Menos mal que nos paríu Rosalía!

Menos mal que nos paríu Rosalía!
O nacionalismo galego pódese gabar dunha superior categoría na escala na perfeición epistemolóxica, porque supera as contradicións máis fondamente enquistadas noutras ideoloxías autodenominadas revolucionarias, moitas delas hoxe tan en voga. E isto é posíbel porque o nacionalismo galego é desacomplexadamente feminista.

Na actualidade, e principalmente no eido xeográfico europeo, e no campo pseudo-intelectual do europeísmo, asistimos a unha sorte de festival da deturpación do pensamento político: a ideoloxía está de oferta e tanto, que nunca (coido) houbo tanta xente profesando algunha, e mais tanta outra que a adquiriu tan devaluada que a emprega como papel hixiénico... ao fin, é practicamente de balde.

Mesmo ouvimos falar de “nacionalismos de dereitas”, de fascismos “de esquerdas”, de misturas de liberación nacional e imperialismo, de rexións “nacionalistas” que se independizan... e no nacionalismo galego, sabemos que isto non son máis que parvadas, porque temos ben presente e inda máis en tempos de deflacción das ideas, que unha ideoloxía que mereza tal nome, non pode ser resultado dun construto artificioso no que se superpoñan elementos incoherentes e disociados por definición.

Xa que logo, tal e como temos claro que o nacionalismo é naturalmente resultante do prisma analítico da esquerda real e así, connaturalmente “de esquerdas” (sen necesidade de adxectivación), sabemos tamén que o feminismo non é un ingrediente máis para a consecución dalgunha caótica receita, senón unha unha implicación do feito mesmo de sermos nacionalistas; un requisito sine qua non. Porque é facilmente comprensíbel que se loitamos contra as relación de dominación entre nacións; isto é, contra o imperialismo, e se o facemos tamén e polo tanto, contra esas mesmas relacións entre as clases; isto é, contra o capitalismo, non podemos tragar (porque nos atragoaría mortalmente a incoherencia) coas relacións de dominación por mor do xénero e polo tanto, co patriarcalismo.

O feminismo, na súa formulación máis coherente, vénnos dado na historia polas feministas do bolxevismo: Clara Zetkin e Alexandra Kollontai. Elas, souberon superar con lucidez as contradicións, que a respeito da cuestión de xénero, emanaban do discurso dos pais fundadores (homes) do socialismo.

Foron quen de detectar, alén da superestrutura capitalista, unhas relacións de opresión home-muller, que trascendían transversalmente as clases sociais . Souberon interpretar o feito de que se, instaurada a Ditadura do Proletariado, as mulleres seguían a ter unhas condicións sociais e laborais moito piores, é que existía certamente un outro sistema imperante que, inda que perfeitamente entretecido e coadxuvante mutuo do capitalismo en toda parte onde este último tiña chegado, tiña entidade de seu.

As feministas bolxeviques superaron as contradicións burguesas do feminismo sufraxista, e mais as das primeiras formulacións do socialismo; e por iso eran ben conscientes de que a opresión das mulleres non desaparecía coa consecución do direito ao voto, mais que si rebordaba da cuestión de clase. Foi precisamente a súa capacidade para levaren o materialismo histórico a unha coherencia máis profunda, a que nos brindou o contributo histórico dese seu pensamento verdadeiramente liberador: a plena loita anticlasista.

Menos mal que o nacionalismo galego foi quen de se proxectar con plenitude e tivo o valor de adoptar conscientemente o feminismo (materialista, o feminismo científico) como un dos seus alicerces indiscutíbeis. Fique isto ben claro: non é senón cuestión de coherencia! E tanto é así, que ben podemos afirmar sen paliativos, que toda aquela persoa que ouse atentar contra o feminismo (for de palabra, obra ou omisión); se é nacionalista, é unha inconsciente, e se o fai conscientemente, é que non é nacionalista.

En fin, como diciamos ao comezo, nesta altura en que o pensamento crítico e o ideoloxicamente complexo están tan profundamente demodés, menos mal que o nacionalismo galego existe; pola soberanía das nacións, sen clases, nen xéneros!