É sempre a mesma melodía, o españolismo e a súa democracia

É sempre a mesma melodía, o españolismo e a súa democracia
Hai unha cantiga do cantautor portugués Luis Cilia, que eu escoite interpretada polo benquerido Zeca Afonso, cantautor e militante comunista contra a ditadura salazarista, na que se repite ao longo da mesma unha estrofa que di “ é sempre a mesma melodía: o Salazar e a súa democracia”. Pois ben, algo similar podemos dicir nós respecto á actitude do españolismo (organizacións económicas, políticas ou sindicais españolas, defensoras do réxime de monarquía parlamentar e da homoxeneidade e unidade do reino de España, fronte á defensa do carácter plurinacional do Estado español) á hora de afrontar as crise do Estado, sexan do signo que sexan.

Os diferentes gobernos españois, diante dunha crise que debilite ao Estado e poida pór en perigo o control do mesmo por parte da oligarquía española, a reacción é: maior centralización, incremento da represión limitando as liberdades públicas, dándolle un maior protagonismo ás forzas armadas e, por último, a busca dun pacto entre as organizacións económicas e sindicais que lle dean cobertura á hora de aplicar estas políticas, favorecendo a desmobilización e o control da contestación social.

A este esquema político e ideolóxico que ten o PSOE (e parece tamén que por momentos os seus socios de goberno), obedece ao chamamento do presidente español, Pedro Sánchez, promovendo un Pacto de Estado similar aos Pactos da Moncloa de 1977. Pode parecer unha fuxida cara diante de Pedro Sánchez, pero si analisamos o contexto político e económico actual e os obxectivos que se persegue con dito pacto, hai moitas similitudes coas do ano 1977.

En outubro de 1977, cando se asinaron os Pactos da Moncloa, un con medidas económicas e outro cun contido máis xurídico político, dábase un contexto político fráxil, de transición do réxime ditatorial franquista a unha monarquía parlamentar, con un goberno da UCD moi débil, e polo tanto con moitas incertidumes políticas e económicas por despexar: por unha banda definir o modelo xurídico político de Estado que dera saída as reivindicacións nacionalistas de Galiza, Euskadi e Catalunya, pero ao tempo sen recoñecer o carácter plurinacional do mesmo; en segundo lugar darlle saída á unha profunda crise económica (enorme inflación, forte endebedamento das empresas, perda de miles de postos de traballo ), sen por en perigo os intereses da oligarquía española nen cuestionar o modo de produción capitalista, pero ao tempo cunha credibilidade e respaldo social que precisaba do apoio das centrais sindicais maioritarias.

Os resultados destes Pactos foron claramente favorábeis aos intereses do capital e polo tanto moi prexudiciais para a clase traballadora: incremento dos beneficios empresariais dun 83,2% entre 1977 e 1982, perda moi importante do poder adquisitivo dos salarios, incremento do desemprego ata chegar ao 21,9% no ano 1985, redución significativa do número de persoas cobrando a prestación por desemprego, incremento da contratación temporal,... Todo isto acompañado dun aspecto ideolóxico que facía aínda máis negativos estes pactos para os intereses futuros da clase traballadora, refírome ao abandono, na práctica, da idea de loita de clases, á integración no sistema e á asunción dunha prase sindical de colaboración co poder, por parte das centrais sindicais que deron o seu apoio a ditos Pactos (CCOO,UGT). Isto traduciuse nunha práctica continuada de sinatura de Pactos Sociais, que chega ata a actualidade, e que supuxeron perda de dereitos, desideoloxización, desmobilización e perda de influencia e afiliación do movemento sindical español.

Cómpre salientar aquí, que ditos Pactos contaron co absoluto rexeitamento do nacionalismo galego no seu conxunto, especialmente por parte da central sindical nacionalista existente naquel momento, a Intersindical Nacional Galega (ING), que chamou a unha xornada de loita (o 28.01.78) e a numerosas mobilizacións de rexeitamento a ditos Pactos, que tiveron unha boa acollida entre a clase traballadora galega, e serviron para marcar abertamente as diferencias, ideolóxicas e de práctica sindical, entre o sindicalismo nacionalista galego e o sindicalismo españolista, iniciando o camiño que fixo posíbel que hoxe o sindicalismo nacionalista, representado pola CIG, sexa a primeira forza sindical na Galiza.

Pois ben, se analisamos o contexto político actual atopámonos con aspectos moi similares aos do 1977. En primeiro lugar, estamos diante dun goberno español (PSOE/UP) moi débil, cunha correlación de forzas no Congreso que non lle resulta favorábel, e que está a ver incrementada a súa debilidade como consecuencia da mala xestión que está a facer desta crise sanitaria (autoritarismo, centralismo, improvisación, militarización, cesións ás presións das grandes empresas, …). En segundo lugar, unha forte crise económica, que vai continuar á crise sanitaria, e que se vai sumar ás graves consecuencias, aínda non superadas, que tivo para a clase traballadora a crise económico financeira de 2008, xunto coas políticas de recortes de dereitos e de precarización do mercado laboral, impostas neste período polo capital. En terceiro lugar, o ter que facer fronte, a ese histórico problema na política española, como é o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado e os dereitos nacionais que iso conleva, diante das fortes reivindicacións neste sentido das forzas políticas soberanistas das tres nacións oprimidas, ese dereito hoxe con especial forza reivindicado desde Catalunya.

