Poder Popular por enriba de todo

Poder Popular por enriba de todo
Sabemos que o Bloque Nacionalista Galego pode gobernar o Pais naturalmente só desde a Xunta de Galiza que non é o mesmo que gobernar desde Madrid, o que será sempre imposibel por razóns obvias. Mais o Poder é outra cousa e non fai falta ser un alho para saber onde reside o poder, e este non está hoxe nen sequera no Goberno de Madrid e moitísimo menos no Goberno galego da Xunta, ainda que o gobernase o Bloque.

Pero a pesar diso, un goberno do BNG na Xunta é un tránsito necesario que acima da carga simbólica que representa, marcará o comezo dunha nova etapa histórica na loita de liberación nacional de Galiza. Mais aínda nos quedan coma mínimo catro anos se non hai imprevistos para un evento desta categoría, unha boa oportunidade para fortalecer as bases do BNG.

A retórica do conflito esquerda-dereita moi presente na área europea e occidental, xa está moi en desuso, perdeu paulatinamente a súa importancia ata que ámbolos dous termos apenas se diferencian hoxe na práctica política e social. Neste perímetro xeográfico a súa política bipolar redúcese cada vez máis a facer unha boa xestión do Capital para a elevación dos seus beneficios, coa falaz escusa de xenerar postos de traballo ainda máis precarios.

Hoxe en España incluso os ascendentes sectores neo fascistas preséntanse como os xenuínos defensores dos traballadores asalariados perante a patética función mediadora dos sindicatos conciliadores. Na Galiza son os sindicatos españolistas os que cumpren esa mediación, arestora atopándose nunha irreversíbel decadencia ante un puxante sindicalismo nacionalista coherente
liderado pola Confederación Intersindical Galega (CIG)

A pesar das tremendas dificultades, porén, si é posíbel, nada utópico e realizábel alcanzar a Soberania de Galiza paso a paso, senon xurde un atallo abrupto tanto nunha dirección como noutra, e que esta teña un caracter popular cun poder galego cimentado na forza do pobo galego auto-organizado, que si cambia a esencia de clase por enriba de calquera Goberno galego saído das urnas, ao condicionar decisivamente a gobernación do Pais.

Nunca se conseguirá o Poder galego sob un anaco da maquinaria estatal española, que ten o contido de clase do capitalismo español e imperialista. A Autonomía da Xunta de Galiza, sendo apéndice do Estado español no Pais, só serve para xestionar o sometemento e a súa dependencia . A presencia dunha representación relevante do nacionalismo galego no Parlamento Autonómico, pode estabilizarse dentro do mecanismo electoral de alternancia bipartidista parlamentar, participando enfronte das diversas representacións do españolismo no Goberno galego, PP,PSOE.....

Sen dúbida un Goberno nacionalista é un paso adiante na emancipación da Nación, mas é insuficiente para conseguir por si mesmo a súa transformación e desenvolvemento propios, e menos coa oposición ou peor co apoio envelenado das representacións parlamentarias españolistas, que en ningún caso sería capaz dabondo para facer avanzar ao Pais cara a súa liberación nacional. O Poder anti-galego mantense, e en esencia permanecería baixo a élite burguesa española coa aparencia dunha autonomia propia, pero cun Goberno galego sen a aptitude de decisión executiva transformadora, e só útil para facer xestión do existente baixo a presión das instrucións do Estado español, nas áreas políticas, xurídicas, económicas....e o que faga falta, aínda que quede o recurso ao exercicio da mobilización popular pola capacidade de convocatoria amplificada por unha nutrida representación, o que non é pouco.

Porén, un goberno autonómico exercido pola representación do nacionalismo galego con toda a súa problemática pode chegar a superar a alternancia co españolismo na Xunta, e este feito vai depender principalmente do nivel de auto-organización e mobilización do pobo galego en cada unha e todas as facetas do poliedro socioeconómico e político que da contido á sociedade galega existente; electoral, sindical, cultural, veciñal, comunitario, organizacións temáticas, sectoriaís, territoriaís, empresariaís, profesionaís, autónomos......e un longo etc.

Cunha sólida representación parlamentar, o BNG ten a oportunidade de xogar un papel decisivo na autoorganización do pobo galego, e iso ten que afectar a propia organización política do nacionalismo galego, especialmente ao BNG. Acaso o BNG pode quedar reducido exclusivamente a unha simple expresión electoral ? Si que pode, pero se así acontecera nunca mudaríamos o mecanismo da alternancia co españolismo por unha alternancia política plural interna de obediencia galega centrada no Pais. Este obxectivo é fundamental.

Sen esa transformación política endexamais sairíamos da xestión do existente e, xa que logo, da dominación colonial. O que o bipartidismo galego formado nunha parte cun partido como o BNG, na oposición ou mellor no goberno e a outra nas máns do españolismo, sexa hoxe positivo e incluso moi positivo, mañá pode ser todo o contrario para a Nación e para o propio BNG como forza transformadora en todos os ámbitos.

O BNG é absolutamente necesario para artellar a sociedade galega baixo a súa dirección política, o
que afecta a súa propia organización partidaria, convertida nos feitos nun Frente Nacional para exercer democraticamente o Poder político conxuntamente coas forzas políticas existentes de obediencia galega, e a través das organizacións populares e de clase galegas sobre a base dun Poder socioeconómico auto-organizado no País, cunha auto-gobernanza popular liberada da inxerencia ou dependencia españolista e do espolio exterior.

O Pais e o pobo galego necesitan re-estruturar as súas capacidades económicas e produtivas en consonancia coas características nacionaís galegas para beneficiar as súas maiorías sociaís, e para iso, deben ter a capacidade e a Autoridade suficiente para vivir sen ataduras externas, procurando boas e solidarias relacións cos pobos peninsulares, incluído o pobo de Madrid e todas as nacións do mundo desde unha Galiza libre e independente gobernada polo pobo galego. As relacións internacionaís son un asunto estratéxico da nosa Nación.

A nación galega, rompendo co illamente que hoxe a atenaza, necesita abrirse desde a súa Soberania a todos os países sen intermediarios, sen máis limitacións cas propias, para participar na división internacional do traballo sen mediacións nen condicionamentos externos, e non ser só un centro de peregrinación. Nesta próxima etapa pode chegar o tempo da Galiza, nunca é tarde. E a pesar de ter aturado durante moitos anos, unha intensa colonización e intoxicación, as ansias de Soberania e Independencia medran pouco a pouco no pobo galego. Aproveitémos a oportunidade para avanzar nesta via.

Mais isto non é todo. A forza militar, o poder xudicial, o ordenamento xurídico, e as corporacións privadas multinacionais, entre outros instrumentos colonizadores son ferramentas que non se derivan da política nacionalista aínda que non lle son inmunes. Co que se expón aquí, as e os nacionalistas galegos xa temos traballo dabondo. Por iso, o antiimperialismo é substancial co nacionalismo galego, e mesmo a súa existencia ou a natureza social destes factores dependen principalmente da boa ou mala saúde do Imperialismo Unipolar que hoxe terma do españolismo e do seu Estado centralista opresor e colonialista.

As loitas de liberación nacional coma galega, o debilitan en profundidade, pero a erradicación do Imperialismo e a conquista da República Galega ceibe semella posíbel noutro contexto global máis acaído, pra que todo dependa só da vontade colectiva das e dos galegos exercendo o seu dereito a Autodeterminación, para decidir como pobo galego o seu futuro en liberdade.