Orzamentos 2016: unha fraude democrática e económica

Orzamentos 2016: unha fraude democrática e económica

Nos tempos de mudanzas de goberno é habitual que xurdan controversias encol da herdanza recibida. Mesmo neste días, nos primeiros meses de andaina de novos gobernos locais, saen á luz pública manifestacións de novos edís queixándose dos caixóns baleiros de diñeiro ou cheos de facturas sen pagar, así como de moitos asuntos paralizados que teñen que retomar ás présas para asegurar o normal funcionamento dos servizos e da actividade ordinaria institucional. Porén, o Goberno do PP en Madrid, desmontando neste caso o tópico da “previsibilidade” de Rajoy, acometeu unha actuación realmente inusual: anunciar a hipoteca que lle lega ao vindeiro executivo, ao aprobar os orzamentos de 2016. Dese xeito, goberne ou non o PP após as eleccións de decembro de 2015, apuntala a prórroga da nefasta política económica e orzamentaria que deseñou nesta lexislatura.

A cualificación de inusual é accesoria, a principal sería a de un comportamento ilexítimo e antidemocrático, pois tendo xa bastante avanzada a redacción do borrador do Decreto de convocatoria electoral, preténdese exercer deliberadamente fóra dos límites temporais que lexitiman a este Goberno.

Se a pretensión era a de contar cun activo electoral a través destes orzamentos, o resultado non só é cativo a eses efectos senón que é contraproducente, xa que a proposta de orzamentos presentada reflicte tanto a continuidade (mellor, obstinación) nun plantexamento e estratexia económicas con pobres resultados, como desvenda un fracaso á hora de arrombar co amortecemento da actividade económica, con risco de cronificarse e afondar non xa nunha recesión senón nunha auténtica depresión económica.

A análise “mediática”, a difundida de xeito maioritario nos medios de comunicación, non pasa dos lugares comúns: que se sentan bases sólidas para a recuperación a longo prazo, que se avanza na contención do gasto público e a consolidación fiscal, que se mantén o investimento do Estado en Galiza, ou que se aumenta o gasto público. Todas esas afirmacións son inexactas, e pretenden encubrir, non só o electoralismo latente nas contas presentadas, senón a máis elemental falta de criterio económico que ten o Goberno do PP.

Vaiamos por partes. En primeiro termo, o círculo vicioso de sortear con débedas as eivas estruturais de financiamento do Estado, no canto de atenuarse, verase agravado. A débeda pública en circulación atinxirá en 2016 943,8 millóns de euros, cando era de 688,2 millóns en 2012. En 2014 estimábase que se precisaba un endebedamento de 7,5 euros para crear 1 euro de riqueza, e iso volverá a ocorrer en 2015. Aínda que se estrangula o déficit, a capacidade de financiamento só vai ao recurso da débeda, porque o sistema impositivo non se ousa a retocar. Na última memoria de recadación tributaria, póñense cifras claras ao dito de que “os ricos non pagan impostos no Estado español”. As empresas que cotizan no IBEX pagaron ao fisco unha media do 6 por 100, por mor das múltiples deducións das que se benefician malia ser o tipo de gravame nominal do 30 por 100. Contrasta esa cifra tanto co 15 por 100 de media coa que contribúen as pequenas e medianas empresas ou o 16,7 por 100 das persoas asalariadas. Ante a falta dunha vontade decidida de mudar a estrutura tributaria, recuncando en impostos directos progresivos, haberá que seguir soportando emisións de débeda, cuxos custes (xuros e comisións) xa atinxen o 21 por 100 do total do orzamento do Estado, duplicando o custe do gasto de persoal.

En segundo lugar, no que atinxe ao medre do gasto social, o engano é superlativo. Se ben hai un tímido incremento do 0,4 por 100, que se traduce en incrementos algo maiores en políticas sociais específicas, co cal se incha un globo electoral: súbese o gasto en educación, sanidade, etc, como síntoma de compromiso social. Porén, eses incrementos parciais proveñen dunha drástica redución do gasto por desemprego (do 21 por 100 menos, máis de 5 mil millóns de euros!), non porque haxa menos persoas paradas, senón porque se opta por deixalas tiradas sen ningunha cobertura e na máis absoluta desesperación. Por outra banda, dentro dos problemas sociais máis recorrentes, nin un só incremento: vivenda (xa están os concellos a pór remedios parciais a un problema global), pobreza enerxética, nin tampouco recuperación de dereitos afectados polos recortes sociais.

Neste apartado debe ter unha mención específica as alarmas que continúan acendidas no sistema de Seguridade Social, pois os ingresos por cotizacións non se recuperan, non volven a niveis anteriores a 2011 malia argumentar o que o nivel de emprego se recuperou. É a consecuencia evidente dun mercado laboral precarizado, onde as novas condicións laborais conlevan cotizacións sociais que son insuficientes para a viabilidade do sistema de reparto. Non se trata, puntualicemos, do fracaso do sistema de reparto senón deste modelo económico e laboral, que apropia moitos recursos das rendas de traballo para engrosar as de capital, e que de momento subsiste tirando de reservas, mais que teñen un límite. Quizais habería que preguntarse se hai unha vontade deliberada para que se produza ese resultado, para ter o pretexto definitivo para provocar a falencia e caída do piar básico do sistema de benestar.

Por último, no que atinxe ao investimento público en Galiza, ben certo é que se mantén nun nivel relativo (en relación ao que representa Galiza no Estado en termos de peso económico e poboacional) superior ao de décadas anteriores, porén é máis certo que iso se produce cando coinciden dous factores: que, por unha banda, se están a acometer agora (con décadas de retraso) os investimentos na modernización ferroviaria, polo que ese aumento é en realidade saldar unha débeda; por outra banda, que se produce cando se consolida un descenso acusado no investimento global. O investimento público reduciuse nos últimos anos un 40 por 100, caendo a niveis de hai dúas décadas, co que non é moi difícil entender que non é o mesmo ter o 12 por 100 dun investimento total de 100 ca de 60. Até niso queren que interioricemos a trécola de considerar “históricos” investimentos que, non só se adebedan, senón que en termos nominais son practicamente os mesmos que terían que terse investido hai moitos anos.

En fin, é certo que o papel pode soportar todo cando se fan números, mais logo a realidade é teimuda. Tentar instrumentalizar as contas públicas como plataforma electoral tamén pode conlevar, como acontece cos últimos orzamentos do goberno de Rajoy, que aboie toda a irresponsabilidade e o fracaso das súas políticas económicas.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.