O goberno español busca pois con este novo Pacto de Estado (os Pactos da Moncloa bis), evitar entrar no debate sobre o problema de fondo desta crise, sobre o carácter estrutural da mesma e a relación que ten coa propia dinámica dun sistema capitalista en crise. En segundo lugar, a necesidade de reforzarse como goberno e lograr complicidades que lle permita ao Estado español, unha vez máis, superar este escenario de crise, preservando o modelo económico e laboral (nada de derrogación das contrarreformas laborais, da negociación colectiva ou das pensións), buscando unha nova fórmula que lle garanta o manter a unidade do reino de España, en definitiva, preservar os intereses da oligarquía española e o poder das propias forzas estatais, é dicir, todo aquilo que é a súa razón de ser. O protagonismo que nesta crise lle está a dar o goberno ás forzas armadas, especialmente ao exército, hai que interpretalo como un guiño a esta parte do aparato do Estado, cun forte peso da dereita no mesmo, de cara a presionar nesta estratexia.

Queda por ver pois, cal vai ser a resposta última da dereita, representada por Ciudadanos e o PP, se seguen na súa estratexia de desgastar ao goberno a toda costa, buscando un escenario electoral que lle permita gañar as eleccións e retomar o goberno do Estado, ou opta por buscar rédito político a través dun contido do Pacto que leve a súa marca. Vai depender moito das presións e da propia estratexia da oligarquía española ao respecto, aínda que todo indica que está claramente posicionada a favor de dito Pacto. Non parece casual que fose Ciudadanos quen primeiro empezou a falar de reeditar un Pacto estatal similar aos Pactos da Moncloa, e non podemos esquecer tampouco, a boa sintonia que esta forza política ten coas empresas do IBEX-35.

Todo indica que desta vez, o contrario do que pasou nos Pactos da Moncloa, o goberno español non vai poder contar coas forzas políticas nacionalistas máis a dereita e, está claro tamén, que o nacionalismo de esquerdas, nen antes nen agora, vai entrar nesta proposta política. Polo que respecta ás forzas sindicais españolas maioritarias, hai que dar por seguro que van ser fortes defensoras deste Pacto, pois nen a nivel ideolóxico nen de práctica sindical lles supón contradición algunha (se serían partidarias dun Pacto deste tipo gobernando a dereita, nono van ser se quen o propón é un goberno amigo).

Desde o nacionalismo galego, é dicir, desde a esquerda real no noso país, temos que ver nesta crise a oportunidade para reforzar diante da sociedade galega, especialmente entre as clases traballadoras, a defensa das nosas alternativas, do noso modelo económico, social e laboral para Galiza, fronte ao modelo inxusto, explotador, opresor, inhumano, antidemocrático, como é o capitalismo, negador do dereito das persoas a unhas condicións de vida dignas, a traballar e vivir na propia Terra, á igualdade e liberdade dos seres humanos, ao respecto polo medio ambiente, á soberanía de todas as nacións.

Non podemos permitir que o capital se saia coa súa, aproveitando o enorme control que ten sobre os grandes medios de comunicación de masas, para socializar a idea entre o pobo de que esta crise económica está provocada polo coronavirus. O COVID-19, o que viu foi adiantar, precipitar, unha crise económica mundial que tiñamos ás portas, derivada dun sistema capitalista en crise, que para manter as súas marxes de ganancia, o seu modelo de acumulación, concentración e centralización da riqueza, segue a fomentar unha economía especulativa, de enxeñeiría financeira, ficticia nun volume enorme, así como a favorecer a sobreexplotar da clase traballadora pola vía da precarización do traballo e a espoliar, vía globalización, a todas as nacións da periferia do sistema, entre as que está Galiza.

Cómpre pois que acompañemos as nosas alternativas de todo tipo - a curto, medio e longo prazo - para a saída da crise, dun debate ideolóxico sobre modelos de sociedade, sobre sistemas económicos, sobre intereses de clase, sobre o papel colonial de Galiza no contexto do Estado e da UE, que permita a formación e a toma de conciencia das clases populares galegas sobre estes aspectos, pois iso, xunto coa súa organización, vai ser a garantía de que entendan, abracen e defendan as nosas propostas e alternativas. E todo isto temos que facelo desde o nacionalismo tomando a iniciativa e sen medo.

Preparémonos para dar a resposta social adecuada a esta crise, resposta que necesariamente ten que ser concienciadora e mobilizadora. Non permitamos que este confinamento físico se converta tamén nun confinamento mental, pois este sería máis duro que o físico e moito máis letal para os nosos intereses de clase e nacionais.