Evidencias do cambio climático III: Nas nosas praias sobe o mar

Evidencias do cambio climático III: Nas nosas praias sobe o mar

Galicia conta cun potente equipo científico de investigadores do medio mariño que desenvolven o seu labor en varios centros de investigación, universidades e outras entidades científicas. Todos eles teñen adicado algún tempo de estudo e reflexión para estudar a influenza do cambio climático no noso país.

O cambio climático é o resultado da alteración do intercambio de materia e enerxía entre os cinco compartimentos que definen o clima planetario: atmosfera (aire), hidrosfera (auga), litosfera (terra), criosfera (xeos) e biosfera (seres vivos). O aumento das concentracións de gases invernadoiro na atmosfera atrapa a radiación solar provocando un aumento da temperatura planetaria, fenómeno acelerado nos últimos anos. Esta variación de temperatura atmosférica vai influíndo no resto dos compoñentes dos compartimentos da superficie planetaria.

Estes cambios veñen producíndose dende a propia xeración do planeta, polo que algunhas das causas que o orixinan son naturais: cambios na órbita planetaria, erupcións volcánicas, enerxía solar, etc. Mais tamén teñen unha orixe antropoxénica, debido á: combustión, deforestación ou cambios na cobertura vexetal, sendo máis acelerados nos últimos 150 anos. Polo tanto, vemos que o problema é a aceleración do quecemento planetario como consecuencia humana, que provoca o aumento da temperatura do aire.

Na Galiza temos datos ambientais históricos recollidos nos centros de investigación a través das campañas de monitorización ambiental, postas en marcha dende a segunda metade do século XX. Así podemos dicir, por exemplo, que na Coruña incrementouse a temperatura en 1,5ºC nos últimos 35 anos, ou que a temperatura no mar, medida no Banco de Galicia, aumentou 0,8º nos últimos 20 anos.

Outra evidencia do cambio climático é o aumento da salinidade da auga no ecuador, polo aumento da temperatura, e a desalinización nas augas circumpolares, como consecuencia do desxeo, Grenlandia reduciu a súa cobertura glacial, fálase de que a redución pode chegar ata o 20% no ano 2050. As consecuencias do desxeo serán a elevación do nivel do mar e a redución das correntes profundas. Estímase que na nosa costa pode apreciarse unha elevación do nivel do mar entre 15 e 20 cm nos últimos 60 anos, coa consecuencia da redución de praias e do anegamento de zonas baixas.

Outra consecuencia física do cambio climático é a redución dos ciclos estacionais nos ventos costeiros, cunha caída da frecuencia e da intensidade, o que ocasiona unha diminución dos afloramentos.

O efecto en fervenza dos cambios de temperatura, salinidade e ventos mariños nas comunidades biolóxicas é evidente. Así, pode detectarse a redución da clorofila nas augas superficiais oceánicas e costeiras e, como consecuencia, unha caída dos ciclos de produción primaria, e polo tanto de recursos explotables. Xa din os bateeiros que a máis vento do norte mellor mexillón, a inversión destes ciclos ocasiona o efecto contrario.

O aumento do CO2 atmosférico aumenta tamén o intercambio do gas carbónico entre o aire e a auga, o océano absorbe o 40% do gas emitido á atmosfera, o que tamén amortiguou as consecuencias do quecemento planetario nos últimos anos, mais todo ten un límite. Coa consecuencia da acidificación do mar, a concentración de CO2 nas augas superficiais de Galicia cuadriplicou os seus valores dende 1975. A consecuencia directa da acidificación é o impedimento da fixación de carbonato cálcico por parte dos seres vivos, ourizos e moluscos terán pois problemas para desenvolverse. O 40% da produción mundial de mexillón cultívase nas Rías galegas, poida que coa incapacidade ou dificultades para formar a súa cuncha a produción fique afectada.

Un dos maiores esforzos divulgativos sobre o cambo climático está recollido na publicación do ano 2009: Evidencias e Impactos do Cambio Climático en Galicia

A película O día de mañá (The Day After Tomorrow), do ano 2004, amosa dun xeito moi esaxerado as consecuencias do parón da corrente do Golfo como consecuencia do cambio climático, a pesar do seu apocalipticismo a cousa non vai moi desencamiñada.

É un tema do que sen dúbida teremos que seguir falando.