Nubes borrascosas para o medio ambiente

Nubes borrascosas para o medio ambiente

O estudo dos temas ambientais nos programas electorais é un bo barómetro para medir, ao menos, a sensibilidade política de cara ao medio ambiente e, por extensión, a outros aspectos da vida política e do período que se nos abre a nivel estatal despois do 20N.

Se ben as políticas medioambientais e as competencias sobre a biodiversidade están en boa medida transferidas ás Comunidades Autónomas, a realidade é unha grande deficiencia na xestión ambiental en todo o Estado nos últimos anos, ben pola incapacidade para asumir a xestión ambiental debido á cesión diante doutros intereses, ben pola falla de investimentos en conservación ou ben pola falta de interese político para asumir unha valente acción política con peso ambiental e dun xeito transversal.

Estudando os programas políticos dos partidos maioritarios e remitíndonos ao que machaconamente nos indican os seus altofalantes non podemos por menos que amosar certa preocupación cando nos fixamos nos temas ambientais.

Se a previsión demoscópica insiste en que o espello no que se ten que mirar a futura política do Estado é na política galega actual, non saímos de estar diante dun espello embazado onde non se aprecian nin as figuras. O modelo de xestión ambiental no noso país desde marzo de 2009 comezou por desdebuxar a Consellería de Medio Ambiente camuflándoa de algo que non debería ser, por exemplo, a competencia en conservación da biodiversidade non está nesa Consellería senón na de Medio Rural. Outro índice da pouca importancia que se lle concede á problemática ambiental en Galiza é que das máis de 200 especies protexidas, non ten plan de conservación máis ca unha.

,Se queremos afondar máis, no programa do PP atopamos a primeira dificultade na desaparición dos enlaces para baixar o documento, ou abrilo en formato manexable, só está accesible un resumo ou, de xeito estático, un moderno formato de programa dixital sen hiperaccesos, o que xa nos dá que sospeitar: limitación de acceso a pesar das aparentes capacidades informáticas dispoñibles. Así que, unha vez revisado o texto, podemos apreciar como o tratamento do medio ambiente é absolutamente superficial e carente do coñecemento mínimo tanto da terminoloxía como da lexislación vixente, onde se descreben recomendacións absolutamente xenéricas como "las medidas necesarias para aumentar la rentabilidad" ou o "rendimiento máximo sostenible", cando se refiren á pesca, ou mesmo onde fala da conservación das especies de fauna, a flora nin a menciona, e faino no apartado de caza. Sobre todo chama poderosamente a atención a expresión de promoción internacional da dimensión medioambiental, máis se a relacionamos con outra máxima que esboza, que é a de promoción turística mundial.

Non deixa de entristecer ver como o PP recolle no programa, no relativo a temas pesqueiros a necesidade de estimulación de fondos estruturais aos procesos de diversificación, mentres o que estamos a ver en Galiza é a limitación e eliminación deses programas pola falta de interese que teñen os responsables políticos populares na participación social na xestión deses fondos, demostrando a súa disposición a eliminalos, se é necesario, por non poñer a parte financeira que lle corresponde, nalgúns casos a penas o 20%, nunha xestión absolutamente deficiente.

Buscando a incidencia dos temas ambientais nos programas, din coas nubes de palabras, un método informático que fai unha análise cuantitativa da frecuencia das palabras nos textos.

Facendo unha sinxela escolla dos contidos dos programas, e pasándoos a esa nube, observamos que a palabra medio ambiente non ten a suficiente incidencia como para reflectirse na mesma.

Mais quixera destacar outro resultado. No programa do PSOE a palabra que destaca é MÁS. No programa do PP as palabras IMPULSAREMOS ESPAÑA.

Mentres no programa do BNG destaca a palabra GALIZA e, se vemos en máis detalle, podemos construír sen moita dificultade os enunciados: "Non ás reformas económicas en políticas públicas e sociais".

Para un medioambiente saudábel cómpren tamén políticas públicas e sociais e para iso Galiza ten que estar presente en Madrid.