da firme resposta a estas cuestións, parte do movemento ecoloxista deu mostras de febleza e falta de madureza ideolóxica e organizativa ao dividirse, desta volta por razóns tácticas.

Posteriormente, a oposición á gaseira de Mugardos, ao plano acuícola e ao eólico reactivan unha nova vaga ecoloxista que dá lugar a novas propostas, non no nivel organizativo, mais si cun claro posicionamento político. Unhas semanas antes das eleccións autonómicas do ano 2009, o 15 de febreiro, tivo lugar unha ampla manifestación ecoloxista en Compostela, mais ese movemento de resposta ambiental esluíuse despois da toma de posesión do goberno do PP, non hai máis que lembrar a alegría das declaracións dalgúns dirixentes ecoloxistas coa derrogación do decreto eólico, que pensarían que ía vir despois?.

Nos últimos meses, neste candente palleiro político galego, diferentes movementos están a facer uso novamente da etiqueta ecolóxica, exhibindo o currículo e pasaporte dalgúns activistas cos cuños das alfándegas máis verdes. De novo trátase de tirar rendemento dunha xa gastada marca verde, un uso e un abuso máis da ecoloxía, algo que a sociedade non sabe recoñecer. Ao seren, nalgúns casos, os propios ecoloxistas os que enarboran esta bandeira, parece menor a aldraxe.