Socialismo nun só País

Socialismo nun só País
Xa há tempo dabondo que algunhas certezas alumiadas a raiz da Revolución de Outubro de 1917 téñense esgotado, non todas por suposto, o concepto de Socialismo entre elas. Porén, Marx e Engels describen no Manifesto Comunista diversas variantes antagónicas co Socialismo Ciéntifico. Así temos, o Socialismo Feudal, Socialismo Burgués, Pequeno burgués.....e outros. Os Pseudo-socialismos fascistas dos anos 1930 e o moderno actual, non os chegaron a coñecer, sendo opostos en extremo as teses de Marx e Engels, e os máis reaccionarios.

A fase do Imperialismo capitalista agudiza o desenvolvemento desigual dos países, con contradicións catastróficas e guerras inevitábeis. As loitas patrióticas pola emancipación nacionalista dos Países e pobos oprimidos do mundo, instauran as veces os seus poderes políticos antiimperialistas, non só nun Pais, senón en varios outros. A diversidade de modelos de transición ao Comunismo como Socialismo Científico que caben neste concepto son cando menos maioritarios, sempre que conduzan a sociedades alternativas ao Imperialismo capitalista.

Na Globalización, co avance das loitas de liberación nacional xurden novas formas deste Socialismo, como Socialismo Comunitario.....e outras, naqueles Paises dominados polo Imperialismo, como colonias ou semi colonias....que non chegaron a desenvolveren un capitalismo autóctono, e así combinan formas comunitarias propias depuradas dos residuos feudais e caciquís do pasado, con empresas estatais nos sectores estratéxicos da súa economía pre capitalista. A temporalidade dos seus rexímenes de transición rematará cando no mundo se complete a Revolución Socialista Internacionalista Mundial, e todos os Países socialistas concluían o seu percorrido cara a nova formación económica social, que non pode ser outra que o Comunismo Superior para distinguilo do Comunismo Inferior da Prehistoria da Humanidade.

No seu dia, a edificación da URSS suscitou un polémico debate en canto a posibilidade ou non, da construción do Socialismo nun só Pais, sen terse acadado a Revolución Socialista Mundial. Na propia URSS a controversia se era ou non era posibel, saldouse dun xeito afirmativo, mas deixando claro ca vitoria definitiva do Socialismo nom era posíbel, non só nun Pais nen en varios, soamente a escala mundial esta podería levarse a cabo.

A I Internacional, cuxos estatutos foron redactados por Karl Marx, foi substituída con rapidez pola II Internacional, debido a confrontación entre a visión anarquista de loita directa e permanente contra o Estado eo Capital para impoñer o Comunismo Libertario, e a marxista da necesidade dun período de transición cun Estado obreiro que exercera o Poder político nun Pais, após unha Revolución anticapitalista que fora extensiva a todas as Nacións do Mundo, pra súa consolidación e poder alcanzar a sociedade comunista.

Con posterioridade a II Internacional renuncia na práctica a Revolución Socialista Internacional, condenando a Revolución Soviética con odio e saña, aferrándose ao Socialismo, como unha Socialdemocracia permanente, “O movemento é todo, a meta final nada”,afirma Bernstein. Este mesmo pensador enuncia “No caso de guerra non hai dereito a esixir ao partido dos obreiros dun Pais illado unha acción revolucionaria contra a súa propia burguesía, se ao mesmo tempo os partidos obreiros dos outros Paises belixerantes non entran en acción “. Isto é o máximo que daba de sí o seu internacionalismo. Así, os partidos socialdemócratas da II Internacional pasaron a engrosar a nómina dos Socialismos reaccionarios descritos no Manifesto.

Para os bolxeviques rusos liderados por Lenin, as revolucións nun Pais nunca debían postergarse cando as circunstancias as favorecesen. O desenvolvemento desigual do Imperialismo fanas posíbeis nun só Pais, sendo independente do seu atraso económico. Por iso, necesita do apoio recíproco das e dos traballadores dos outros Países e da solidariedade Internacional da clase traballadora. A III Internacional foi creada con esta finalidade e todos os seus esforzos foron dirixidos en apoio do Estado soviético, que centrouse na edificación dun modelo de Socialismo desenvolvido dotado dun Aparello burocrático desmedido. Ao final, a Guerra Fria e a coexistencia pacífica nun Mundo dominado polo Imperialismo capitalista, levarono ao seu colapso.

