Un novo marco para o autogoberno de Galiza

Un novo marco para o autogoberno de Galiza

A recente sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Cataluña volve a pór de manifesto que a referencia contida na Constitución de 1978 á "indisolúbel unidade da nación española" constitúe un valado infranqueábel baixo o que se parapeta o españolismo máis reaccionario para impedir asumir con normalidade unha configuración política institucional do Estado español que acolla a súa pluralidade nacional.

Malia que non se coñece publicamente o contido íntegro da devandita sentenza, transcendeu que ao longo da súa argumentación citarase até en oito ocasións dito inciso recollido no artigo 2 da Constitución, para concluír desbotando no seu fallo os efectos xurídicos do recoñecemento de Cataluña como nación contida no limiar do Estatut.

Volve a confirmarse dese xeito que, após tres décadas, a preocupación do centralismo español é a pervivencia da "unidade nacional" entendida baixo o prisma da uniformidade, da negación diversidade nacional como alicerce para asentar as relacións políticas e xurídicas entre os diversos entes nacionais que compoñen o Estado español.

Esta constatación non pode levarnos a un optimismo desmedido na valoración da devandita sentenza polo feito de non anular expresamente o recoñecemento nominal, sen translación con efectos xurídicos e institucionais, de Cataluña como nación, pois o que se evidencia é a nula disposición a clarificar e deseñar un modelo político-institucional do Estado español que promova e recoñeza a diversidade nacional, nomeadamente, a de Cataluña, Euskadi e Galiza, e a súa plasmación en termos institucionais.

O Tribunal Constitucional lembra de novo que o marco constitucional non o permite. O mau non é ese recordatorio, senón que ademais a disposición a mudalo é nula, incluso cando existe unha conciencia social maioritaria para avanzar na superación do marco dun xeito democrático. As iniciativas xurdiron nos devanditos territorios para aumentar o seu nivel de decisión política e autogoberno nun marco máis xusto e democrático foron sistematicamente rexeitadas. O denominado "Plan Ibarretxe", malia estar apoiado pola maioría das forzas políticas bascas, foi vapuleado polos partidos estatais no primeiro "round", sen sequera aceitar un mínimo debate para lograr un consenso mínimo. No caso galego, foron as propias forzas políticas estatais as que coutaron ese debate sen saír de Galiza. E agora no caso catalán, malia permitir que houbese un texto aprobado e refrendado popularmente, pódanse aqueles aspectos que contribuían a avanzar nun modelo diferente de relacións entre o Estado español e Cataluña, especialmente aqueles que permitían intervir cun maior nivel de decisión política a Cataluña, incluso en materias vedadas até o de agora, e que o seguirán, como é a estruturación do poder xudicial en Cataluña.

Perante esa involución, desde o nacionalismo temos que reforzar un discurso onde xa non só abonda con desenvolver o marco competencial que potencialmente correspondería ás nacións do Estado español e aínda fica pendente nunha parte importante, senón que cómpre reivindicar a necesidade da apertura do debate sobre a reforma constitucional dun xeito aberto, sen apriorismos baseados na existencia dunha nación única e uniforme que se superpón ao resto de entidades nacionais que conforman o Estado español, e cuxo punto de partida ha de ser o reparto do poder baseado nun autogoberno real das nacións que conforman o Estado español.