O papel dos cabalos no monte

O papel dos cabalos no monte

O monte quedou pequeno para o, cada día menos, gando que pasta polos seus outeiros, aínda así faise necesaria a súa pervivencia como garantía do mantemento do equilibrio ecolóxico, roto por múltiples esquinas.

O noso monte foi historicamente lugar de uso comunal e entre estes usos atopábase o aproveitamento gandeiro. Dende os anos 40 o gando foi expulsado dos montes o que provocou a fractura máis importante da economía rural tradicional e un incremento a emigración, primeiro cara as grandes vilas e logo cara ao exterior. Esta fractura social, unida á masiva repoboación con piñeiro e sobre todo con eucalipto, provocou o maior desequilibrio ambiental dende a deforestación masiva para a construción de navíos na época medieval.

A pesar desa reconversión do rural, nunca deixou de haber gando no monte, ao menos nalgunhas áreas como nas Serras da Grova, no Galiñeiro, no Suído, na Capelada, etc. Este tipo de gando, maioritariamente cabalar e vacún, viviu nos montes en moitos casos en total abandono, sen suplemento alimentar ningún, cun delicado estado de saúde e o seu manexo estivo máis preto de prácticas dos pobos nómadas prehistóricos que dun manexo propio dos tempos modernos.

Nos últimos anos, mentres que diversas iniciativas tratan de levar de novo o gando ao monte, tentando de recuperar e impulsar a economía rural e, sen dúbida, un equilibrio ecolóxico actualmente moi quebrantado, paradoxalmente o gando ceibo tende a desaparecer.

,Da xestión do gando do monte habitualmente ninguén se responsabiliza e, polo xeral, os seus donos sóltanos sen ningún tipo de acordo ou autorización cos propietarios dos montes. Na maioría dos casos non están saneados e son portadores potenciais de doenzas que poden contaxiar ao resto da cabana gandeira ou á fauna salvaxe que vive no monte.

As comunidades de montes reclamaron historicamente a identificación certa de cada animal, o saneamento e o control dos mesmos. Entre medias, as consecuencias da baixada dos montes do gando aos lugares habitados e aos cultivos provoca moitas friccións e problemas, mesmo graves accidentes de tráfico e doutro tipo. Os gandeiros en ocasión manteñen prácticas ancestrais negativas, mesmo actualmente cualificadas de ilegais, como é o uso das trancas ou pexas, a violencia extrema, os usos de manexo inadecuado nos curros ou a marcaxe ao lume.

Sería moi importante tratar de comprender os diversos intereses nesta cuestión, valorando positivamente, dende un punto de vista da ecoloxía do monte, o gando no monte mediante o control da vexetación, a prevención de lumes, etc, corrixindo aqueles defectos que poden provocar rexeitamento en parte da poboación e regulando o seu establecemento no monte aportando áreas con alimento ou refuxio para evitar baixadas molestas ou perigosas, tratando de regular a actividade mais permitindo a súa pervivencia.

A adaptación dos cabalos galegos ás duras condicións climáticas e a súa resistencia nos máis diversos traballos levou a que dende a época romana chegaran a todas partes do mundo. A Roma foron levados como trofeos de guerra, e moi valorados no circus maximus, nas guerras europeas foron tiro dos máis belixerantes exércitos, nas praderías americanas, logo de atravesar de leste a oeste con vituallas, constituíron xunto con outras razas as greas de mustangs e mesteños. No país foron montura, tiro de arado, de carros e alimento de moitas xeracións. Actualmente todas esas actividades que os utilizaban están maioritariamente en desuso, mais forman parte do noso patrimonio natural e cultural e deben seguir sendo obxecto da nosa atención.