O estado de benestar na globalización

O estado de benestar na globalización

Dende unha cosmovisión eurocéntrica, as orixes do Estado de Benestar remóntanse ao século XIX, a partir dunha lexislación social ditada en Alemania polo canceler Otto Von Bismark. Máis adiante na Gran Bretaña, adoptáronse leis similares de protección social aos traballadores para o logro da paz social e a súa desmobilización.

Os obxectivos desta regulamentación eran o contrarrestar a militancia da clase obreira industrial das nacións europeas nesta època proclive as ideas revolucionarias, e o temor a Revolución social a causa das súas reivindicacións. Foron establecidos algúns seguros sociais, de enfermidade, accidentes, pensións... Con posterioridade este pacto social suxeito a revisión, foi evolucionando e estendeuse polos países centrais do capitalismo, pero sempre como unhas concesións benfeitoras transitorias dependentes da conxuntura económica, nunca como dereitos inalterábeis.

A socialdemocracia, non foi a creadora dos Estados de Benestar, pero xogou o papel de mediadora na negociación entre os Gobernos do Capital e os asalariados organizados para a mellora das súas condicións de existencia, a cambio de poder subordinalos aos intereses capitalistas facéndoos partícipes das súas políticas imperialistas. A estes pactos sociais agregáronse outros aspectos que co tempo gañaron en importancia, coma a consecución do pleno emprego, tendo como contrapartida a participación física da masa dos traballadores occidentais nas guerras e procesos de colonización e saqueo dos países oprimidos polas súas nacións imperialistas; tamén na agresión e defensa do imperio capitalista propio fronte aos demais e ante as ameazas dun sistema alternativo, como o representado polas revolucións socialistas en marcha.

De feito, a base dos Estados de Benestar está constituída por unha alianza interna das clases sociais antagónicas de cada país imperialista, para se enfrentar aos poderes externos e aos pobos oprimidos e colonizados. Nas dúas guerra mundiais as masas traballadoras dos países occidentais alinearonse coas súas respectivas oligarquías burguesas nestas guerras interimperialistas, rompendo coa solidariedade de clase internacionalista. A socialdemocracia, e tamén o fascismo -como a súa evolución natural- aglutinaron aos traballadores en cada pais para que loitaran entre sí, coa promesa de participaren no reparto do botín de guerra mediante os Estados de Benestar, inda que despois os aplicaron principalmente aos vencidos para erradicar os conflitos sociais, elevar a taxa de ganancias e unir a todas as nacións capitalistas occidentais contra o “comunismo”, practicando a un tempo unha implacábel guerra imperialista contra os pobos oprimidos e colonizados, baixo a batuta do Imperio estadounidense.

Máis hoxe coa Globalización mudaron as regras de xogo. Á oligarquía globalista, co seu neoliberalismo e concentración monopólica, xa non lle resultan útiles os Estados-Nación, e menos se teñen Soberanía, todo o contrario, xa que son o principal obstáculo para poder dominar e espoliar os seus recursos, baixo a éxida do capital financeiro acumulado como propiedade privada por unhas poucas familias cosmopolitas e, xa que logo, tampouco necesitan os Estados de Benestar nin os pactos sociais coas socialdemocracias correspondentes, pois para o diñeiro xa non hai fronteiras e poden deslocalizar con facilidade o seu investimento cara outros lugares do mundo, onde os custes da forza de traballo e recursos materiais sexan máis baixos e exequíveis. A esta oligarquía globalista tamén lles sobran hoxe as socialdemocracias en todas as variantes políticas e sociais, salvo para cumprir a función de adormecer e despistar aos pobos, inventando siglas milagreiras de cando en vez, de ahí a súa crise de supervivencia.

Na Galiza, como país colonizado, sen Estado propio e sen Soberania, destinado a fornecer forza de traballo, materias primas e enerxía baratas,a prezos por so do seu valor, non se coñeceu o Estado de Benestar, agás entre galegas e galegos individualmente no pasado coa emigración cara os países do centro capitalista.

Os Estados-Nación con Soberanía, son os únicos espazos onde se poden instaurar e desenvolver os dereitos socioeconómicos para as maiorías sociais, como dereitos humanos do pobo e non como caridade benfeitora. Ben pensado este artigo debería titularse “O Estado de Benestar e a Globalización son incompatíbeis”.