O fascismo moderno

Coa crise do Imperialismo Global corren tempos turbulentos que en maior ou menor medida afectan a todos os países do mundo, tamén ao noso Pais. No medio desta crítica situación, proliferan os conflitos con insurreccións populares e de liberación nacional dos pobos oprimidos, diante do aumento xeral da pobreza e das agresións do terrorismo desatado polo Capital imperialista.

Na Galiza asistimos a un novo ascenso do nacionalismo galego no ámbito social, sindical e no eido institucional do Estado español, e asemade agardamos que a súa subida se produza tamén con forza no Parlamento galego, ata a conquista do Goberno da raquítica Autonomía galega, sempre utilizada polo poder español a través da dereita e da esquerda españolista en contra da soberanía de Galiza, e hoxe por medio do Partido Popular. O fascismo moderno español representado por VOX aínda non figura no Parlamento galego. Unha presencia no Parlamento máis ampla, e decisiva, do nacionalismo galego coherente é necesaria para defender o Pais das inevitábeis agresións realizadas co uso deste poder parlamentar polas forzas políticas e económicas españolistas, e tamén para recuperar os nosos recursos económicos e financeiros e pasar a ofensiva na procura dos dereitos nacionais do pobo galego, avanzando na súa Autoorganización e Soberanía, pois é o mellor camiño para nos defender neste inestábel mundo que no presente nos rodea.

A declinar do mundo capitalista occidental é hoxe evidente manifestándose en múltiples aspectos, ecolóxicos, económicos, institucionais, demográficos, morais... Hai moitas sinais que nos indican que o desenvolvemento do capitalismo chegou aos seus límites. A crise ecolóxica ven determinada porque a Natureza, ao carecer de vontade, non pode ser obrigada á creación de valor como ocorre coa forza de traballo humana, polo quen para ser útil ao Capital, debe ser destruída ou manipulada que é o mesmo, o que máis cedo ou máis tarde a leva ao seu colapso.

A decadencia do sistema dirixeo a prácticas canibalescas, como as agresións económicas e políticas do Imperio USA cara os seus aliados e subordinados europeos, que xeran novas contradicións. Para maior complicación emerxen novas e poderosas potencias fóra do sistema imperialista. A alianza de Rúsia e China pon en dificultades a dominación do capitalismo occidental, restándolle a este valiosos territorios para súa imprescindíbel expansión e poder ser sostíbel.

No plano económico, e a raíz da dramática diminución da taxa de ganancias, que xa parece irreversíbel, a súper poderosa e sen embargo minúscula oligarquía financeira mundial xa comeza a renunciar a investir os seus cuantiosos recursos privados na actividade económica produtiva. Como consecuencia ten lugar un cambio de paradigma no capitalismo, que xa non pode basearse principalmente, para obter ganancias, no proceso da explotación da forza de traballo.

A dinámica (D-M-D´), onde a diferencia positiva (D´maior que D) que serve de motor do proceso capitalista é substituída pola especulación financeira no intercambio D=D entre os propietarios privados das finanzas (D), nun xogo de suma cero, no que uns gañan e outros perden, sen intervención das relacións produtivas salariais (M). Neste contexto a sociedade global é obxecto dunha acelerada concentración e centralización dos recursos financeiros nas mans dunha reducida elite; agás no espazo rival, non imperialista, que hoxe o centraliza nos Estados eurasiáticos, principalmente coa acumulación de ouro. A oligarquía privada de Occidente cada vez máis enriquecida e reducida, practica a antropofaxia entre eles xerando desemprego, e chimpando as amplas masas á marxinalidade e á extrema pobreza, poñendo o sistema ao borde do abismo.

Diante das dificultades e ante o perigo da perda do seu poder, o capitalismo imperialista ten recorrido historicamente á forza bruta organizada alegando a salvación da sociedade, da patria, da liberdade, da democracia... e de todo o imaxinábel que se pode supor. A demagoxia do fascismo é inconfundíbel, non se pode equiparar ao discurso relacionado coa defensa de intereses populares que na actualidade coñecemos como populismo. De feito xa estamos a vivir nos prolegómenos dun fascismo moderno, nun contexto de grave descomposición da sociedade burguesa occidental co blindaxe dunha máquina inzada de armas de destrución masiva e un complexo militar industrial que pon en perigo a existencia da humanidade.

