Ramón Segade Campoamor, o amigo de Rosalía

Ramón Segade Campoamor, o amigo de Rosalía

A aparición, hai uns meses, dun exemplar da primeira edición de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, xunto cun texto autógrafo dela, unha fotografía descoñecida e a transcrición dunha carta que lle escribira a escritora Cecilia Böhl de Faber y Larrea (Fernán Caballero), datada o 25 de xaneiro de 1864, rescatou dos subterráneos da Historia a figura de Ramón Segade Campoamor, propietario do libro e transcritor da citada carta.
Como consecuencia deste achado, foron aparecendo algúns datos máis sobre Segade e a súa estreita relación de amizade con Rosalía, á que admiraba, e Murguía, co que sostuvo intensa correspondencia e co que colaborou en numerosas iniciativas do “patriarca”. Aínda que se salientaron moitos aspectos desa relación, coido que pasou desapercibido que Segade, nunha das cartas, pídelle a Murguía que anime a Rosalía a escribir unha novela en galego, xa que consideraba que sería un éxito.

“Aí estaba a casa de Ramón Segade Campoamor”, indicoume, vai para case 20 anos, unha veciña de Vilaboa (Culleredo) -eu chegara a ver, na infancia, aquela casa, en estado de abandono, aínda que loxicamente descoñecía quen fora o seu propietario-. Tempo despois, realizando un baleirado dos libros parroquiais (agora lamento que non fose aínda máis exhaustivo), apareceume repetidamente o apelido Segade. Con algunhas das notas tomadas naquel momento, e un rastrexo hemerográfico, tentaremos, nesta colaboración, ampliar algo os parcos datos bio-bibliográficos coñecidos deste escritor: nin sequera se coñecían os nomes da esposa e fillos.

Ramón Ignacio Manuel Emiliano Segade Campoamor foi bautizado en Santiago o 31 de xullo de 1831. Polo seu pai, escribano de profesión (que falecería en Vigo en 1881), e do cal, polo momento, descoñecemos o nome, tiña as súas raíces nunha familia de Rutis-Vilaboa, no concello de Culleredo (varias das cartas que dirixe a Murguía están datadas neste lugar), mentres que, por parte materna, os seus avós procedían de Oviedo (Asturias); pero, como el mesmo afirma nunha carta dirixida ao seu íntimo amigo Manuel Murguía, sen ningún parentesco co poeta Ramón de Campoamor.

En 1854 licenciouse en Dereito. Exercería a profesión de abogado. Foi tamén un destacado bibliófilo.

Durante a súa vida, repartirá o seu tempo entre Santiago e A Coruña, morando moitas tempadas na casa que posuía en Vilaboa, á cal achegábanse en moitas ocasións escritores como Aurelio Aguirre ou Emilia Pardo Bazán. Esta casa seguiría nas mans da súa familia durante moitos anos.

Casado con Josefa Sanjurjo, descendentes desta parella profundamente católica foron, que saibamos por agora, Ramón, María (que casou con Edelmiro Méndez Quirós, quizáis natural de Vigo), Carmen, María Luísa, Concepción (que tomou o hábito de monxa no convento das clarisas de Monforte) e Asunción (monxa no convento de bieitas Las Dueñas, na vila abulense de Alba de Tormes).

Nas súas necrolóxicas infórmasenos que foi moitos anos secretario da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, e activo animador do Museo Arqueolóxico por ela promovido, así como un dos fundadores e vicesecretario da Sociedad del Folklore Gallego coruñesa (1884), tema este último máis coñecido.

No ámbito da prensa, foi redactor do Semanario de Santiago e outros xornais, e colaborou en El Museo Universal, Ilustración Cantábrica, Ilustración Gallega y Asturiana, Ilustración Ibérica, Ilustración Española y Americana, Revista Contemporánea, Liceo Brigantino, Galicia, La Unión, La Época, El Eco Franciscano, Libredón, Ilustración Católica, La Niñez, etc. Os seus artigos abranguen diversas temáticas: histórica, literaria, biográfica, arqueolóxica…
Dentro das obras que publicou pódese destacar La calle del olvido (1863), La olla del diablo (1863), Impresiones morales (1872), Cotolay (1879), Francisca (1881), Pablo Gómez (1883), Tres cuentos (1884), España ante la unidad católica. Diálogos histórico-literarios (s/a), Cristina, etc.