A corrente confrontada ao Goberno Soviético, partidaria da Revolución Socialista Mundial en oposición ao Socialismo nun só Pais, renunciou a defensa do Estado soviético burocrático e incluso traballaron para a súa disolución, agrupados na IV Internacional. Hoxe apoian a élite Globalista burguesa contra os levantamentos antiimperialistas de diversos rexímenes non capitalistas, catalogados por eles como burocráticos e autoritarios. Exercendo de censores ao condenar como ditaduras a estes Países Soberanos, que segundo a súa concepción quebrantan a democracia, o pluralismo e os dereitos humanos avaliados polo Occidente manipulado polos EEUU.... Consideran retrógradas as potencias herdeiras das Revolucións Socialistas por seren un obstáculo pasaxeiro, que entorpece o progreso da Globalización Imperialista capitalista.

Coa mesma opinión cualifican a existencia das Nacións e Estados Nación, xa que a Mundialización imperialista impulsada pola élite privada globalista burguesa exerce un labor positivo análogo ao papel xogado pola burguesía capitalista no pasado, como así a valorou Marx, creando as condicións óptimas para a Gobenación Mundial do Capital Global, e con posterioridade a Revolución Socialista Mundial e con ela o Socialismo, nunca antes, definíndose como neo marxistas.

Despois da desaparición do Goberno Soviético, non se apreciou un avance significativo desta corrente altermundista, e si, un fortalecemento do Poder do Estado nado na época soviética , en especial das Forzas Armadas rusas, que en algúns aspectos incluso superaron as do pasado soviético.A alianza coa China Popular, inexistente con anterioridade , avantaxa con amplitude a un Occidente, cunha Otan cada vez máis agresiva, e cheo de desesperación. Polo tanto, non parece factíbel nen desexábel ese desatino Globalista do neo marxismo actual.

As distintas Internacionais, desenfocaron nos feitos a teoría de Marx, reducindo a súa utilidade para a análise das realidades económica e socio-política .A certeza é que Marx non foi un profeta, nen moito menos, pero a súa teoría baseada no materialismo dialéctico e histórico e moi apropiada como ferramenta para a emancipación do pobo traballador e os movementos anti-capitalistas e de liberación nacional, por iso, hai que poñer en valor as súas posicións orixinais no seu contexto, nesta faceta tan importante das súas investigacións e análises.

Segundo as reflexións de Marx e Lenin, o Socialismo é un periodo de transición ao comunismo, que comeza tras a ruptura revolucionaria co Capital nun Pais, onde o pobo traballador toma o Poder político, iniciando unha etapa transitoria de loita de clases baixo este Poder para fortalecer os elementos que conducen ao Comunismo, e remata cando todas as Nacións do Mundo destrúen o capitalismo imperiaista, dando paso a formación económico social comunista que sucede a capitalista. A implantación da nova formación supón o fin da loita de clases e o final da historia social.

O Socialismo científico sendo un período transitorio e non outra cousa, ciméntase no dereito burgués que lexitima a desigualdade social, o valor de cambio, o diñeiro e a propiedade privada asentada na escaseza de produtos e na desigualdade económica e social , aínda moi lonxe da nova sociedade sen clases e respecto rigoroso a Natureza.

As condicións necesarias para o salto ao Comunismo, requiren a abundancia ilimitada de produtos necesarios para a satisfacción plena das necesidades de todas e todos os membros da sociedade, comezando polo traballo non alienado, sen explotación e dependencia de ninguén. O camiño é o incremento contínuo das forzas e capacidades produtivas, cun desenvolvemento da ciencia e tecnoloxía que supera a nosa imaxinación. O trunfo definitivo do comunismo a nivel internacional, só é posíbel coa destrución do capitalismo imperialista en todosos países sen excepción. Só cumprindo estas condicións supérase o reino da necesidade entrando no reino da liberdade, como destino común da Humanidade. Pra iso, debe servir o Socialismo científico; mas con frecuencia o termo Socialismo utilízase como máscara eficaz para ocultar as miserias do Imperialismo.