Outra rolda de “café para todos”? Non grazas, en Galiza queremos té

Outra rolda de “café para todos”? Non grazas, en Galiza queremos té

Vén de ser publicada a sentenza íntegra sobre o Estatut catalán, logo de terse adiantado un fallo que, se ben termos cuantitativos non afectaba á maior parte do seu articulado, xa avanzaba unha seria afección sobre a vontade expresada polo Parlamento catalán, polas Cortes Xerais e referendada polo pobo catalán.

A lectura da sentenza confirma cales son os límites do actual marco xurídico-político do Estado español, e traza as liñas vermellas en función de dogmatismos que xa viñan sendo empregados polo Tribunal Constitucional, mais agora se cadra cunha linguaxe sen complexos con intención de avisar a navegantes que pretendan surcar un rumbo que se alonxe do actual deseño centralista e excluínte da diversidade nacional.

Non é intención avaliar nun curto espazo unha resolución xudicial extensa, tanto como tediosa e confusa, senón simplemente acoutar un seus dos principais efectos: a extensión do "café para todos" na evolución da estrutura político-institucional do Estado español, ou o que é o mesmo, a imposibilidade de avanzar na descentralización asimétrica do Estado español dada a diferente natureza -nacional ou non- dos territorios que actualmente o conforman e teñen recoñecido un determinado estatus de autonomía.

Moitas das análises fan fincapé na negación do alcance xurídico do termo "nación" aplicado a Cataluña, aspecto de certa relevancia como se lembraba nun artigo anterior logo de darse a coñecer exclusivamente o fallo da sentenza. Tamén no axuizamento sobre o réxime lingüístico, que racha claramente o principio de igualdade entre as dúas linguas oficiais, malia que a propia sentenza afirma debería presidir a regulación estatutaria neste aspecto.

Porén, na miña opinión, o aspecto máis involutivo ten a ver coa declaración como constitucional do réxime de competencias sempre que se efectúe nos termos que "interpreta" o Tribunal Constitucional, ou sexa, que o Estado central ordene e mande, tanto fixando o contido da autonomía política outorgada, como asignando ao seu antollo o autogoberno dun xeito concreto en cada materia a través do establecemento de bases normativas en leis, regulamentos e ordes ministeriais estatais. Deixa dese xeito en papel mollado a función atributiva de competencias do texto estatutario, neste caso a Catalunya, e con iso a conseguinte validez e lexitimidade para delimitar no mesmo o alcance tanto das competencias estatais como autonómicas, ao que terían que axustarse no futuro tanto os poderes do Estado como os cataláns, tendo en conta ademais que calquera texto estatutario é unha lei estatal, aprobada polas Cortes Xerais, polo tanto integrante do "bloque de constitucionalidade". O máis abraiante é que esta consideración das normas estatutarias como referenciais á hora para delimitar o autogoberno, nun nivel superior ao que tiñan que someterse tanto os desenvolvementos normativos autonómicos como estatais, fora aceptada recentemente polo Tribunal Constitucional na sentenza sobre o Estatuto de Aragón, e agora non vale para o Estatut catalán. Menos mal que a propia sentenza nos chega a lembrar que se trata dun Tribunal de Dereito, que ten como único referente a norma constitucional para guiar a súa actuación!

Na práctica, iso supón que o esforzo para establecer unhas regras de xogo que outorgaran un contido blindado ao autogoberno de Cataluña, pactadas e asumidas de común acordo entre os poderes centrais e cataláns fican supeditadas ao que dispoñan en cada caso as normas estatais. Cun alcance máis xeral, pensando en nós mesmos, en Galiza, significa que a marxe de autonomía política para as nacións do Estado non poderá ser determinado dun xeito bilateral, senón ordenado polo Estado central para o conxunto de entes territoriais, a través de leis estatais situadas por riba dos Estatutos, por moito que estes sexan o instrumento legal idóneo para concretar o alcance e contido da autonomía política.

Nese estadio, non é moi difícil aventurar o que vai acontecer, pois se os poderes centrais, por medio da promulgación de normas básicas, son os que determinan o contido material do que lle compete a cada institución -central ou autonómica-, o tratamento que van a conceder de novo é o da homoxeneidade malia dirixirse a realidades diferentes, unha vez máis un trato uniforme para atender -e mesmo ir asimilando- a asimetría.

Coa sentenza sobre o Estatut catalán vén de lexitimarse, xa non só que o Estado poida seguir decidindo nun amplo catálogo de competencias, senón que ten capacidade de continuar a facelo abordando solucións legais baixo un denominador común uniforme e persistir en promulgar regulacións homoxéneas para situacións asimétricas, isto é, teimando en falsear a realidade.

Xa que logo, o Tribunal Constitucional vén de ditaminar que a involución centralista en base ao ditado legal dos poderes centrais pode seguir o seu curso. Que se pode seguir ofertando "café para todos", ben sexan nacións ou rexións, non importa a natureza do destinatario nin a realidade á que vai dirixida. Desde Galiza, con cortesía, debemos rexeitar esa política, preferimos té. Ou unha tisana, ou leite, ou macela, ou viño ou o calquera outra cousa. Se obxectivamente somos diferentes, temos dereito a pedirmos, e que nos sirvan, tamén algo ao noso gusto, aínda que sexa, iso, diferente.