Lumes de primavera de mentes escuras

Lumes de primavera de mentes escuras

-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------


Nestas últimas semanas os lumes volveron a encher as portadas do telexornal, algo ben raro nesta época do ano, como raros nos pareceran os lumes do outono pasado.

O día 29 de marzo ao entrar a noitiña ardía o monte Matalagartos, no concello de Gondomar, monte do que son comuneiro. As 11 da noite, e dende o alto da Paraguda, a 600 m de altitude, comprobaba os seis focos que iniciaron o lume escalonadamente, nunha noite sen vento. Achegueime, xunto con outros veciños e veciñas, membros da Xunta Reitora, para orientar ás brigadas anti-incendios que xa viñan de camiño. Esforzo inútil. Non era posible atacar a tantos lumes á vez sen apoio aéreo e cun par de carrocetas. Os que prenderon xa o sabían, tiñan a experiencia do grande incendio neste mesmo monte en 2005, poida que, ademais, foran os mesmos do recente incendio do outono. O resultado foi dunhas 100 Ha arrasadas, mato, eucaliptos e unhas poucas frondosas, pradairos concretamente.

,Un par de días despois, esta traxedia local deixaba de selo, fronte aos milleiros de hectáreas queimadas no lume do Eume, que sobardou todas as dramáticas expectativas, chegando case ao máximo impacto social dun novo Prestige. Desta volta vin as novas na Euskal Telebista nun bar calquera de Arabako Errioxa.

De seguida repasei mentalmente o desmantelamento seriado de todos os avances no noso país, por moi pequenos que queiran facelos agora, da Consellería de Medio Rural na etapa en que estivo presidida por Alfredo Suárez Canal. Uns avances que tiñan no mundo rural o obxecto central das políticas desenvolvidas e que puxeron os alicerces dun desenvolvemento e dunha revitalización sen precedentes baixo o lema dun rural vivo. A isto sumouse a ilusión de moitas persoas que pariron proxectos e iniciativas anovadoras e con vocación de futuro. A chegada do goberno do Partido Popular supuxo o desmantelamento das políticas emprendidas.

O Eume, o Matalagartos ou calquera outro monte, arde entre outras cousas porque á maioría da poboación impórtalle pouco o que aconteza no común, no de todos. Xa di o refrán que o que é de común non é de ningún. Mais nas Fragas do Eume ademais dos argumentos do desmantelamento do medio rural, do desmantelamento da prevención de lumes e do desmantelamento do benestar da sociedade galega no seu conxunto, habería que falar da traxectoria do deseño das áreas protexidas, da falla de cultura ambiental a nivel social, da ausencia de orgullo do propio e mesmo de sentido común. Que apañen os causantes vai retornar o monte ao seu verdor anterior? o mal está feito e hai quen estea disposto a repetilo, esa non é a resposta á problemática.

Neste país moitos peches seguen a ser de somieres de aramio e a estética dos galpóns segue a ser de ladrillo sen revestir, claro, sempre se pode achacar á falta de recursos, mais isto non é xustificativo das horteradas daqueles que tendo medios invisten en casas discordantes coa contorna, de cores rechamantes ou con destacados apliques dourados rococós.

Paseando polas terras da comarca Biasteri-Arabako Errioxa e coa mente ocupada polo resplandor do Matalagartos e polos fumes do Eume preguntábame porque as Serras que tiña diante da miña vista, as de Toloño e Kantabria, non estaban negras, por que as casas e rúas das vilas do sur de Araba, estaban coidadas, por que todo era de cor da terra rubia que o rodea. O pobo galego non será nin máis nin menos que aquelas xentes, non temos nin máis, nin menos historia, nin temos nin máis, nin menos conciencia ambiental ca eles, poida, se cadra, que si teñamos menos orgullo do noso.

Teremos que pensar pois como recuperar o orgullo e poida que esa sexa a chave para que os nosos montes sigan verdes, como na bagoada de pradairos das Chedas no Malagartos ou como nas Fragas do Eume. Verde orgullo contra o negro das mentes escuras.