Faleceu en Santiago, no seu domicilio da rúa Laureles, nº 13, o 14 de abril de 1887. Só tiña 55 anos.

Quen eran estes Segade cullerdenses dos que procedía Ramón por xinea paterna? A liñaxe parte, na segunda metade do século XVIII, do matrimonio formado por Santos de Segade, escudeiro da Real Audiencia do Reino de Galicia, e Andrea Doldán Pose, ambos os dous naturais e veciños de Vilaboa. Dos seus descendentes xurdirán algunha figuras relevantes, por diversas razón, na historia galega, e, á vez, encadradas en pensamentos políticos totalmente antagónicos: o republicanismo e o fascismo. Ramón Segade Campoamor, católico, rexionalista…, ocuparía unha posición máis moderada.

Aínda que non podemos aseguralo con total certeza (teríamos que consultar algún documento máis), é probable que fose neto de Juan Segade Pose, fillo do matrimonio anterior, que estivo uns anos emigrado en América.

Curmán de Ramón Segade Campoamor (el mesmo afirma, nalgunha carta a Murguía, que o quería como se fose un irmán) foi Federico Pérez de Tapia Segade, coñecido como Federico Tapia, nacido na Coruña o 16 de abril de 1825. Era fillo de Pedro Pérez de Tapia e de María Antonia Segade Veira (ela, natural de Rutis, filla de Francisco Segade Pose, irmán de Juan), que casaran en Rutis en 1820. Federico matrimoniará na Coruña, o 17 de maio de 1882, con Matilde Frade Sande, sendo unha das testemuñas da voda precisamente Ramon Segade Campoamor. Ademais, foi tamén Federico albacea do testamento do seu curmán José Segade Penas, falecido en Rutis en 1876.

Alcalde da Coruña entre o 1 de xaneiro de 1872 e o 24 de agosto de 1873, cando se proclama a Primeira República en 1873, Federico Tapia, entre outras disposicións, mandou que ondease a bandeira republicana na Casa Consistorial e que se distribuíse pan entre os pobres, etc. Participou no primeiro Congreso do Partido Republicano Federal, celebrado na Coruña, e na primeira Asemblea Federal Galega, celebrada en 1886. De avanzadas ideas políticas, faleceu na Coruña o 2 de setembro de 1891. O seu enterro foi o primeiro, -ou un dos primeiros- en celebrarse civilmente: negárase a recibir ningún auxilio relixioso. Membro destacado da masonería coruñesa, utilizaba o nome simbólico de Templanza e ostentaba o grado 30º do Rito Escocés Antigo e Aceptado.

Netos de Juana Florentina Pascuala Segade Penas (irmá de José, filla de Ramón Segade Veira, neta do citado Francisco Segade Pose) e do seu esposo, o comandante de carabineiros Cándido Terreros (falecido en Vilaboa en 1898) foron José e Pilar Millán-Astray Terreros. Da segunda, diremos que foi dramaturga con certo éxito en vida (logo totalmente esquecida) e que quedou con algunhas posesións familiares en Rutis, como era o pazo “La Milagrosa”, así como outras casas e fincas. No pazo residía algunhas tempadas, e a finca da casa deixóullela en varias ocasións, na II República, ao Ateneo de la Villa de Rutis, de orientación anarquista, para faceren as súas festas.

Do seu irmán José, o fundador da Lexión, escusamos dicir nada.

De maneira indirecta, tamén tiveron parentesco cos Segade os Lembeye Lartaud. O antes citado Francisco Segade Pose casou con María Concepción Teresa de Veira Villardefrancos (son os avós de Federico Tapia). Pois ben, unha irmá dela, Manuela, casará en Culleredo en 1788 cun propietario de orixe francesa, Juan Bautista Lartaud. Filla deste matrimonio foi Juana Lartaud Rey, desposada con Vicente Lembeye, ferrolano tamén de ascencencia gala e destacado francmasón: tiña o grado 18º do REAA e formou parte (tamén o seu irmán Joaquín) da primeira loxa masónica da historia de Galicia, a Loxa Constitucional da Reunión Española, fundada na cidade da Coruña en 1814. E fillo de Vicente e Juana foi o naturalista Juan Lembeye Lartau, alcalde de Culleredo no Sexenio Liberal e amigo de Ramón de la Sagra, Víctor López Seoane ou José Pardo Bazán.

Cremos que a figura de Ramón Segade Campoamor, tan importante na vida de Murguía e Rosalía, merecería unha investigación máis demorada.