Hoxe xa podemos constatar que ante o risco da súa desaparición, o Imperialismo empurra cun proto-totalitarismo cara a un Novo Orde Mundial de corte fascista, liderado polos EEUU. Este Orde axudase nas súas fronteiras de bandas paramilitares, ou apoiando as existentes que expanden o caos para substituír ou destruír Estados que lle son rebeldes e non colaboran na defensa dos seus intereses xeopolíticos, utilizando amais da forza bruta, toda variedade de ideoloxías. O Fascismo exerce o poder pola forza bruta e a manipulación das masas a través do control das súas emocións e sentimentos. Resoa patética a mesturanza para esta finalidade do sionismo co nazismo que ten o elemento común, dun pobo elixido por Deus e unha raza superior, o que encaixa perfectamente na xa probada concepción do fascismo como ditadura terrorista do Capital, mas agora a nivel Global. Os casos concretos son numerosos dabondo... Libia, nazismo no Maidan ucraniano e nacións do Leste europeo, racismo cívico cruzeño en Bolivia, acoso golpista a Sudamérica, Isis Islámico e financiamento de grupos terroristas relixiosos, racistas... por citar algúns.

Nos países do centro capitalista, debido ao seu pasado e presente imperialista é onde o fascismo moderno pode ter máis arraizamento, inda que conservando no posíbel as formas democrático parlamentarias eivadas polo todopoderoso Imperio estadounidense. Debido a crise estrutural as vellas potencias imperialistas non están libres de tentativas contra o Imperio unipolar estadounidense para gañar máis autonomía política, e tamén dunha descomposición política e social que as leve ao borde dunha Revolución anti-capitalista; non obstante sempre sería un evento anómalo nun contexto que non pode admitir unha guerra mundial que conduciría inexorabelmente ao fin da humanidade desenvolvida, en todo caso guerras rexionais limitadas que ían limitar inda máis o vixente imperialismo.

O Estado español ten un gran pasado imperialista, e no presente limítase a un Estado en decadencia que agrupa a varios pobos e nacións oprimidos, polo que é un artefacto idóneo para o medre do fascismo que sempre o ten latente. A diferencia do español o fascismo galego non existe. Neste feito, sen dúbida inflúe o non ter sido Galiza en ningún tempo un Imperio como acontece con España. Na Galiza si podemos atopar o fascismo español como ultra-españolismo en calidade de tentáculo sucursalista de España, por iso o nacionalismo galego é o mellor antídoto no noso País contra o fascismo moderno español.

As posibilidades de expansión do sistema capitalista imperialista están esgotadas ao atopar os seus derradeiros límites. A desesperación das elites imperiais lévaas a promover novos conflitos no mundo convulsionado polas agresións imperialistas, as loitas sociais e as de liberación dos pobos. Mas tamén, a revisión dalgúns tópicos, ate agora inmutábeis como o neoliberalismo, para conciliarse coa Socialdemocracia, a súa histórica compañeira de viaxe compatíbel co fascismo, e así tratar de conservar os felices tempos de estabilidade bipartidista no centro do sistema. Porén isto non parece doado dadas as novas circunstancias que fan moi difícil a expansión do sistema , comezando polos limites ecolóxicos. Esta situación ten similitudes co que aconteceu na etapa final do Imperio Romano. O fin deste Imperio permitiu a emerxencia da Gallaecia e o xurdimento do Reino da Galiza como o primeiro Estado de Occidente. A historia non se repite, mais as caídas dos Imperios e dos imperialismos non lle veñen mal a nós, todo o contrario.

Nestes tempos, sendo de sentido común que os pobos e nacións oprimidas esperten para o progreso democrático e humanista atopámolas nos procesos de descolonización e de liberación nacional, que hoxe confrontan as agresións do moderno fascismo. Dado o seu carácter antiimperialista e internacionalista, o nacionalismo e o socialismo son os compoñentes principais combinando un marxismo heterodoxo con ideoloxías e identidades culturais autóctonas, nos diversos procesos de descolonización da civilización imperialista.

Na fin do Imperialismo, as cadeas que oprimen a Galiza non serían sostíbeis, caerían como un froito maduro. Mais antes de que chegue ese final, o nacionalismo galego ten moito que loitar para acadar a emancipación nacional. Entón todas as galegas e galegos poderemos exercer en liberdade o goberno do Pais, sen inxerencias externas que nos condicionen organizando a Nación galega a nosa maneira sen ataduras.